Convocadas as axudas para o fomento da boa gobernanza nos montes veciñais en man común e nos de varas

Poderán beneficiarse destas achegas as comunidades de montes veciñais en man común e -como novidade este ano- as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

Convocadas as axudas para o fomento da boa gobernanza nos montes veciñais en man común e nos de varas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinada á impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para o 2024. A convocatoria está dotada cun montante inicial de 490.000 euros, que está previsto ampliar co correspondente incremento de crédito.

Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España e tamén están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Obxecto das axudas

Neste sentido, poderán ser obxecto de axudas as actuacións relacionadas coa revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Esta actuación consiste na revisión total ou parcial dos esbozos de montes que integran un expediente que, pola súa antigüidade, non reúnen as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios. Por outra banda, serán subvencionables tamén as actuacións para os deslindamentos parciais entre estes montes.

Poderán beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. No caso destes últimos, constitúe unha novidade na convocatoria o feito de que estes terreos forestais -que se sitúan practicamente todos eles na provincia de Lugo- se poidan beneficiar das subvencións. Cabe sinalar que estas achegas subvencionarán o 100 % do gasto elixible. Con todo, o importe de axuda a percibir por entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 euros (IVE incluído).

O prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse destas axudas será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O período máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 1 de setembro de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de resolución de aprobación da axuda e a data final de xustificación.

Link á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información