A Xunta crea unha sociedade pública privada para investir en proxectos enerxéticos e mineiros

A iniciativa, na que participan unha trintena de empresas asentadas en Galicia, ten previsto investir 100 millóns de euros ata o ano 2027. Ence, Finsa, Gadisa, Aceites Abril e Megaro Foods son os principais accionistas do ámbito alimentario e forestal

A Xunta crea unha sociedade pública privada para investir en proxectos enerxéticos e mineiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a sociedade ‘Recursos Galicia’, unha entidade público privada da que a Xunta manexará o 30% das accións. ‘Recursos Galicia’ nace no marco do proxecto de Lei de Aproveitamento dos Recursos Naturais, presentado a pasada primavera. Daquela, a Xunta xa anunciara a próxima creación dunha sociedade mixta para investir en proxectos enerxéticos e mineiros.

A posta en marcha da nova sociedade é agora xa un feito, cunha trintena de empresas que se comprometeron a aportar, conxuntamente coa Xunta, os 100 millóns de euros que se proxectan investir ata o ano 2027. A idea do Goberno galego é que ‘Recursos Galicia’ invista en proxectos eólicos, tanto terrestres como mariños, en proxectos mineiros, naqueles ligados coa concesión de augas, como os de enerxía hidráulica, e noutras enerxías renovables (biogás, solar).

A Xunta subliña que ‘Recursos Galicia’ nace para investir en iniciativas que sexan de “interese público” para Galicia e destácase que o Goberno galego, malia ter só un 30% da sociedade, terá unha acción de ouro, é dicir, capacidade de veto sobre os proxectos nos que investirá a sociedade.

A creación da sociedade mixta ‘Recursos Galicia’ concíbese como unha entidade matriz, segundo avanzara xa a Xunta na primavera, pois para cada proxecto concreto que acometa crearase unha empresa específica na que poderán entrar outros accionistas. O Goberno galego incidiu hoxe en especial na posibilidade de que Concellos ou empresas locais entren a participar en proxectos concretos que se poñan en marcha nos seus correspondentes territorios.

Impacto social
Con esta iniciativa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere enfrontar tamén a contestación social e medioambiental que adoitan xerar parte dos proxectos enerxéticos e mineiros. “Esta é a primeira pedra para garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade”, defendeu Rueda na presentación de ‘Recursos Galicia’, que se fixo hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago.

Ao acto de presentación acudiron tamén a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Medio Rural, José González.

Rueda entende tamén que a creación de ‘Recursos Galicia’ é importante para que a explotación dos recursos naturais teña unha repercusión económica maior na comunidade. “Non imos resignarnos a quedar á marxe do desenvolvemento das enerxías verdes en toda Europa: aspiramos a estar no centro”, aseverou, ao tempo que avogou por que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente.

A Xunta subliña a fortaleza da firma ‘Recursos Galicia’, que incorpora unha trintena de empresas que suman máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano.

Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods.

En todo caso, o presidente da Xunta apuntou que as portas desta sociedade están abertas tamén para calquera empresa, sexa cal sexa o seu tamaño, ou Administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo.

A idea de Rueda é que Recursos Galicia deixe “beneficios para as comunidades locais”, que fomente o “autoconsumo de fontes renovables” e que se traduza en máis traballo para as empresas dos lugares nos que se acometan os proxectos.

Sobre os proxectos de enerxías renovables e mineiros, o presidente da Xunta destaca que Recursos Galicia demostrará que “non son estranxeiros na terra na que se asentaron”, senón figuras “claves” na cohesión e no progreso da veciñanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información