A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 40 lotes de madeira en Ourense por un total de 1.828.175,12 € nunha poxa electrónica. Amais destes lotes, outros catro quedaron desertos e serán alleados -a un prezo menor- en próximos procedementos. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.
Os lotes adxudicados suman máis de 63.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, incluíndo unha pequena porción de eucalipto branco e chopo negro. Toda a madeira é verde e será vendida baixo os sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final.
Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.
Certificacións forestais sostibles
A Xunta destaca o feito de que 29 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros 14 teñen a dobre certificación PEFC e FSC. Isto significa que cumpren polo menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Como nas poxas electrónicas de madeira anteriores, os licitadores realizaron todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para este fin.
A plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
Ademais, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse neste enlace que leva ao enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural.
Medio Rural, por último, lembra que a explotación destas árbores representa unha absorción de CO2 de máis de 44.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida. Estas árbores serán substituídas por outras novas que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.