A “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” centrarase con especial incidencia nos sectores forestal e agrario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou no acto de presentación que na elaboración do documento se tivo en conta a configuración do tecido empresarial, as peticións dos sindicatos e as achegas doutras áreas da Xunta

A “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” centrarase con especial incidencia nos sectores forestal e agrario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participa no acto de presentación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. O documento, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), contou co consenso dos interlocutores sociais, algo que a representante autonómica quixo poñer en valor porque contribúe a fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro.

Rivo subliñou que a nova estratexia tivo en conta no seu deseño a configuración do tecido produtivo galego -integrado de xeito principal por pemes e micropemes-, as peticións das entidades sindicais e as achegas doutras consellerías da Xunta.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade agradeceu o consenso acadado na configuración do documento coa meta última de reducir a sinistralidade e mellorar as condicións de traballo a través da mellora da xestión preventiva. “Seguiremos sentándonos, dialogando e xerando debates construtivos coa sociedade para seguir avanzando na xeración dun mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro”, rematou a conselleira. “O traballo abre as portas do benestar e o benestar é imprescindible no traballo”, recalcou.

O novo marco estratéxico nace para avanzar na consolidación da calidade do emprego. Galicia está a sentar as bases para crear contornos de traballo seguros, saudables e sustentables. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas.

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. conta cun orzamento de 55,8M€ para todo o período de vixencia.

Entre os seis obxectivos estratéxicos e as máis de 135 medidas a desenvolver, recolle actuacións para adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías nas contornas laborais, como a intelixencia artificial, a big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo.

Unha das prioridades será a de enfrontar os riscos psicosociais que afectan ás persoas traballadoras (estrés, violencia, desgaste laboral…) e tratar de reducir, con carácter xeral, os danos na saúde das persoas, tanto accidentes laborais como enfermidades profesionais. Na mesma liña quere combater patoloxías non traumáticas, riscos ergonómicos e os relacionados coa exposición a substancias e axentes perigosos.

FOTOS ISSGA MOTOSERRA ENTREVISTA 2

Especial atención á reducción da sinistralidade no sector forestal e agrario

A nova estratexia, doutra banda, mira aos colectivos vulnerables ante o traballo e incidirá en sectores con alta sinistralidade. Menciona o forestal, a pesca, o dos coidatos ou a construción como algún dos prioritarios. Tamén terá en conta o idadismo e a diversidade xeracional para incidir na mellora da seguridade e saúde no traballo.

A Xunta de Galicia avogará por xerar coñecemento e sensibilizar na cultura da prevención a persoas traballadoras, empresarios e mesmo ao alumnado, nas diferentes etapas educativas, polo que no novo marco reforzarase a formación.

Medidas concretas

No caso concreto do eido forestal, a Estratexia persegue incidir nos equipos de traballo, na organización do traballo, en medidas de emerxencia e coordinación de actividades, con actuacións como:

A. Promover melloras nas operacións de maior risco e alta sinistralidade, facilitando asesoramento técnico, documentación, etc. aos servizos de prevención de riscos laborais do sector. Impulso da xestión mancomunada da prevención de riscos laborais.

B. Programa de prevención de riscos e redución da sinistralidade na industria forestal, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal destes accidentes, incluídos os do persoal autónomo.

C. Achegar información sobre o uso seguro de equipos de traballo, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter práctico.

No caso do sector agrario, atenderase especialmente aos lugares de traballo, silos, caídas de altura, equipos de traballo, tractor e outra maquinaria agrícola e á aplicación segura de fitosanitarios. Utilizarase como instrumento técnico as coleccións Implanta e Actúa do Issga.

Descarga aquí o documento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información