A Plataforma mantense á espera de que cese a queima de cisternas

As organizacións do agro desmárcanse das accións e lembran que algúns ataques perxudicaron a traballadores autónomos. Demandan solucións urxentes para o sector

A Plataforma mantense á espera de que cese a queima de cisternas

Os ataques iniciáranse en Frades en marzo coa queima desta cisterna de Río.

As accións de control sobre a importación de cisternas de leite mantéñense ó ralentí á espera de que cesen as queimas de remolques e camións cisternas. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo xa se desmarcou publicamente dos ataques, unha posición que volveu reiterar onte a través de nota de prensa Unións Agrarias, un dos colectivos que participa da Plataforma.

A queima durante a noite de cisternas iniciárase en marzo cun remolque de Leche Río en Frades e nas últimas semanas recrudeceuse cos ataques sobre tres camións estacionados ó carón de Logística Alimentaria (Outeiro de Rei) e con outras dúas accións sobre cisternas de Reny Picot.

Desde Unións Agrarias lembran que parte dos ataques perxudicaron a traballadores autónomos que nada teñen que ver no conflicto entre gandeiros, industrias e cadeas de distribución.

Baixos prezos
A organización agraria fai tamén un chamamento para que Xunta e Ministerio busquen solucións para as granxas que teñen que entregar o seu leite a baixos prezos, en especial aquelas que están comercializando por baixo de 24 céntimos.

Tamén se pide que o Ministerio continúe a avanzar na aplicación do acordo lácteo, en primeiro lugar coa publicación do decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución. Outra cuestión na que cómpre avanzar, segundo Unións, é na trazabilidade e identificación da orixe do leite e dos productos lácteos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información