O Consello Agrario Galego avaliará distintas propostas de cara a garantir máis fondos para a agricultura ecolóxica na PAC do período 2023-2027 e que non se volva repetir a situación da convocatoria 2022, na que a insuficiente dotación de fondos por parte da Xunta para as axudas de agricultura ecolóxica deixou fóra dos apoios a un 55% das explotacións solicitantes.
Así o explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, tras presidir a xuntanza deste órgano colexiado, que tivo lugar hoxe en Santiago. O conselleiro sinalou que nesta reunión deuse aos representantes do sector agrogandeiro galego esta semana e a que vén de prazo para presentar propostas con esta finalidade.
Así, José González sinalou que se acordou coas organizacións profesionais agrarias e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) traballar conxuntamente “para ter os datos o máis afinados posible” en canto ás hectáreas declaradas en ecolóxico. O obxectivo, trasladou, é “fixar os criterios que permitan dotar cun colchón orzamentario suficiente para poder atender todas as solicitudes que se presenten na orde que se publique neste 2023”, mediante a preceptiva modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Esta orde, subliñou o conselleiro, ten un período de permanencia de cinco anos, polo que “cómpre garantir fondos suficientes para cubrilo”.
Esta cuestión -a modificación do PEPAC- ten que ser debatida e aprobada polo Comité de seguimento deste plan, no que están presentes as organizacións agrarias con representación no Consello Agrario. Isto, como paso previo á tramitación dos cambios que deben ser aprobados, en última instancia, pola Comisión Europea.
O titular de Medio Rural remarcou que esta proposta sería para incrementar os fondos destinados ás axudas á produción ecolóxica para o período de cinco anos que comeza neste mesmo ano 2023. As axudas do ano pasado só esixían a permanencia do perceptor en ecolóxico para 2022, mentres que a convocatoria deste ano suporá un compromiso de permanencia na actividade durante cinco anos, para garantir a consolidación do ecolóxico e a maior cantidade de produtos deste tipo a disposición do consumidor.
Sen visos de solución para as explotacións que quedaron fóra das axudas nesta convocatoria
En canto á exclusión do 55% dos solicitantes de axudas para ecolóxico nesta última convocatoria, o conselleiro argumento que no 2022 a suba do orzamento para estas axudas foi do 60 % respecto do ano 2021, polo que -aseverou- “todos, tanto o sector como a Xunta, entendemos que había orzamento suficiente”. José Gonzálz cualificou como “puntual” o ocorrido no 2022, “un tema derivado dun incremento extraordinario de superficie” e agora, concluíu, “imos reforzar os orzamentos para que isto non aconteza nos anos 2023 e seguintes”.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, unha das entidades en representación dos produtores, defende que para a explotacións que quedaron excluídas “a Xunta estableza unha compensación pola súa falta de previsión; é a única solución que podería haber xa que o PEPAC xa está rematado”.
En canto aos criterios a establecer para que a solicitudes de axudas para os produtores en ecolóxico teñan fondos suficientes de cara al novo periodo da PAC 2023-2027, Roberto García subliña que “se deben establecer novos límites para que esta axudas vaian realmente para os produtores en ecolóxico e non para os especuladores, e iso é o que se vai acordar no Consello Agrario Galego”.
A modo de exemplo, explicou que “en ecoloxico non hai un límite de 60.000 euros de axuda por perceptor, como si existe en convencional” e que “polo menos 3 dos perceptores de axudas en ecolóxico en Galicia dispoñen de máis de 1000 hectáreas de terreo nas solicitudes”.