A Plataforma decidirá este mércores se prosegue co bloqueo ás industrias

Está á espera de acadar un preacordo coa industria e coa distribución para levantar o bloqueo antes do día 22. O bloqueo centraríase nas industrias e na distribución que non queira sumarse. Lactalis, unha das máis reticentes a subirlle o leite aos gandeiros. A decisión tomarase nunha asemblea mañá pola mañá en Lugo.

A Plataforma decidirá este mércores se prosegue co bloqueo ás industrias

De esquerda a dereita: Román Santalla, Anxo Escariz e Xosé Ramón Cendán

O bloqueo xeral ás industrias lácteas podería levantarse a partir de mañá, para centrarse nas industrias e na distribución que non están dispostas a subirlle o prezo aos gandeiros. Todo depende dun preacordo que está a negociar a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego coas industrias e coas cadeas de distribución que si están dispostas a aplicar esa suba. A decisión tomarase mañá nunha asemblea da plataforma que se celebrará en Lugo.

Así o anunciaron esta tarde en rolda de prensa na capital lucense varios membros da Plataforma, quenes recoñeceron “xestos positivos pero insuficientes por parte da industria e da distribución, non toda”, con subas do leite de 3 céntimos (1 a industria e 2 a distribución) que se repercutirían nos gandeiros. “Pero para nós é claramente insuficiente, a suba debería ser de 6 céntimos no litro do leite, a repartir a partes iguais entre industria e distribución”, apuntan fontes da Plataforma.

Na rolda de prensa, o portavoz da Organización de Productores de Leche (OPL), Anxo Escariz destacou que “despois dun mes de mobilización empezamos a ver como industria e distribución empezan a reaccionar con xestos positivos, pero aínda non están todas as empresas pola labor”.

Neste sentido, Escariz anunciou que “estamos en conversas coa industria e distribución para que entre esta tarde e mañá pola mañá se comprometan coa Plataforma nun preacordo de suba de prezos que estaría en vigor ata o 22 de setembro, cando, en principio o Ministerio ten previsto que se asine o acordo definitivo”.

 Escariz: “Está visto que a mobilización é a única forma de lograr avances”

Isto permitiría que as explotacións deixasen de tirar o leite e centrar os bloqueos nas industrias e nas cadeas de distribución que se negan a aplicar unha suba do prezo do leite aos gandeiros e a asinar o acordo de Madrid.

Román Santalla, de Unións Agrarias recoñeceu tamén que “estamos en conversas coa distribución, industrias e co Ministerio”. Recoñeceu que se deron pasos “pero que se quedan cortos, porque a suba debería acadar entre os 5 e os 6 céntimos por litro”.

Igualmente, informou de que lle achegaron alegacións ao último documento presentado polo Ministerio. Entre elas, Santalla salientou a de que “figuren uns prezos mínimos, e pódese facer cumprindo a legalidade incorporando o documento xa elaborado pola INLAC.

Pola súa parte, Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego, recoñeceu que “a angustia das familias é grande porque os prezos son baixos e están tirando o leite”. Neste sentido, instou ao Ministerio a que “apure o máximo posible o acordo porque está a crear un problema grave”.

Este mércores está prevista en Lugo unha asemblea da Plataforma na que se decidirá se se mantén o bloqueo sobre todas as industrias ou se levanta para centralo nas industrias e na distribución que non quere asinar o acordo.

“Está demostrado que a única maneira de chega a un marco estable para o gandeiro é coa presión. Levamos un mes de mobilizacións e empezamos a ver resultados”, concluíu o portavoz da OPL, Anxo Escariz.

Lactalis denuncian pola vía xudicial aos gandeiros que bloquean a súa planta de Vilalba

Bloqueo_lactalis_policia

A Garda Civil desprazouse esta tarde á planta de Lactalis en Vilalba

Unha das industrias máis reticentes a asinar o acordo de Madrid e a aplicar unha suba de prezos do leite ao gandeiro é a multinacional francesa Lactalis. Os gandeiros que dende hai tres días bloquean a súa planta de Vilalba recibiron esta tarde a visita da Garda Civil para comunicarlles que a empresa decidiu denuncialos por impedir a saída esta mañá de 3 camións da planta. Iso supón un salto cualitativo por parte da multinacional francesa xa que os gandeiros poderían enfrontarse a penas de cárcere.

Una idea sobre “A Plataforma decidirá este mércores se prosegue co bloqueo ás industrias

  1. José Luis

    Os galegos tiramos o noso leite mentras no resto de España e Europa están encantados, canto máis tiremos nos máis nos poderán vender eles. Parece que para algúns este é o camiño correcto.
    De todas maneiras, como vían que non había tractores dabondo xa se encargaron de xuntalos a base de coaccións e ameazas: “si non levas o tractor atente as consecuencias”
    Hai outras maneiras de presionar, sobretodo sabendo que a principal culpable é a distribución, sin acabar de arruinar a tantos gandeiros que xa veremos como fan para pagar as facturas deste mes.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información