A poda da vide: datas e medidas sanitarias

Artigo de Paco Rego, técnico en Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Publicidade
A poda da vide: datas e medidas sanitarias

Cando hai que facer a poda da viña?

É importante a escolla das datas de poda invernal. Realmente, no relativo á poda, o concepto inverno esténdese máis alá do calendario estrito desta estación. Sendo casos minoritarios, hai quen comeza a poda en outubro e tamén quen a remata case que en abril.

A poda invernal debería comezarse a partires da caída das follas, ou polo menos cando están amarelas, a punto de cair, ou sexa xa inactivas).

Podas coa folla aínda verde, en actividade, son negativas para a videira. Podar tan cedo co pretexto de debilitar unha planta vigorosa de máis , ten a súa razón, pero á larga ese problema deberá ter outro tipo de solución.

Podar en xaneiro e febreiro parece o máis axeitado, contando con que a actividade da videira cambia segundo veñan os invernos e tamén segundo que zonas. Podar habendo choros non debería ter demasiado problema, porque o líquido que mana dos cortes é esencialmente auga.

“A poda debe facerse en xaneiro ou febreiro. En marzo, cando polo risco de xeadas primaverais, nos interese retardar o agromado”

As podas do tarde, avanzando marzo, cando as puntas das vides e das netas comezan a agromar, teñen un efecto retardador da entrada en vexetación, interesante nas localizacións onde os riscos de xeadas de primavera son maiores. Sen negar un certo efecto debilitante, neste caso o risco que se tenta evitar faino xustificable.

A realidade é que por diversas causas e especialmente nas grandes explotacións vitícolas o período da poda invernal dilátase cada vez máis. Este é un factor máis a repercutir na saúde da videira a longo prazo.

Medidas para evitar a transmisión de enfermidades durante a poda:

Poda significa ferida, ferida que fica aberta á contaminación aérea en canto non seca o corte.

Moito se ten discutido sobre as hipóteses de transmisión de enfermidades polas tesoiras de poda, non existindo un total acordo entre os investigadores sobre a súa relevancia. Ante a dúbida, pouco custa desinfectalas entre planta e planta, ou ben deixar para o final as videiras con síntomas e as sospeitosas.

O grao de afectación polas enfermidades da madeira cambia segundo as particularidades edafoclimáticas de cada zona ou de cada pago vitícola. Hai castes máis sensibles a unhas enfermidades que outras. O manexo de cada viticultor, e especialmente a súa maneira de facer a poda invernal, vai ter igualmente influencia.

Coñecer cantas enfermidades da madeira están presentes en cada unha das nosas zonas vitícolas non é fácil, debido a que nos últimos tempos se teñen introducido nas viñas bacelos procedentes de diversos países, e como é fácil de entender, os controis oficiais non sempre chegan a toda parte.

As enfermidades que levan aquí milleiros de anos non son as máis perigosas, porque a planta tivo tempo para adaptarse até chegar a un estado de coexistencia tolerable. Un ambiente adverso ou un manexo inadecuado por parte do viticultor son causas de que de cando en veces aparezan algunhas plantas afectadas. Por contra, a plantación de videiras contaminadas con doenzas estrañas aos nosos ecosistemas, que rompe o equilibrio existente, pode traer consecuencias graves. En tempos da chamada globalización estes riscos van existir de cotío.

“O principal: evitar grandes cortes, podar polo medio do entrenó, tesoiras afiadas e desinfectadas”

No que parece existir acordo é en que para certas enfermidades da madeira, como as do grupo esca-eutypa  -peculiaridades climáticas de cada campaña aparte-, os cortes de poda de gran sección son unha porta aberta para elas. Por tanto só se deberán efectuar en ultimo recurso e aplicando desinfectantes no momento en que non haxa choros.

Para unhas enfermidades recomendan podar cando os cortes choran, para así evitar que apousen as esporas que arrastra o aire. Para outras recoméndase podar sen choros e con tempo seco, aplicando un funxicida ao momento.

A min chamábame a atención hai anos ver a certos podadores vellos que preferían deixar alongar algo as videiras antes que ter que dar grandes cortes. Agora vexo que como tantas veces, tiñan razón. Contemplar viñas cáseque centenarias con tan poucas faltas é a mellor demostración.

En fin, tesoiras moi ben afiadas que dean cortes limpos para que esvare mellor a auga das choivas e dos orballos. Podar polo medio do entrenó ou polo diafragma do nó seguinte. Unha poda ben feita, comezando pola formación, e a ser posible realizada sempre polo mesmo viticultor ou como mínimo seguindo un criterio, vai contribuír á lonxevidade da planta.

O alcohol é un bon desinfectante para as tesoiras. Tamén a lixivia, tendo coidado de que non toque ás roupas porque as descolora.

Haberá enfermidades, das existentes ou das que vaian aparecendo, que puideran ser atalladas ou non con tratamentos preventivos ou/e curativos, de maior ou menor eficacia.

Sen ter en absoluto garantía de inmunidade, unha viña situada en ladeira ben ventilada, cun bon equilibrio vexetativo consecuencia dun deseño e dun manexo acertados, vai estar en mellores condicións de combater calquera mal que outra en desequilibrio manifesto.

No próximo artigo analizaremos a orixe das videiras e por qué é necesario podalas. 

Francisco Rego Martínez.

Enxeñeiro Técnico Agrícola. Técnico en Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información