35 anos de Leche Celta en Galicia: historia e situación actual

Leche Celta incorporará á súa planta de Pontedeume unha nova liña de envasado de manteigas en formatos que irán dos 100 gramos ata o quilo. A empresa fai balance do seu percorrido

35 anos de Leche Celta en Galicia: historia e situación actual

Leche Celta cumpre 35 anos en Galicia, cun percorrido que se iniciou no 1989, cando Antonio Marchal establece unha primeira planta en Pontedeume, con tan só 15 empregados. Desde aquela, a industria atravesou por numerosas fases, ata o escenario actual, coa empresa como parte da cooperativa lusa Lactogal, desde o 2006, e con tres plantas operativas en España (Pontedeume, Cantabria e Ávila).

A industria está a celebrar o seu 35 aniversario en Galicia e faino cun repaso pola súa historia e polo seu escenario actual. Celta facturou no último ano 342 millóns de euros e conta con 383 empregados nas súas tres plantas (221 só en Galicia), así como con máis de 500 granxas proveedoras. Produce cada ano 380.000 toneladas de lácteos e en Galicia ten capacidade instalada para procesar 200.000 toneladas.

Entre as súas referencias comerciais, a empresa destaca o feito de que foi a primeira firma en lanzar o mercado en España o leite de pastoreo (2017). Esta liña complementaríase posteriormente con outra de leite ecolóxico, na que Celta é o segundo operador do mercado. Do mesmo xeito, a industria está a implantar, igual que a maioría de empresas, o certificado de benestar animal Welfair nas súas granxas proveedoras.

En paralelo ás súas marcas propias (Celta, La Vaquera e Campobueno), a industria envasa marcas de distribución, que comercializa a través de Iberleche, un proxecto no que tamén participaron no seu día Feiraco e Capsa, pero no que finalmente volveu quedar soa Celta, ante as dificultades de que por esa vía, de alianza de industrias, se gañase en poder de negociación coas cadeas de supermercados.

Como novidade máis inmediata, Celta anuncia a próxima incorporación á planta de Pontedeume dunha liña de manteiga, na que se envasarán formatos desde os 100 gramos ata o quilo.

O campo de golf de Miño regarase no verán con auga depurada da planta de Pontedeume

A industria subliña tamén o seu compromiso coa sustentabilidade, cun investimento de 7,9 millóns de euros no 2023 e 2024 en implementación de enerxías renovables, xestión de residuos ou reutilización de materiais. Un exemplo disto é o proxecto para reutilizar parte da auga empregada na planta de Pontedeume, previa depuración, para o posterior rego do campo de golf de Miño. A empresa tamén está a aumentar a sostibilidade dos envases e este ano ten previsto aumentar a porcentaxe de plástico reciclado nos packs, que pasará ó 70%, en lugar do 50% actual.

Como parte dos eventos do 35 aniversario, Celta sinala que está colaborando co patrocinio de distintos eventos deportivos e sociais, así como na actividade da Ong Aldeas Infantís.

Cronoloxía de Leche Celta

1987 – Constitúese Lácteos de Galicia (Lagasa), propiedade da familia Marchal.

1989 – Antonio Marchal pon en marcha a planta de Leche Celta en Pontedeume (A Coruña).

1994 – Inicia a actividade unha segunda planta en Meira (Lugo).

1996 – Ponse en marcha unha planta en Santander, baixo a filial Lácteos de Santander.

2000 – Véndese o 75% da sociedade á multinacional Dean Foods.

2004 – Adquírese unha planta en Ávila (Leche La Vaquera).

2006 – Lactogal merca Leche Celta, permanecendo desde entón como único propietario.

2017 – Lanzamento do leite de pastoreo, con certificación de benestar animal.

2018 – A planta de Meira, que envasaba a marca Hacendado para Mercadona, é adquirida pola cooperativa andaluza Covap.

2023 – Entrada na categoría de queixos, a través da súa planta de Ávila.

2024 – Incorporación dunha liña de manteiga á planta de Pontedeume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información