Recomendan controlar a vexetación das viñas e renovar os tratamentos fronte ao mildio

Publicidade
Recomendan controlar a vexetación das viñas e renovar os tratamentos fronte ao mildio

Acios na D.O. Rías Baixas chegando ao tamaño de chícharo. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa no seu boletin fitosanitario publicado onte xoves de que, “do mesmo xeito ca semana anterior, as condicións meteorolóxicas favoreceron o engrosamento da uva, e nas viñas máis adiantadas xa hai acios en tamaño chícharo”. “En xeral domina a fenoloxía o estado de grans tamaño perdigón, e nos predios máis atrasados hai aínda restos de floración e froito formado de recente”, engaden.

En canto ás enfermidades máis comúns no viñedo en Galicia estas son as súas recomendacións.

Mildio:

Nalgúns días deuse a combinación de rexistros climatolóxicos idónea para o patóxeno: sensación de fogaxe ou bochorno, con tormentas, humidade relativa elevadísima e temperaturas moi altas. Tamén pola noite, cando ten lugar a esporulación do mildio, están a darse desde hai días rexistros anormalmente altos, e así, nas noites dos días 6 e 7, en moitas estacións da provincia as mínimas non baixaron dos 18 ºC.

Con esta situación tan favorable, o número de esporanxios recollidos diariamente no captador das plantas testemuña de Areeiro seguiu a ser moi elevado. Porén, nas visitas aos viñedos os técnicos da Estación Fitopatolóxica observaron que “a situación observada foi mellor, en xeral, á referida a semana anterior e, ou ben os tratamentos limitaran completamente a aparición de novos síntomas ou ben estes só aparecían nalgunhas follas máis tenras dos gromos en crecemento”.

En canto ás previsións, as axencias meteorolóxicas consultadas prevén tempo inestable ata domingo, en que mellorará, e despois un novo empeoramento que afectará a luns e martes segundo algunhas previsións ou só a luns segundo outras. Amais, as temperaturas mínimas, se ben altas ao inicio deste período, tenderán a baixar a valores máis normais para a época do ano.

Con estas previsións, as recomendacións dos técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro son que “aínda hai que manter un elevado nivel de vixilancia sobre as viñas, considerando que o período de cobertura dos funxicidas utilizados se reduce no tempo con choivas intensas coma as rexistradas algúns destes días”. Por tanto, aconsellan “renovar a protección naqueles casos nos que aparezan síntomas novos e/ou estea próximo a concluír o tempo de actuación do produto”. Tamén é imprescindible manter controlado o desenvolvemento da vexetación da propia viña e das plantas acompañantes.

Oídio: 

Malia terse producido néboas locais algúns días, as precipitacións de carácter puntualmente forte destes días non lle resultan favorables ao fungo. Así, o risco de aparición de novos síntomas non é tan elevado como podería esperarse segundo a fenoloxía da planta.

En calquera caso, se a partir da próxima semana cesan as precipitacións que poidan lavar as esporas do patóxeno, “haberá que incrementar a vixilancia pois a humidade relativa do aire seguirá a ser elevada”.

Black rot: 

Nas parcelas de seguimento e nas demais que visitaron os técnicos de Areeiro non atoparon novos síntomas a pesar de que a climatoloxía continúa SENDO favorable.

“En calquera caso, a climatoloxía húmida e as temperaturas elevadas son condicións favorables e por iso é preciso manter a vixilancia e, de renovar a protección fronte a mildio e/ou oídio, elixir produtos tamén autorizados para o control deste fungo”, recomendan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información