A maioría dos datos que ofrece o mercado lácteo internacional resultan positivos para as granxas, xa que os factores que permitiron que se iniciara a recuperación de prezos no verán pasado continúan a consolidarse. De xullo a novembro, os prezos medios do leite no campo medraron na UE un 24%, ata os 31,8 céntimos / quilo, segundo as estatísticas do Observatorio Lácteo Europeo.
A mellora do escenario vén motivada por un conxunto de factores. A produción está baixar nos últimos meses tanto na UE como noutras grandes áreas produtoras, caso de Nova Zelanda e Australia. No caso de Europa, en outubro -último mes con datos- rexistrouse unha baixada dun 3,6% en relación ó mesmo mes do pasado ano. Con todo, a produción acumulada na UE no periodo xaneiro-outubro continúa a ser un 1,2% máis alta que a do mesmo periodo do 2015.
Demanda internacional
A menor produción veu acompañada na UE dun aumento das exportacións do 2,5% nos dez primeiros meses do ano. Melloraron as vendas ó exterior de manteiga (+33%) e de queixo (+13%), entre outros produtos, en tanto caíron as de leite en po desnatado (-17%) e enteiro (-3,5%).
O bo comportamento da demanda internacional, sobre todo en grandes importadores, como China ou os países árabes, está a levar nos últimos meses a un aumento progresivo dos prezos dos produtos lácteos industriais. Esa tendencia repercute tamén en positivo nos prezos do leite no campo.
Manteiga
A manteiga está na actualidade en Europa nun pico de 4’29 euros / quilo, a súa maior cotización no que vai de século; en tanto leite en po e queixos tamén emprenderon o camiño da recuperación. Desde o sector gandeiro, agárdase que a mellora do mercado lácteo se plasme nos contratos coas industrias lácteas, se ben o anuncio de Lactalis dunha suba de só 1 céntimo ata maio está a enfriar as expectativas.