A Xunta pide que o Ministerio coordine as actuacións das comunidades contra a EHE

O conselleiro do Medio Rural participou de forma telemática na reunión previa do Consultivo Informativo do Consello Agrifish da Unión Europea

O conselleiro do Medio Rural participou na reunión telemática previa do Consultivo Informativo do Consello Agrifish

A Xunta empraza ao Goberno central a unha estratexia conxunta para combater dun xeito coordinado dende o Ministerio e as comunidades autónomas a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que afecta a explotacións gandeiras de todo o Estado. Así o pediu o conselleiro do Medio Rural, José González, despois de asistir á reunión telemática convocada como previa ao Consultivo Informativo do Consello Agrifish da Unión Europea que se celebrará o 20 de novembro.

No relativo á EHE, o conselleiro insiste en remarcar que ante a súa incidencia, con focos en toda España, é urxente unha coordinación por parte do Goberno central, aínda que as competencias sobre a enfermidade radican nas distintas comunidades autónomas. Pero a Consellería pasa a pelota ao Ministerio e insiste en que “dada a afectación que está tendo na cabana gandeira española, faise latente a importancia da evolución dos mecanismos nacionais de detección e alerta temperá deste tipo de enfermidades víricas de carácter emerxentes”.

A Xunta pide a convocatoria urxente dunha conferencia sectorial específica para artellar as medidas a desenvolver contra a EHE

Empregando os mecanismos de coordinación previstos na lexislación, o conselleiro do Medio Rural anunciou que solicitará oficialmente ao Ministerio de Agricultura unha convocatoria urxente e específica dunha conferencia sectorial para artellar o paquete de medidas a desenvolver polo Goberno central e todas as comunidades autónomas.

Esta conferencia, suxire González, debe estar precedida por unha comisión técnica de expertos, na que poidan participar todas as comunidades autónomas, de xeito que se poida abordar este tipo de enfermidades, “de maneira urxente, eficaz” e, volveu a remarcar, “conxunta”.

Unha vacina contra a EHE

Ademais, ante a evolución negativa que segue a ter a EHE por todo o territorio español e coa preocupación dos gandeiros en aumento, José González pediu que o Ministerio de Agricultura coordine os traballos de investigación e consecución dunha vacina o máis efectiva posible, que contribúa dun xeito decisivo a frear a expansión desta doenza.

Por outra banda, o conselleiro tamén puxo de relevo a necesidade de revisar as pólizas de seguros agrarios, actualizándoas respecto ás enfermidades emerxentes.

Axudas para cubrir as mortes de animais

Ao igual que na loita contra a lingua azul, o conselleiro do Medio Rural resalta o traballo realizado pola Xunta para combatir a EHE. “Galicia é unha referencia na sanidade gandeira en toda España”, asegurou. Neste sentido, explicou González, unha vez confirmada a presenza da EHE en Galicia, a mediados de setembro, Medio Rural estableceu un sólido protocolo de actuación ante a sospeita da enfermidade, ademais de trasladar recomendacións preventivas ás feiras e explotacións non afectadas.

A Xunta anunciou que indemnizará as mortes de vacas por mor desta doenza. Estas indemnizacións outorgaranse con carácter retroactivo dende setembro, para cubrir todas as mortes que se poidan constatar causadas por esta doenza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información