A vendima 2016 concluíu en Galicia cun descenso do 6,12% a nivel de produción respecto da de 2015, ata situarse nun total de 59,65 millóns quilos de uvas recollidas entre setembro e outubro, unha produción dun ano normal fronte aos 63,54 millóns da gran anada de 2015.
Así se desprende dos datos facilitados polos distintos consellos reguladores. A Denominación de Orixe Rías Baixas é a única que aumentou a colleita de uva esta campaña: un 4,7% máis ata situarse nos 33,4 millóns de quilos de uva. A principal denominación vitícola galega compensa así a caída rexistrada nas outras catro denominacións: un 29,77% menos en Valdeorras, que se sitúa nos 4,6 millóns de quilos de uva; unha caída do 18,30% en Ribeiro, finalizando esta vendima con 11,6 millóns de quilos de uva; mentres que en Ribeira Sacra a colleita finalizou con 5,58 millóns de quilos, un 9,85% menos e Monterrei foi a segunda denominación con mellor comportamento: 4,47 quilos de uva vendimados.
Denominación de Orixe: | Vendima 2016
(millóns de kilos) |
Vendima 2015 | Variación |
Rías Baixas | 33,4 | 31,9 | 4,70% |
Ribeiro | 11,6 | 14,2 | -18,30% |
Ribeira Sacra | 5,58 | 6,19 | -9,85% |
Valdeorras | 4,6 | 6,55 | -29,77% |
Monterrei | 4,47 | 4,7 | -4,89% |
TOTAL | 59,65 | 63,54 | -6,12% |
A primavera inusualmente chuviosa provocou unha importante incidencia do mildeu o que, xunto co verán extremadamente caloroso e saraibadas en Ribeira Sacra e en Valdeorras, fixo prever un descenso da colleita de uva en Galicia superior ao 20%. Con todo, as choivas de comezos de setembro, sobre todo en Rías Baixas, rehidrataron a uva, o que contribuíu a reverter as malas previsións.
En canto ao estado fitosanitario, os técnicos das cinco denominacións de orixe coinciden en destacar o bo estado fitosanitario da uva, cunha excelente maduración e un bo equilibrio entre alcol e acidez, o que fai presaxiar unha boa anada.