“Hai preocupación nos serradoiros porque pode faltar madeira nuns anos”

O presidente da Federación de Aserradores y Rematantes de Galicia (Fearmaga), Elier Ojea, advirte de que escasea a madeira de calidade, tanto de piñeiro como de frondosas. “Co eucalipto, pode producirse unha sobreoferta”, valora

“Hai preocupación nos serradoiros porque pode faltar madeira nuns anos”

Elier Ojea, presidente de Fearmaga.

Os serradoiros galegos e os profesionais que cortan a madeira no monte, os rematantes, están preocupados polo progresivo cambio do panorama forestal en Galicia. O aumento da superficie de eucalipto, que xa representa a metade das cortas que se fan na comunidade, condiciona o futuro de parte das empresas do sector. Así se puxo de manifesto na última asemblea de Fearmaga, a federación empresarial que agrupa ós serradoiros e rematantes da comunidade.

Na asemblea, foi reelixido presidente Elier Ojea, tamén cabeza visible de Confemadera Galicia, a patronal galega que agrupa á maioría do sector da madeira. Falamos con el sobre o decreto de regulación de eucalipto que prepara o Goberno galego e sobre as necesidades e demandas do sector.

“A madeira de calidade está desaparecida en Galicia. Precísanse incentivos fiscais e plantas de boa xenética para promover a súa recuperación”

Estades preocupados polo aumento da superficie de eucalipto, pero tamén estades en contra da proposta da Xunta para regulalo. Explícanos a vosa postura.
– Nós non estamos en contra de regular o eucalipto, o que sucede é que propoñemos unha regulación distinta. Mantemos a mesma opinión desde hai anos, non somos partidarios de penalizar ningunha especie, pero como pymes que somos, que traballamos madeira de calidade, temos que chamar a atención sobre un feito. Hoxe en Galicia a madeira de calidade está practicamente desaparecida. Precísanse apoios fiscais e plantas de boa xenética para incentivar ós propietarios a investir en ciclos de cultivo longos e rendibles, non só en plantacións de eucalipto.

Na última década houbo un peche de serradoiros e de pequenas empresas do sector a causa da crise, entre outros factores. Cres que o aumento da superficie do eucalipto pon en risco a actividade das empresas que quedades?
– A situación é complicada. Se non hai cambios de tendencia, moitas empresas veranse abocadas ó peche en 10 anos por falta de madeira. Hai 50 anos, Galicia era importante en cantidade e calidade da madeira. Hoxe en día seguimos sendo importantes en cantidade, pero non en calidade. As dúas principais empresas da comunidade (en alusión a Ence a a Finsa) teñen madeira dabondo, sen necesidade de importala, pero o resto estamos nunha situación delicada. Os serradoiros non poden importar madeira para serrala aquí porque non é rendible.

“Fálase de que en Galicia hai non sei cantos centos de miles de hectáreas de frondosas, pero o que non se di é que só serven para dar sombra”

O mercado da madeira de piñeiro, non obstante, non remata de despegar. Houbo unha caída de prezos e de demanda no 2008 que non chegou a recuperarse nunca.
– Para o pouco piñeiro de boa calidade que hai, si temos demanda. Para o malo, que é a maioría, non. Se falamos das frondosas (carballos, castiñeiros, bidueiros, etc.), no inventario forestal dise que en Galicia hai non sei cantos centos de miles de hectáreas de frondosas, pero o que non se di é que só serven para dar sombra. Non estamos a falar de madeira de calidade.

Que sería preciso facer para poñer en valor as masas de frondosas existentes e fomentar novas plantacións delas en Galicia?
– Pódense establecer incentivos fiscais para ese tipo de plantacións e poñer a disposición do propietario planta de boa xenética. Temos o exemplo do traballo de mellora xenética que fixo o Centro de Investigación Forestal de Lourizán coa cerdeira galega, que se podería extender a outras especies. En Francia, sen ir máis lonxe, teñen faia, abeto e cerdeira en cantidade, que nós importamos dalá. A nosa terra non é menos fértil que a francesa. A Administración ten que buscar fórmulas.

“En Francia teñen cerdeira, abeto e faia en cantidade, que nós importamos dalá. A nosa terra non é menos fértil”

Con este panorama que debuxas, ¿non estariades a favor dunha limitación do superficie ocupada polo eucalipto?
– Nós non entramos no que o propietario ten que facer. O que si dicimos é que ás veces fálase moi fácil da riqueza que xenera o eucalipto para o propietario, pero tamén hai que pensar que sucederá en dez anos se resulta que se está sobreplantando eucalipto. As industrias que consumen eucalipto en Galicia poderán ampliar as súas compras, pero non hai perspectivas de que se vaia asentar na comunidade unha industria de gran consumo que atenda toda a oferta de eucalipto que previsiblemente vai haber. Ben é certo que como non temos inventarios forestais actualizados, resulta complicado falar con cifras na man.

En calquera caso, é necesario buscar un equilibrio. Igual que no seu día nós apoiamos a continuidade de Ence en Pontevedra porque pensabamos que a nivel económico e social era bo para Galicia, o conxunto do sector da madeira está concienciado en que precisamos de xeito proporcional madeira para distintos usos. Para atraer industria da madeira necesitamos un recurso. As fábricas que se foron non volverán se non hai ese recurso e as que poden vir tampouco o farán.

“Fálase moi fácil da riqueza que dá o eucalipto, pero que sucederá en 10 anos?”

Hai posibilidades de novos investimentos na industria da madeira galega?
– As empresas que quedamos tras a crise temos en mente emprender investimentos. Pensa que somos a primeira industria do rural. Sería positivo tamén que Galicia atraese investimentos no sector, sobre todo no que é a segunda transformación da madeira.

Imaxino que estades satisfeitos coa inminente creación da Axencia da Industria Forestal de Galicia.
– Desde logo pensamos que é unha oportunidade. A Axencia está aínda pendente de definir e estamos á espera de manter novos contactos coa Consellería de Economía e coa de Medio Rural.

“Xa pasou suficiente tempo para comprobar que as Sofor non funcionaron, busquemos outra fórmula”

A parte do teu papel como portavoz de Fearmaga e Confemadera, traballas tamén no sector a título particular. Cóntanos con que madeiras e orientación estades traballando na vosa empresa.
– Temos un serradoiro familiar (Maderas Ojea, O Carballiño) que cumpriu xa 80 anos. Antes da crise, traballabamos co piñeiro, pero coa crise quedámonos sen marxes de beneficio e decidimos reorientar a empresa. Agora estamos a facer transformación de madeira en diversidade de pezas dirixidas ó sector da construción, principalmente. Importamos madeira laminada e nobre de diversas procedencias e tamén traballamos algo con piñeiro galego de calidade.

“Teño que recoñecer que moitas parcelas de monte da familia aínda non sabemos onde están. O minifundio é malo para todos”

Como propietario forestal, que especies tes plantadas nas túas parcelas?
– Máis que propietario, son herdeiro forestal. Estamos na provincia de Ourense, polo que o piñeiro e o carballo son as especies predominantes. Cos carballos que temos, estamos tratando de facer podas e silvicultura, de cara a obter unha boa madeira no futuro. Tamén teño que recoñecer que moitos montes da familia aínda non sabemos onde están. O minifundio é un problema para todos.

Hai xa uns anos que a Xunta lanzou a fórmula das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para promover o asociacionismo dos propietarios particulares e reducir o minifundio, pero os resultados son polo de agora escasos. Ves viable o camiño do asociacionismo forestal?
– Non queda outra. Con parcelas de 400 metros cadrados non se fai nada. Ou tiramos os valados físicos e mentais, ou estamos condeados ó abandono. Xa pasou tempo suficiente para ver que a fórmula das Sofor non funcionou. Temos que ser capaces entre todos de buscar unha vía de sustitución que alimente a vocación de xuntar as fincas e de facer unha boa xestión do monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información