“A Flavescencia Dourada pode ser unha grande ameaza para a viticultura española se non se contén a súa expansión”

O profesor Alberto Fereres resalta a importancia de conter a expansión da Flavescenica da vide para reducir a súa gravidade

Publicidade

“Os vectores de enfermidades emerxentes son unha grande ameaza para a agricultura europea, por exemplo, a Flavescencia dourada da vide pode ser unha grave enfermidade se non se contén a súa expansión”, destaca Alberto Fereres, xefe do Grupo de Insectos Vectores de Patóxenos de Plantas do Instituto de Ciencias Agrarias (ICA-CSIC).  Incide en que especies como Scaphoideus titanus, Trioza erytreae ou Draeculacephala robinsoni xa están instaladas en España, “pero outras moitas están aínda por chegar.

Síntomas visuais da Flavescencia Dourada da vide

Síntomas visuais da Flavescencia Dourada da vide. Imaxe de Alberto Fereres

O profesor impartiu recentemente unha sesión informativa en Pontevedra, organizada polo Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural. Esta xornada tivo lugar con motivo da ampliación do número de zonas demarcadas pola Xunta ante a presenza da Flavescencia dourada da vide.

Chegada da enfermidade

“Para introducir o tema da Flavescencia, hai que falar das enfermidades emerxentes”, explicou o profesor. Teñen unha incidencia que aparece de forma repentina e aumenta a medida que a poboación do hóspede (plantas que permiten a subsistencia ou o aloxamento dun axente infeccioso) crece. Adoitan ser causadas por virus RNA, pero tamén poden ser outros axentes os que atacan plantas e animais. “Hai exemplos, como o ébola ou a COVID, nos que pasaron de animais a humanos. A súa virulencia é moi grande”, afirma.

A maioría dos virus de plantas transmítenos os pulgóns (41 %) e a mosca branca (30 %). Tanto pulgóns como mosca branca teñen alta capacidade para reproducirse e tempos de xeración moi curtos.

A enfermidade chegou a Europa por Francia en 1949 e a súa fitoplasma afecta a oito dos principais países produtores de uva da UE

No caso da Flavescencia dourada, está causada por un fitoplasma (bacteria de parede celular) e é un parasito obrigado que vive en insectos e plantas. O axente bacteriano foi nomeado recentemente Candidatus Phytoplasma vitis, e o seu vector é o cicadelido da subfamilia Deltoceplhalinae, Scaphoideus titanus. A infección pode matar as vides novas e reducir en gran medida a produtividade das vides vellas.

O seu vector insecto, S. titanus, é nativo do leste dos Estados Unidos e Canadá, e crese que foi introducido en Europa durante a II Guerra Mundial ou antes, con portainxertos estadounidenses traídos para combater a filoxera. Actualmente é unha enfermidade ben coñecida en Europa, porque leva aquí desde 1949 que apareceu na rexión de Armgnac (Francia). Cabe puntualizar que o seu fitoplasma ocorre unicamente en Europa, en oito dos principais Estados membros da UE produtores de uva (Austria, Croacia, Francia, Hungría, Italia, Portugal, Eslovenia e España), así como en Suíza e Serbia.

Transmisión da Flavescencia

As especies alternativas de vectores en Europa son polífagos, pero ocasionalmente poden aparecer outros na vide (Orientus ishidae, Dictyophara europaea ou Phlogotettix cyclops). “Todos son vectores alternativos que manteñen infeccións primarias desde hospedeiros alternativos ata a vide. Tamén manteñen a enfermidade en espazos naturais”, aclarou Fereres e engadiu que hai numerosas plantas hóspede de FD como especies de Vitis ou Clematis vitalba, Alnus incana etc.

O Scaphoideus pon os ovos en agosto-setembro, na cortiza, e logo entran en diapausa ata abril, dando lugar a 5 estados ninfais (dura unhas 5-7 semanas o estado ninfal en España). Os adultos aparecen nos meses de xullo e agosto e a súa lonxevidade é aproximadamente de 1 mes, aínda que en Italia obsérvanse adultos ata outubro.

Gráfico do vector da FD. Imaxe de Alberto Fereres

Gráfico do vector da FD. Imaxe de Alberto Fereres

O fitoplasma transmítese por insectos de forma persistente e propagativa, estando restrinxido ao floema das plantas. Só se pode adquirir ou inocular cando o insecto vector se alimenta do floema. Non hai transmisión mecánica, pero si se pode transmitir por enxerto. “O tempo de latencia é de 2-3 semanas, pero tras acumularse nas glándulas salivares do insecto, pódese transmitir durante toda a vida do vector”.

Manexo da enfermidade

“A presenza do vector monitoréase actualmente colgando trampas amarelas pegañentas nos viñedos e contando directamente as ninfas debaixo da vide, para apoiar decisións sobre a aplicación de insecticidas e o seu momento”, mencionou o profesor e aclarou que “é un factor importante porque para facer un tratamento eficaz hai que saber cal é o momento preciso”.

Segundo Fereres, adóitanse aplicar 2-3 tratamentos contra ninfas e adultos, sempre que eclosionasen a maior parte dos ovos. Tamén é obrigatorio eliminar plantas infectadas e débese establecer unha zona tampón de polo menos de 1,3 km. Por último, débense eliminar todas as plantacións abandonadas, que son un reservorio de FD.

En Italia demostrouse que a variedade Moscato é tolerante á FD e induce unha alta mortalidade de S. titanus

O profesor destacou a termoterapia, como un tratamento eficaz. Trátanse con auga quente (45 minutos a 50ºC) aos patróns en estado de repouso e esquexes inxertados. “É eficaz para eliminar tanto o fitoplasma como os ovos do vector”. Tamén recalcou a importancia das plantas certificadas de variedades e patróns de vide, que poden evitar a Flavescencia dourada.

En canto ás variedades tolerantes a FD expón os resultados dun estudo que realizou no CSIC un investigador da Universidade de Turín (Italia). No mesmo indícase que ningún dos xenotipos explorados é inmune á Flavescencia dourada da vide, pero atopáronse algúns xenotipos pouco susceptibles dispoñibles para identificar trazos xenéticos involucrados na tolerancia/resistencia á FD. Avaliáronse as variedades Barbera, Barchetto e Moscato mediante a técnica Electrical Penetration Graph e os resultados afirmaron que a variedade Moscato, ademais de ser tolerante a FD, induciu unha alta mortalidade de S. titanus.

Outras ameazas

Entre outras ameazas que sofre a agricultura atópase a Xylella fastidiosa. Trátase dunha enfermidade coñecida que pode ocasionar perdas en cultivos como a vide e cítricos. Infecta a máis de 600 especies de plantas. En Europa é coñecida desde 2013, cando se identificou en Italia.

Presenza doutras ameazas nas vides

Presenza doutras ameazas nas vides. Imaxe de Alberto Fereres

Tamén hai enfermidades transmitidas por outros grupos de insectos que son de orixe bacteriano, que os transmiten as psilas (Psyllidae), vectores principalmente de bacterias e fitoplasmas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información