Xornadas de eliminación de especies invasoras nos montes de Rianxo

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca máis xornadas de voluntariado, agora nos montes do Araño, Leiro e Taragoña

Xornadas de eliminación de especies invasoras nos montes de Rianxo

Logo do éxito das actividades previas en diferentes localidades do Barbanza, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza anuncia cinco novas xornadas de voluntariado ambiental. Estas actividades céntranse na eliminación de especies exóticas invasoras e na recuperación do bosque autóctono nos montes de Rianxo e outros puntos da comarca. A próxima sesión está programada para este sábado, 11 de maio, co obxectivo de erradicar a acacia no monte do Araño.

Durante a xornada, os voluntarios aprenderán técnicas para descascar acacias, un método efectivo para previr a súa propagación. Ademais, participarán en labores que reforcen a presenza de especies arbóreas nativas. A iniciativa é promovida por Montescola, que se encarga das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio, e conta co apoio da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Araño e do Concello de Rianxo.

As actividades comezarán ás 9:30 da mañá e están abertas a persoas de todas as idades. Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico a info@montescola.org antes do xoves 9. Tras o traballo no monte, ofrecerase un xantar de albaroque para todos os asistentes como agradecemento pola súa colaboración.

240511_Cartel

Próximas convocatorias

  • Sábado 11 de maio | Eliminación de acacias no monte do Araño: Inicio ás 9.30 no Campo da Festa do Araño. Inscrición antes do 9 de maio
  • Sábado 25 de maio | Eliminación de especies invasoras no monte de Leiro: Inicio ás 9.30 no Centro Cultural Vicente Vidal. Inscrición antes do 23 de maio
  • Sábado 22 de xuño | Eliminación de acacias no monte de Taragoña: Inicio ás 9.30 no Campo Maneiro. Inscrición antes do 20 de xuño
  • Domingo 30 de xuño | Eliminación de acacias no monte de Baroña: Inicio ás 9.30 no Centro de Transformación de Baroña. Inscrición antes do 27 de xuño.
  • Sábado 13 de xullo | Eliminación de acacias no monte de Campelo, O Vilar e Cerqueiras: Inicio ás 9.30 no punto de auga do acceso a Cerqueiras e Vilar. Inscrición antes do 11 de xullo.

Innovación comunitaria

Estas convocatorias á participación cidadá forman parte da liña de acción do Laboratorio Ecosocial do Barbanza liderada por Montescola, que está dirixida a promover o traballo en rede. A través destas accións, o Laboratorio profunda na súa integración nas dinámicas sociais locais, implicando directamente ás comunidades participantes. Mediante programas de formación, voluntariado e educación ambiental, búscase capacitar e empoderar ás comunidades, implicalas na xestión activa do territorio, e sentar as bases para unha maior conciencia ambiental ligada ao territorio por parte dos máis novos.

Apoio

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información