A axuda europea será de 1 céntimo por litro de leite producido entre abril e xullo

O Ministerio de Agricultura clarificou esta mañá como quedará o reparto das subvencións para compensar ás explotacións lácteas pola crise de prezos do sector

A axuda europea será de 1 céntimo por litro de leite producido entre abril e xullo

O reparto das axudas farase en teoría antes de fin de ano.

O Ministerio de Agricultura distribuirá entre o sector lácteo 45,5 millóns de euros de axudas para compensar ás explotacións pola crise de prezos do leite. Dos 45,5 millóns, 25,5 corresponden ás axudas europeas que veñen da UE, que recibirán todas as explotacións, e 20 millóns a aportacións estatais, que irán para as explotacións que cobraran menos de 28,5 céntimos en cada liquidación mensual entre abril e xullo.

Os 25,5 millóns da UE, catalogados como axuda básica, distribuiranse cos seguintes criterios, segundo a información que manexa Unións Agrarias-Upa, tras asistir esta mañá a unha reunión técnica no Ministerio:

– Beneficiarios: Todas as explotacións.
– Importe: 1 céntimo por litro de leite entregado entre abril e xullo.
– Límite por explotación: 50.000 euros.
– Prazo de solicitude: non hai que facela.
– Data de cobro: decembro.

Os 20 millóns de aportación estatal, calificados como axuda complementaria, repartiranse cos seguintes criterios, segundo as mesmas fontes:

– Beneficiarios: Explotacións que entre abril e xullo cobraron menos de 28,5 céntimos en cada liquidación mensual (sen IVE).
– Importe: 300 euros por vaca para as explotacións que cobraron ata 25,9 céntimos; e 110 euros por vaca para as que cobraron menos de 28,5 céntimos.
– Límite por explotación: 10.000 euros.
– Prazo de solicitude: 10 días hábiles a partir do luns 19 de outubro a través da sede electrónica do Ministerio.
– Data de cobro: Finais de novembro.
– Observacións: Trátase dunha axuda de minimis. Cada explotación non pode recibir máis de 15.000 euros cada 3 anos por este tipo de axudas.

Finalmente, na axuda por vaca o Ministerio optou por facer un reparto uniforme para todo o Estado. Nun principio, o decreto ministerial apuntaba a que se establecerían diferentes umbrais de prezo para o cobro da axuda en función da comunidade autónoma na que estivese a explotación, pero en último termo optouse por unha distribución uniforme a nivel estatal.

Valoracións de Asaja Galicia
Asaja Galicia vén de enviar unha nota de prensa na que amosa a súa satisfacción polo reparto do Ministerio. A organización agraria cifra as axudas estatais por vaca que virán para Galicia nun 83% do total repartido en España. Hai máis de 5.700 granxas galegas que cobrarán as axudas por vaca. Son 1.882 as que percibirán a axuda de 300 euros por animal e 3.847 as que cobrarán 110 euros, segundo os datos que manexa Asaja Galicia. En Galicia quedarán sen percibir ningunha destas subvencións algo máis de 3.500 explotacións.

Tramitación
Para a tramitación da axuda estatal por vaca, tanto Unións Agrarias como Asaja anunciaron xa que están a disposición dos seus asociados para encargarse da solicitude telemática a partir do luns, cando estará habilitada unha aplicación ó efecto na web do Ministerio. Será preciso que os interesados aporten:
– Contrasinal da oficina agraria virtual (Para coñecer o censo de animais a 1 de outubro, que serán os que teñan dereito a axuda, e para apuntar un crotal dunha vaca e o da súa nai, que son datos precisos para o trámite).
– Número de conta bancaria.
– Liquidacións do leite de abril a xullo do 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información