A Xunta liga a suspensión de novas plantacións de eucalipto con incentivos para piñeiros e frondosas

A paralización temporal de plantación da especie australiana regularase como disposición da Lei de Recuperación da Terra Agraria, que está en trámite parlamentario e previsiblemente sairá adiante no primeiro semestre deste ano

A Xunta liga a suspensión de novas plantacións de eucalipto con incentivos para piñeiros e frondosas

Ensaio de manexo silvícola de piñeiros do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. / Arquivo.

O Goberno galego confirmou a súa intención de paralizar de xeito temporal a plantación de novas superficies de eucalipto, unha decisión que liga con plans para incentivar especies alternativas, caso do piñeiro ou das frondosas caducifolias, con especial énfase nestas últimas no castiñeiro.

A moratoria que suspenderá as novas plantacións de eucalipto en zonas nas que non estaba a especie formalizarase a través da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, que está en trámite parlamentario e sairá previsiblemente adiante no primeiro semestre do ano.

O anuncio fíxose trala reunión do Consello da Xunta de hoxe, logo de que fracasase a proposta feita esta semana no Parlamento polo conselleiro do Medio Rural, que ofreceu unha regulación inmediata da moratoria asociada ó apoio do Plan Forestal polos grupos da oposición, un apoio que non conseguiu.

Anúncianse programas de mellora xenética de piñeiros e frondosas, así como maiores apoios para a xestión silvícola de propietarios particulares e comunidades de montes

A Xunta considera que a superficie de eucaliptal non debería seguir aumentando, “polo que se deben establecer criterios técnicos e normas para regular a súa ocupación”. Ademais, o Goberno valora que podería incluso aumentarse a produción de eucalipto mellorando a súa silvicultura, sen ter que seguir a aumentar a súa superficie. “É preciso establecer medidas para a redución da actual superficie nunhas 20.000 hectáreas nos próximos vinte anos”, conclúe a Administración, que toma como referencia a moratoria xa aplicada en Portugal.

O cultivo do eucalipto poderase seguir mantendo tras corta nas superficies que ocupa actualmente a especie, sempre e cando se trate de masas que cumpren a actual normativa vixente. A suspensión temporal das novas plantacións baséase, segundo explica a Xunta, na elaboración do Inventario Forestal de Galicia, que previsiblemente no 2022 aportará datos máis fidedignos que os actuais sobre a superficie que ocupan as distintas especies forestais.

O Goberno galego lembra ademais que está previsto que o Plan Forestal de Galicia, que se aprobará proximamente, conte con revisións quinquenais.

Plans estratéxicos
De xeito paralelo á moratoria do eucalipto, impulsaranse “plans estratéxicos” para incentivar as coníferas, os soutos de castiñeiros e as frondosas caducifolias, así como un programa de apoio á transformación de eucaliptais degradados cara outras especies.

Eses plans estratéxicos incluirán o impulso a programas de mellora xenética e o apoio á xestión silvícola de propietarios particulares e comunidades de montes. No caso dos piñeiros, o obxectivo é aumentar en 20.000 hectáreas a súa superficie actual ata o ano 2040, así como apoiar o tratamento silvícola de 50.000 hectáreas para mellorar a calidade da madeira.

Con esta medida, o Goberno galego trata de consolidar o futuro da cadea industrial do piñeiro, que vén advertindo desde hai anos de que a expansión do eucalipto condiciona a medio prazo a viabilidade de serradoiros e empresas do sector. As perspectivas de mercado futuro para a madeira de piñeiro son ademais optimistas, polo que a Xunta aspira a frear a progresiva sustitución de piñeirais por eucaliptais no interior das provincias da Coruña e Lugo.

Apoio á rexeneración natural das frondosas
Nas frondosas, o obxectivo do Goberno galego pasa por apoiar a rexeneración natural e manexo silvícola das actuais masas, así como por apoiar a recuperación de 20.000 hectáreas de bosques de ribeira.

No que atinxe especificamente ao castiñeiro, o Plan forestal prevé un programa estratéxico para contribuír á posta en valor da especie. Prevese apoiar a recuperación de soutos tradicionais e incentivar a plantación coa especie de 16.000 novas hectáreas, a metade orientadas á produción de castaña e a outra metade a madeira.

Para fomentar as iniciativas ligadas ó castiñeiro, a Xunta anuncia a posta en marcha dunha Unidade dos Soutos, adscrita á Consellería do Medio Rural, que colaborará con Concellos e grupos de desenvolvemento rural (GDR).

Modelos silvícolas e axudas para tratamentos

O Consello da Xunta de hoxe deulle tamén luz verde á modificación da orde que regula os modelos silvícolas, que se publicará mañá venres no Diario Oficial de Galicia. A Xunta anuncia que ofrecerá 38 guías diferentes para orientar o manexo silvícola das principais especies forestais.

“Estes modelos informan de como plantar, que labores de mantemento e silvicultura (podas, rareos) realizar e cando e como hai que levalas a cabo, así como as quendas máis idóneas para o seu aproveitamento sustentable e posterior rexeneración”, subliña o Goberno galego.

Desde este ano, pola Lei de Montes de Galicia é obrigatorio que tódolos terreos forestais de menos de 15 hectáreas se adhiran a modelos silvícolas para poder realizar o seu aproveitamento madeireiro, unha cuestión que se poderá resolver no momento de tramitar a corta cun sinxelo trámite, segundo sinala a Xunta.

A información detallada e trípticos divulgativos dos modelos silvícolas poderanse atopar neste enlace a partir de mañá venres.

Axudas para accións silvícolas
Por último, para mañá anúnciase tamén a publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas para tratamentos silvícolas (podas, rareos, etc.), unha orde que se vén publicando anualmente e que contará con 13 millóns de euros para os anos 2021 e 2022. Prevese que haxa arredor de 525 beneficiarios, que poderán xestionar arredor de 7.000 hectáreas de piñeirais e masas de frondosas caducifolias.

Una idea sobre “A Xunta liga a suspensión de novas plantacións de eucalipto con incentivos para piñeiros e frondosas

  1. Martin

    Enton con ese leí ou moratoria podese poñer castiñeiros en calquera parcela de Monte ou non? Moitas grazas
    Moi boa página

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información