A poda da viña (II): por qué facela e regras xerais

Artigo de Paco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Neste artigo explica os principios xerais da poda da viña.

Publicidade
A poda da viña (II): por qué facela e regras xerais

Poda en guyot no Ribeiro.

Poda para darlle forma á videira

No ano de plantación e nos que seguen, a finalidade prioritaria é conseguir darlle á videira a feitura que se elixiu: evar o tronco á altura desexada e darlle a forma escolleita. É o que se chama conformar a estrutura ou esqueleto. Nunha plantación en espalier compre que todas e cada unha das plantas das filas sexan o máis homoxéneas posible, sobre todo na altura de formación.

Poda de planta adulta

Pasados de tres a cinco anos, en función da fertilidade do terreo e da propia complexidade da formación, unha vez que o esqueleto está terminado, comeza a poda de planta adulta. Esta ten varias finalidades:

Unha é a conservación da forma, procurando que o esqueleto se aguante no tamaño para o que foi deseñado. Expresado máis practicamente, tentar que o alongamento do corpo da videira sexa o máis lento posible no decorrer do tempo. Segundo van pasando os anos, nas videiras que se van “escapando,” fai falta empregar o serrón para volvelas á súa “estatura” normal. Unha viña sá que estea baixo a man dun bon podador vai ter un alongamento moi lento e pasarán moitos anos antes de se necesitar o uso so serrón.

“Nunha viña ben podada case non se utiliza o serrón”

Lamentablemente nos últimos tempos si que se están dando demasiados cortes de serrón para rebaixar cepas polo san por culpa da proliferación de enfermidades da madeira.

Co paso das décadas a caída de vigor é inevitable. O paso do tempo e os efectos de tantos e tantos cortes acumulados contribúen a ese estado. Fertilizacións e coidados axeitados poden ter algún efecto de recuperación. Podas moi rigorosas, rebaixando cando é necesario, poden axudar á súa revigorización. Agora ben, chegará unha altura en que o problema xa non é cousa dunhas poucas plantas, senón maioritario e o que procedería entón sería arrincar toda a plantación con vistas a plantar unha viña nova cando proceda.

Atender con esmero as viñas vellas, se están plantadas con boas castes, paga a pena pola excepcional calidade de uva que son capaces de dar.

Poda para regular a produción

A outra finalidade da poda é a regulación produtiva. Tender á obtención dunha colleita determinada en cantidade e homoxénea campaña tras campaña. Estes dous obxectivos, aos que non se debe renunciar, veñen relativizados no entanto polas variacións interanuais do clima. Unha mesma viña podería ter producións distintas se as castes non son as mesmas, ou segundo os diversos manexos que se lle der.

Eis o que antes comentaba sobre a capacidade de oscilación produtiva que pode dar unha mesma viña. Pode estar preparada, mediante un modo de manexo, para producir 5.000 kgs de uva por hectárea. Tamén o podería estar para chegar aos 12.000 kgs ou máis, segundo o nivel de fertilización, a disposición de rega, etc.

A norma básica da poda

Polo demais os cálculos de poda son bastante sinxelos. Un viticultor que lle vai facer a poda invernal a unha determinada cepa, antes de comezar a cortar deberá establecer unha relación que imos materializar cun exemplo:

Se a videira en cuestión presenta 7 sarmentos cun desenvolvemento normal para a caste de que se trate, podará de xeito tal que fiquen 7 xemas. Se a mesma cepa tivese 20 sarmentos tería que deixar 20 xemas. Nos dous casos estaría a podar correctamente.

Outro asunto ben diferente sería lidar a posteriori coa vexetación emitida en cadanseu caso, ante o inevitable xurdimento diferentes vexetativos.

A norma de contar os sarmentos dunha videira para deixarlle ao podar un número igual de xemas é correcta, pero engorrosa, principalmente en formacións complexas como por exemplo as parras.

Na práctica, un viticultor experimentado observa a golpe de vista as podas que se tiñan deixado no ano anterior e o aspecto dos sarmentos que saíron. Se aprecia un vigor normal, as podas novas serán de lonxitudes idénticas ás do inverno anterior. Ante un exceso de vigor, deberá podar un chisco máis longo. Por contra, se houber algún decaemento, podará máis curto.

O mecanismo da poda é ben coñecido polos vellos viticultores, que viñeron atendendo as viñas anos e anos nunha mesma localidade. Son os que mellor coñecen as evolucións das cepas e as peculiaridades de cada terroir.

A poda anual de inverno é imprescindible, pero non ten a potestade de determinar ela soa os comportamentos en todo o resto do ciclo vexetativo. É evidente que nunha viña de vigor moderado e cun deseño ben feito, a poda invernal vai incidir moito máis que noutra chea de vizo.

Na primeira todas os traballos de enrame, esladroado, despunta, esfolla, etc, van ser doados, por estar a tratar con plantas en equilibrio. Na segunda, por moi ben calculada que fose a poda, esta non vai resolver o lío que supón a emisión dun exceso de pámpanos cheos de vizo, medran moito é rápido, e antes de que campaneen sobre o último arame para ambas as bandas do espalier faise preciso despuntalos.

En viñas equilibradas, unha poda invernal ben feita contribúe a facilitar as operacións de manexo vexetativo.

Consecuencia disto é que o vigor interrompido provocará que rebenten netas por toda parte, tupindo aínda máis a parede foliar.

Así, o éxito da poda invernal vai condicionado a que a posterior agromada sexa razoablemente moderada de vigor.

O equilibrio ou o desequilibrio dunha plantación entitorada por arames non é debido unicamente ao vigor que que é capaz de transmitir o sistema radicular dunha determinada videira á parte aérea, senón en como se vai organizar espacialmente ese potencial.

Vides podadas en lira no Ribeiro.

Vides podadas en lira no Ribeiro.

Para isto mesmo, e para canalizar o alto vigor presumible en viñas que se pretendan plantar en filas anchas e en terreos fértiles ou de rega , foron deseñadas as formas múltiples (lira, lys, scott-henry, cortiña dupla de Geneve, etc). Ao distribuírse a vexetación da videira en dúas ou tres paredes foliares suficientemente delimitadas e separadas no espazo, restablécese o equilibrio. Outra cuestión é a complexidade de formación e o mantemento no tempo destes deseños.

A poda en plantas equilibradas é rápida e pracenteira mentres que en plantas sobrepasadas de vizo tórnase un traballo incómodo e desagradable.

Na poda invernal e ante un aspecto xeral de equilibrio na viña, o viticultor procura repetir criterios, quérese dicir que se os de campañas anteriores lle foron ben, realmente non tería por que haber grandes modificacións entre uns anos e outros. E realmente así ven sendo.

A importancia do clima e do abonado

De cando en veces hai excepcións, como cando xorden primaveras excepcionalmente quentes e húmidas que puxan pola vexetación, ou por contra excesivamente frías e secas que a retrae. Influencias climatéricas propician que a fertilidade das xemas sexa maior nuns anos que noutros.

Tamén pode acontecer que nas viñas en que a aplicación de emendas e fertilizantes non se efectúa regularmente campaña tras campaña (por exemplo gavia sí e gavia non), senón de golpe cada varios anos, vaian aparecer alteracións de vigor coincidindo cos períodos en que aumentan os nutrientes a disposición das raíces.

Cando un viticultor está a podar observa o vigor das cepas e actúa en consecuencia, en base ás regras citadas e ao aval da súa experiencia. Aprecia o aspecto das xemas, pero non pode saber cal é a súa fertilidade exacta, porque está oculta no seu interior, nos conos.

A técnica de forzar a agromación de xemas latentes a finais do verán

Con instalacións adecuadas, é posible forzar a agromación de mostras de xemas latentes a finais de verán, e así ter coñecemento anticipado da fertilidade real, dito doutro modo, da colleita potencial do ano seguinte. Con esta mostraxe contribúese a operar con maior exactitude na poda invernal. Isto non é práctica habitual, e menos aínda para os pequenos viticultores.

Hai viñas que están máis expostas que outras ás inclemencias do tempo. Os chupóns do tronco habitualmente vanse tirando segundo aparecen. Pasados o risco das xeadas de primavera e de choivas e fríos na purga, pódese dicir que a colleita está máis “segura”, e o viticultor terá a opción de eliminar algúns pámpanos da casca ou de xemas duplas se houber exceso, ou de mondar no pintor se for necesario.

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información