A importancia dun bo ensilado para evitar toxinas

Mario García, de 3F Tecnology, falou nas xornadas técnicas de Delagro celebradas en Cimag-GandAgro 2015 da importancia de acadar un PH de 4 e a ausencia de oxíxeno o antes posible para evitar a aparición de micotoxinas perxudiciais para o gando e para o consumidor.

A importancia dun bo ensilado para evitar toxinas

Mario García durante a súa ponencia.

Facer o ensilado da forraxe en boas condicións de PH e ausencia de oxíxeno, así como utilizar aditivos para garantir unha boa fermentación deberían ser a regra xeral en todas as explotacións gandeiras á hora de facer o ensilado das forraxes, e especialmente do millo. Así o puxo de manifesto o director técnico de 3F Tecnology, Mario García, na xornada técnica de Delagro sobre conservación do silo que se celebrou no marco da feira Cimag-GandAgro 2015 en Silleda.

E é que tal e como subliñou o experto “o silo de forraxe é un dos poucos factores sobre os que pode incidir o gandeiro para mellorar a rendibilidade da súa explotación, para aumentar a produción e a calidade do leite que produce, a saúde dos seus animais e tamén a saúde dos consumidores”.

Temos que conseguir ausencia de oxíxeno e un PH baixo o antes posible

Mario García lembrou que a ensilaxe é unha técnica de conservación do forraxe húmido en ausencia de oxíxeno. “Polo tanto -subliñou-, a ausencia de oxíxeno é clave xunto cun PH baixo, de arredor de 4 puntos ou menos”. Advertiu de que isto “temos que conseguilo o antes posible dende que cortamos o forraxe, pois partimos dun PH no momento da corta de 6,5 e canto máis tardemos en baixalo a 4 máis tempo lle daremos aos fungos e clostridios para que se desenvolvan e para que haxa fermentación butílica apodrezendo a forraxe”.

“Temos que facer as cousas ben porque se nos equivocamos non hai máis oportunidades ata o seguinte ano”

Unha vez que consigamos ese PH baixo, de nivel 4, no silo lembrou que “temos que mantelo nese nivel o máximo tempo posible ata o seu consumo e en toda a masa forraxeira”.

Neste sentido, lembrou que “o silo ben feito ten un cheiro escaso e agradable, do contrario é que o silo non fermentou ben e teremos problemas”.

Importancia da altura do corte

A parte da ausencia de oxíxeno e da rapidez entre o corte e o ensilado, outros factores que inflúen son, entre outros a altura de corte. Neste sentido, o ponente advertiu de que “se cortamos moi baixo o millo imos coller terra e esporas de clostrídios”. Ademáis, lembrou que “a parte máis leñosa do talo é máis difícil de compactar e vai ser máis fácil que entre oxíxeno”. A altura de corte recomendada é a 20 cm do chan, tal e como se indica nesta táboa:

ALTURA DE CORTE

CONTIDO EN ESPORAS BUTÍRICAS

2 cm (baixo)

83000

20 cm (alto)

4000

A máis altura de corte máis enerxía neta e menos fibra. No caso de observar problemas de Fusarium recoméndase aumentar a 50 cm a altura de corte.

Canto máis picado mellor

Outra recomendación do técnico de 3 F Tecnology para unha boa conservación do silo é o grao de picado. Neste sentido, a recomendación é clara: “canto máis picado mellor porque compacta máis e será máis difícil será que entre oxíxeno no interior”.

Ademáis, salientou a importancia de que os graos de millo tamén teñen que estar rotos “pois do contrario o almidón non se libera e non hai comida para facer a fermentación láctica”.

A altura da capa de forraxe para o pisado non debería superar os 10 centímetros

Outro factor a ter en conta é a densidade e a altura de capa. “As capas deben ser o máis finas posibles para que o peso das rodas do tractor sexa o máis efectiva posible” explicou Mario García.

Neste sentido, tal e como se aprecia na gráfica, como mínimo debe haber de 225 kilos de materia seca por metro cúbico, o que equivale a unha altura de capa de 10 centímetros.

delagro_cimag_silos_micotoxinas_03_miniatura

Outro consello, “se temos máis materia seca teremos que ir amodo co tractor para compactala adecuadamente e impedir a entrada de oxíxeno”.

O perigo das aflatoxinas

Un síntoma de que un silo non está ben feito é cando aparecen puntos de calor no mesmo. Cando ocorre isto non só se está perdendo enerxía senón que, o que é máis grave, estanse xerando micotoxinas que serán prexudiciais tanto para o gando como para o consumidor.

As máis perigosas son as aflatoxinas, producidas polo fungo aspergillus, que, a través do leite das vacas, poden afectar gravemente á saúde humana.

E precisamente é no silo de millo onde máis está presente o fungo aspergillus, por tratarse dun fundo de almacenamento, tal e como se mostra no recadro:

delagro_cimag_silos_micotoxinas_07_miniatura

Ademais, as aflatoxinas son moi solubles en auga, polo que cando chove poden estenderse a outras partes do silo.

A mellor ferramenta: prevención e facer ben o traballo de ensilado

A preguntas do público sobre a importancia dos inoculantes para previr a aparición de problemas no silo, o director técnico de 3F Tecnology afirmou que “os secuestrantes de micotoxinas e os controladores de fermentación, tanto aditivos como químicos, son unha ferramenta máis, pero o importante é facer o traballo canto antes e facer prevención”.

Afirmou que unha gandería que faga un silo de 1.000 toneladas “estase xogando 60.000 euros cando o aditivo para asegurar a fermentación dese silo rolda os 1.500 €”. “Non merece a pena arriscarse: hai que facer ben o traballo de ensilado e non escatimar diñeiro nos aditivos para asegurar unha correcta fermentación”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información