A veciñanza dos Ancares fixo chegar á sede da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, a súa preocupación sobre a ameaza de eliminar os banzados e presas tradicionais dos ríos dos Ancares.
“Algúns destes banzados son infraestruturas de orixe medieval, fundamentais para a viabilidade das explotacións gandeiras da zona, xa que permiten a rega e que os prados sigan sendo produtivos no verán e nas épocas de seca coma as que estamos sufrindo na actualidade”, apuntan desde o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares.
Impacto medioambiental positivo
Ademáis do seu impacto directo na actividade agrogandeira, os prados de regadío conforman unha paisaxe en mosaico, rompendo coas zonas de monte e evitando en gran medida a propagación dos incendios. Tamén contribúen a fixar máis CO2 no solo e forman parte do patrimonio tradicional e agrogandeiro deste territorio da montaña.
Un membro do CDR Ancares e un gandeiro do territorio, achegáronse á cidade de Oviedo en representación da veciñanza da montaña, para reunirse co Comisario de Aguas Gonzalo Gutiérrez. Nesta xuntanza fíxose entrega das numerosas firmas que se recolleron no territorio reivindicando a defensa dos banzados tradicionais.
A Confederación está inventariando os banzados
Por parte da Confederación transmitiuse nesta xuntanza unha mensaxe de calma á veciñanza e manifestouse que se está facendo un inventario no territorio para ver cales banzados están en uso e cales non. A partir deste inventario, convocarase unha xuntanza aberta á cidadanía para confirmar se os banzados catalogados como en desuso realmente o están. Finalmente, os banzados en desuso que supoñan un problema para o ecosistema fluvial ou para a protección civil, serán derribados.
Por outra parte, os banzados que están en uso e que non teñan a correspondente autorización legal, deberán ser legalizados. “Desde a Confederación Hidrográfica do Cantábrico comprometéronse a facer un acompañamento técnico para a tramitación de ditas autorizacións, de forma que se facilite a súa legalización”, sinalan desde o C.D.R. Ancares.