Demandan que as axudas anunciadas pola EHE cubran a totalidade dos custos que están a ter as granxas afectadas

As organizacións agrarias urxen actuacións ante a progresión de casos de enfermidade hemorráxica epizoótica e piden que a Consellería non minimice o problema

Unha das vacas de raza rubia galega alimentadas só con pasto e silo de herba

Os sindicatos agrarios UUAA e SLG veñen de emitir senllos comunicados nos que lle demandan á Consellería do Medio Rural que poña en marcha axudas que cubran a totalidade das perdas provocadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) nas ganderías de vacún galegas.

Dende que a finais de setembro se detectou o primeiro caso de EHE en Galicia a doenza segue a estenderse polo territorio. Porén, malia ao anuncio realizado a pasada semana polo conselleiro, José González, de axudas para as granxas afectadas, esta liña de apoios aínda non se concretou.

José González avanzou que “toda aquela morte que se certifique por EHE, a través dun informe do veterinario, será obxecto de axudas no próximo ano 2024 e con carácter retroactivo en 2023”, pero non aclarou se haberá fondos tamén para sufragar os gastos de tratamentos, desinfección e caída de produción en animais que non morran, como demandan as organizacións agrarias.

Trece focos declarados, con 10 animais mortos

Unións Agrarias vén de solicitar á Consellería de Medio Rural unha reunión urxente para coñecer as medidas previstas desde o Goberno galego para poñer coto á expansión da enfermidade, que de xeito constante está a sumar casos nas granxas das catro provincias galegas.

A organización agraria logo de coñecer que outras comunidades como o País Vasco xa concretaron liñas de axudas para as explotación afectadas, insta á Xunta de Galicia á activación inmediata dunha partida económica que cubra o pago dos animais mortos a prezo de mercado, así como os tratamentos dos enfermos e o lucro cesante nas granxas pola caída da produción.

Do mesmo xeito, desde o Sindicato Labrego esixen “que a Consellería do Medio Rural asuma as súas responsabilidades e estableza unha interlocución co Ministerio de Agricultura a fin de habilitar axudas para compensar ao sector, completando con partidas autonómicas aquelas contías non cubertas polo Goberno central. Estas medidas de apoio ás granxas deberán abordar non só a compensación por animais mortos, senón tamén todos aqueles custos asociados á morte ou morbilidade animal, tales como o lucro cesante, os servizos e tratamentos veterinarios, o sacrificio ou as medidas de desinsectización, gastos que as gandeiras e gandeiros están tendo que afrontar en solitario”, denuncia pola súa parte o SLG.

“A Consellería minimiza o problema”

O Sindicato Labrego Galego vén de iniciar unha campaña de recollida de datos nas distintas comarcas a fin de concretar o grao de incidencia da EHE na cabana gandeira galega. “Constatamos unha falta de información e transparencia por parte da Consellería do Medio Rural, que lle resta gravidade a esta enfermidade aludindo a unha baixa incidencia”, denuncia o SLG.

O conselleiro destacou o pasado venres que se trata dunha enfermidade “de baixa afectación e mortalidade” que, ademais, “non se transmite nin aos seres humanos nin a unha vaca que estea á beira doutra infectada”, pois ten que ser picada por un mosquito transmisor.

Axilizar as probas diagnósticas

De xeito urxente, pide o SLG, “a Xunta debería realizar as xestións oportunas para axilizar o servizo veterinario oficial, xa que a día de hoxe o Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, encargado de analizar as mostras, acumula demoras de semanas na notificación dos resultados”, indican. Neste sentido, piden que a Consellería estude o reforzo desas probas activando recursos propios, “tal e como están facendo outras comunidades autónomas”, neste caso a través do laboratorio de sanidade e patoloxía animal LASAPAGA de Mabegondo.

Non se entende que un ano despois de que se detectara o primeiro caso siga sen haber un protocolo de actuación a nivel estatal

Unións Agrarias non entende que neste momento, coa doenza expandida xa pola práctica totalidade do territorio español e case un ano despois de que se detectara o primeiro caso, non exista aínda un protocolo de actuación a nivel estatal, unha cuestión que a organización xa trasladou ao Ministerio.

Perdas nas ganderías pola seca, o verme e a EHE

Os gastos do tratamento da EHE veñen sumarse a uns custos de produción xa moi elevados por parte das ganderías. Cos prezos das forraxes en ascenso a causa da escaseza provocada pola seca e os combustibles disparados, as explotacións atravesan un momento delicado; máis grave aínda a causa das rebaixas impostas polas industrias no prezo do leite e o estancamento detectado no mercado da carne.

UUAA reclama que se compensen os gastos de tratamento e as perdas de produción que a doenza está a causar ás ganderías

Na mesma liña, UUAA volve incidir nos problemas que o verme cortador está a supoñer para o sector produtor e insta á Xunta a impulsar actuacións coordinadas e a compensar as perdas causadas por esta praga, especialmente graves no caso das explotacións que non poden aplicar tratamentos químicos convencionais por percibir axudas agroambientais ou traballar en ecolóxico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información