Data inicio: 11/08/2023
Data fin: 13/08/2023
Lugar: Verín, España
Verín acollerá do 11 ao 13 de agosto a XVI Feira do Viño de Monterrei. Esta edición contará cun amplo programa de actividades, aptas para todos os públicos, que se sucederán durante as xornadas co obxecto de converter esta cita nun evento vitivinícola ineludible.
Ademais de iniciativas musicais e culturais, que terán lugar durante as tres xornadas da feira, tamén están programadas catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de actividades tradicionais para os máis pequenos da casa.
A primeira delas será ‘Introdución á cata dos viños de Monterrei’. Celebrarase o sábado 12 de agosto, a partir das 13 horas, e ten por obxecto a realización dunha viaxe polos distintos estilos da denominación, onde o público non só aprenda unha idea de como catar viños senón tamén a valorar o alto nivel conseguido nos viños deste territorio amparado, a través das diferentes variedades cultivadas. Esta actividade correrá a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía desde o ano 2021, graduado en enoloxía e director técnico dunha adega galega.
Ese mesmo día, pero xa ás 20.30 horas, terá lugar a actividade ‘Showcooking de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova) e cata-harmonía con viños da DO Monterrei (Miguel López, director técnico do C.R.D.Ou. Monterrei)’. Na mesma, os asistentes descubrirán diferentes elaboracións culinarias que serán maridadas con viños brancos e tintos da denominación, que lles permitirá experimentar diferentes sensacións e texturas enogastronómicas.
Na xornada do domingo, ás 13 horas, organizarase a actividade ‘Embaixadores de Monterrei’, dirixida a todo tipo de persoas con curiosidade polo mundo do viño. Esta iniciativa busca debullar e poñer en valor os viños da denominación, mencionando variedades, solos e climas. Será impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Catadoras – AGASU, ademais de catador formado no Instituto Galego do Viño, formador no mesmo centro durante dez anos, e organizador de diferentes eventos para revalorizar o viño galego ao longo da xeografía nacional.
Para participar nas catas é preciso formalizar a inscrición. As prazas son limitadas e teñen un custo de 5 euros
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda.
Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 12 e 13 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, billar aéreo, tangram ou ra, entre outros. Non é necesaria a inscrición previa, e a área infantil establecerase na zona sur do devandito parque.
Confraría dos Viños de Monterrei
Os actos de celebración da feira comezarán xa o vindeiro venres, día 11 de agosto, coa imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, no que serán nomeados tres novos integrantes da mesma. Este acto levarase a cabo na Igrexa Parroquial de Verín, a partir das 18.30 horas (entrada libre ata completar aforo). A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e conta na actualidade con 49 membros (algúns deles nomeados a título póstumo).
Nesta ocasión, sumarase á Confraría dos Viños de Monterrei, Luís Buitrón Barrios, actual presidente da Federación Española de Enoloxía (FEAE). Buitrón estudou enoloxía na Escola de Viticultura e Enoloxía de Requena (Valencia). Iniciou a súa actividade profesional en Galicia, traballando en adegas de Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas e Monterrei e trasládase posteriormente á zona de Ribeira do Douro e León. Buitrón foi director técnico do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra e na actualidade dedícase ao asesoramento de adegas en Galicia, Asturias e Castela e León.
O que será novo membro da Confraría dos Viños de Monterrei afirma que nesta denominación de orixe -un dos berces do Godello- están a producirse dos mellores monovarietais de España desta variedade. “O contraste térmico brutal de Monterrei esculpe unha maduración única no Godello”, reivindica.
“Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa”: afirma Luís Buitrón
Así mesmo, o presidente do colectivo profesional dos enólogos españois destaca a potencia do Godello de Monterrei como unha das maiores de todos os territorios peninsulares. “Os monovarietais que se están producindo hoxe de Godello en Monterrei e Valdeorras son dos mellores da Península”, valora. Ademais, recorda que o seu cultivo ten unha longa tradición en Monterrei, aínda que antes este territorio se vinculara máis aos tintos.
“Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa”, asegura. Apunta que polas características da súa zona de transición, cun clima moi extremo na diferenza climática e con grandes contrastes térmicos (grandes xeadas e moito calor no verán), permite unhas maduracións de gran calidade.