Consellos para un bo ensilado de herba

O bo tempo está a adiantar o ensilado da herba. Velaquí uns consellos do LIGAL e do CIAM para realizar o traballo coas mellores garantías nutricionais e sanitarias.

Consellos para un bo ensilado de herba

Traballando no ensilado da herba. Autor: CIAM

En Galicia, a técnica de conservación básica da herba é o ensilado. Habitualmente, as explotacións de vacún galegas dependen do ensilado durante un período que pode oscilar de entre 4 a máis de 6 meses ao ano. As explotacións máis intensivas tenden a consumir ensilado todo o ano.

Resultados dun recente estudo sobre a estrutura das explotacións leiteiras galegas mostra que, de media, a forraxe representa o 61% da materia seca da ración ofrecida no pesebre, da cal aproximadamente a metade corresponde a ensilado de herba, unha terceira parte a ensilado de millo e o resto a forraxes secos (Pereira-Crespo et al., 2014).

O valor nutricional do ensilado está condicionado fundamentalmente pola calidade da forraxe no momento do corte e polo tipo de fermentación desenvolta durante o almacenamento no silo. O éxito na realización do ensilado baséase en reducir ao mínimo as perdas de valor nutricional da forraxe orixinal durante todo o proceso, que afectan sobre todo ao valor proteico e á inxestibilidade voluntaria (apetecibilidade) do ensilado polo gando. Un sistema eficiente de produción de vacún de leite baseado nas forraxes esixe a utilización de ensilados de elevado valor nutricional.

Polo tanto, os obxectivos básicos na obtención dun ensilado de calidade son: ensilar herba de alto valor nutritivo e asegurar unha correcta conservación destas forraxes.

Calidade da herba colleitada

A elección da data de corte é o factor que condiciona máis estreitamente o valor nutritivo da herba. A produción aumenta e a calidade da herba descende a medida que se retrasa a data de colleita.
Existe ampla información obtida no CIAM sobre a variación da dixestibilidade e composición química de diferentes tipos de pasto coa madurez da herba, que se poden facer extensivas a grande parte da Galicia atlántica onde se centra a produción de leite. A elección da data do primeiro aproveitamento ten unha importancia decisiva sobre a dixestibilidade da forraxe colleitada.

No seguinte cadro reflíctese a evolución da dixestibilidade da materia orgánica (DMO) determinada in vivo, de ensilaxes de herba de pradeira en función da data de aproveitamento no primeiro ciclo. Durante o mes de maio, o descenso medio da dixestibilidade foi de 2,8; 2,6 e 1,7 unidades de DMO (%) por semana de atraso na data do primeiro aproveitamento. Outros resultados anteriores (Flores, 1985a) indicaban, para pradeiras mixtas, descensos de dixestibilidade da materia seca (así mesmo medida in vivo) de 2,67 e 3,50 unidades por semana no mesmo período.

ensilado_cadro_dixestibilidade
Efecto da data de corte na dixestibilidade de ensilaxes de herba de pradeira
Fonte: Flores et al. (1997)

Noutro estudo realizado no CIAM por Flores et al. (2013) avaliáronse seis variedades de raigrás italiano e híbrido, na táboa 1 mostrase a evolución das medias de PB (%MS) e IVDMO (%) co avance da madurez no primeiro ciclo de crecemento, destacando a redución dos valores enerxético e proteico de maneira importante ao descender a dixestibilidade in vitro da materia orgánica desde 82,1 ata 70,7% e o contido de PB desde 14,7% ata 5,2%. Polo que se recomenda non retrasar a data do primeiro corte máis tarde de finais de abril, pola importante caída da calidade que se produce a partir do espigado do raigrás.

TÁBOA 1

Valores medios de proteína bruta e dixestibilidade in vitro da materia orgánica de seis variedades de raigrás italiano anual e híbrido no primeiro ciclo de crecemento en primavera

ensilado_cadro_dixestibilidade_2

Fonte: Flores et al. (2013)

Calidade de conservación dos ensilados de herba

A calidade fermentativa dun ensilado está determinada pola súa aptitude para fermentar correctamente (ensilabilidade) e pola correcta execución da técnica de ensilado. Existen 3 aspectos fundamentais que caracterizan a ensilabilidade dunha forraxe:

-O contido en materia seca da forraxe, importante tamén pola produción de efluente que ocasionaría importantes perdas de materia seca e un grave risco medioambiental.

-O contido en azucres da planta, xa que son o substrato para a fermentación láctica.

-A capacidade tampón, que se define como a resistencia que presenta a forraxe ás variacións de pH. Canto maior sexa a capacidade tampón dunha forraxe máis ácido láctico será necesario que se forme no ensilado para poder acadar o pH de estabilidade.

Na táboa 2 móstranse os contidos de materia seca e de azucres e a capacidade tampón dalgunhas leguminosas, gramíneas e da planta enteira de millo, antes de ser ensiladas.

En xeral, as leguminosas ensilan peor ca as gramíneas e as distintas especies se ordenarían, en canto á facilidade para ensilar, da seguinte maneira:
millo > rg italiano > rg inglés > festuca > dáctilo > trevo violeta > alfalfa.

TÁBOA 2
Variación dos contidos en materia seca, carbohidratos solubles en auga e poder tampón dalgunhas leguminosas e gramíneas no momento de colleita óptimo

ensilado_cadro_3

O proceso de ensilado

Os principios de conservación mediante ensilado son o descenso rápido do pH da masa de forraxe mediante a fermentación láctica e o mantemento das condicións de anaerobiose.

De entre as condicións necesarias para que un ensilado teña unha correcta calidade de conservación destacamos:

• Conseguir unha situación de anaerobiose na masa da forraxe o antes posible, de maneira que a ausencia de oxíxeno limite a respiración da herba, e que imposibilite o desenvolvemento da flora aerobia putrefactiva. A utilización de silos de paredes de obra de fábrica, o seu enchido rápido, a finura de picado, a utilización de films plásticos de boa calidade e o coidado na execución do peche permiten satisfacer esta primeira condición.

•Unha diminución do pH a valores suficientemente baixos e de maneira rápida co obxectivo de:

  1. ­ Limitar a actuación dos enzimas proteolíticos da planta, que degradan as proteínas a aminoácidos incrementando o contido de nitróxeno (N) soluble. A proteólise enzimática diminúe ao mesmo tempo que o pH e se detén no umbral do pH 4,0. A súa importancia nutricional reside no feito de que o N soluble é rapidamente transformado en amoníaco no rume.
  2. Reducir o crecemento de bacterias da familia Enterobacteriae (entre as que se encontra Escherichia coli) que, sendo anaerobios facultativos, son os primeiros microorganismos do ensilado que se desenvolven.
  3. Impedir o desenvolvemento das bacterias do xénero Clostridium (anaerobios obrigados e formadoras de esporas) as cales teñen capacidade de transformar os azucres e o ácido láctico en ácido butírico e gas, o que implica un incremento do pH e importantes perdas de materia seca. A flora butírica proteolítica degrada proteínas e aminoácidos transformándoos en amoníaco e ácidos graxos volátiles (acético, propiónico, butírico) e diversas aminas potencialmente tóxicas para o animal.

Un ensilado con fermentación tipicamente clostrídica caracterizase polo alto pH e os altos contidos en ácido butírico, amoníaco e aminas.

Os ensilados que desenvolven unha fermentación butírica acusada presentan, polo tanto, as seguintes desvantaxes: a) altas perdas de materia seca e enerxía durante o almacenamento, b) baixa inxesta, c) valor nitroxenado reducido, d) en casos extremos presentan problemas de toxicidade potencial para o gando e, adicionalmente, e) existe risco de contaminación ambiental da leite por esporas, o que interfire nos procesos de transformación da leite en determinados tipos de queixo.

Un descenso rápido de pH a valores próximos de 4,0-4,2 diminúe a posibilidade de crecemento clostridiano no silo.

As perdas no ensilado

O proceso de ensilado implica sempre perdas de materia seca, enerxía e valor nutritivo en xeral, respecto da forraxe orixinalmente colleitada. As perdas de materia seca no ensilado poden oscilar, en condicións prácticas, do 5% a máis do 35% en casos extremos.

Deficiente fermentación, produción excesiva de efluentes e sobre todo entrada de aire no silo son as tres causas principais das perdas durante o almacenamento. As perdas máis elevadas de materia seca se deben á produción de efluentes no silo no caso de forraxes ensilados con menos do 20% de materia seca e, no caso de ensilados fortemente presecados con niveis de materia seca do 35-40% e superiores, á entrada de aire no silo. A presenza de fungos nos ensilados deteriorados por entrada de aire constitúen un risco sanitario para as persoas e os animais, que cómpre evitar.

Debe evitarse na medida do posible ensilar forraxes con menos do 20% de materia seca, recorrendo ao presecado se é posible. Unha axeitada organización das labores de ensilado debería limitar notablemente os efectos dunha deficiente fermentación.

Por último, o selado hermético do silo durante a súa execución e a conservación da súa integridade durante o almacenamento debe ser especialmente vixiado. Na Táboa 3, detállanse as perdas enerxéticas durante o proceso de ensilado con relación á enerxía aportada pola forraxe, antes da colleita, relacionándoas co factor causal.

TÁBOA 3

Perdas enerxéticas durante o proceso de ensilado e súas causas

Proceso

Clasificada como

Perdas (% total)

Factor causal

Respiración residual no silo

Inevitable

1-2

Enzimas da planta

Fermentación no silo

Inevitable

2-4

Microorganismos

Efluente ou

perdas no campo por presecado

Mutuamente inevitables

5 a >7

2 a >5

Humidade do forraxe, meteoroloxía, técnica, manexo, recolección

Fermentación secundaria (clostrídica)

Evitable

0 a >5

Humidade da forraxe, contido en azucres, poder tampón, caída de pH

Deterioro aeróbico:

  • Antes da apertura do silo

Evitable

0 a >10

Densidade, tipo de silo, calidade do selado, tipo de colleita

  • Despois da apertura do silo

Evitable

0 a >15

Ademáis das anteriores, técnica de desensilado, estación do ano

Total perdas

7 a >40

Fonte: Zimmer (1980)

Presecado e uso de aditivos

O presecado da forraxe no campo é a técnica convencional para reducir de maneira natural o seu contido en humidade até niveis que axudan a inhibir a actuación dos microorganismos indesexábeis (clostridios) e favorecer a dominancia dos microorganismos beneficiosos (bacterias lácticas).

O incremento do nivel de materia seca da forraxe a valores próximos ao 30% constitúe, na práctica, un dos métodos máis seguros para mellorar a calidade de fermentación dos ensilados, restrinxir a actuación das bacterias butíricas e evitar a produción de efluente.

ensilando_mabegondo_CIAM_02_standar

Labores de ensilado no CIAM. Autor: CIAM

A climatoloxía non sempre é favorable para realizar o presecado, por iso compre planificar adecuadamente as tarefas de ensilado, prestando especial atención as previsións meteorolóxicas.

O uso de aditivos no ensilado pode ser útil para mellorar a calidade do ensilado en certas ocasións. Os aditivos ácidos, a base de ácido fórmico, son acaídos nos casos de forraxes con alta humidade ou pouco presecados, en particular se son baixos en azucres. A súa aplicación poderá reducir algo as perdas pero non poderá emendar os erros dunha mala práctica no proceso de ensilado. Este sería o caso de recoller forraxe que foi deixado no campo tras a sega e afectada pola chuvia.

Os aditivos a base de bacterias lácticas (inoculantes) son tamén efectivos en forraxes cun baixo nivel de azucre e humidade moderada (MS >25%). Un cultivo de alfalfa non presecado (MS <20%) beneficiaríase do uso dun aditivo ácido. Se está moderadamente presecado (MS entre o 25 e o 30%) beneficiaríase tanto da adición dun aditivo ácido coma dun inoculante. No caso de estar ben presecado (MS entre 30 e 35%) sería beneficioso, pero non imprescindible, utilizar un inoculante.

Algunhas recomendacións :

– O atraso na data de corte só estaría xustificado en caso de climatoloxía especialmente adversa, con chuvias persistentes que impedisen a entrada de maquinaria nas pradeiras.

– Recoméndase realizar o presecado da herba cando a climatoloxía é favorable, chegado o momento axeitado para ser colleita.

– O picado do herba para ensilar é importante porque vainos permitir aumentar a compactación e diminuír a infiltración de aire. Recoméndase picar cunha lonxitude teórica de entre 15 e 30 mm.

– Asegurar unha compactación suficiente, espallando a forraxe picada en capas non moi grosas e utilizando o tractor máis pesado do que se dispoña e aumentar o tempo de pisado. Canto maior sexa a materia seca, maior debe ser a compactación.

– Realizar o enchido e peche do silo de maneira rápido pero sen descoidar o pisado.

-Asegurar un correcto peche e selado do silo e revisar regularmente para evitar a infiltración de aire no ensilado. Evitar as roturas no plástico ou polos bordes mal selados do silo.

-Recoméndase tapar a forraxe con dúas capas de polietileno negro cargándoas nos bordes cunha liña continua de bolsas de area, terra ou grava e no resto cunha capa máis densa de bolsas de area.

-Revisar regularmente a cuberta do silo e reparar as roturas que puideran aparecer no plástico.

-Os silos débense deseñar e dimensionar tendo en conta a demanda diaria de ensilado. Son preferibles silos altos, longos e estreitos, e varios silos pequenos que un único silo de gran tamaño.

– Recoméndase non botar máis de 3 días en retornar ao mesmo punto de avance na fronte do silo. A superficie da fronte debe ser o máis regular e compacta posible para reducir a infiltración do aire.

– Cómpre retomar os ensaios de avaliación agronómica e nutricional de especies comercias e variedades pratenses realizados de forma independente e sistemática desde as institucións públicas para proporcionar información fiable aos gandeiros e cooperativas.

Sonia Pereira Crespo, Marisa Barreal, Marta Rodríguez e Roberto Lorenzana, do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite e Gonzalo Flores, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información