Xornada este venres sobre os viños da provincia de Lugo

Publicidade
Xornada este venres sobre os viños da provincia de Lugo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao coautor da guía de viños de Galicia, Alejandro Paadín

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao coautor da guía de viños de Galicia, Alejandro Paadín, presentaron este luns a Xornada de Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo, que se celebrará no Pazo de San Marcos este venres, 17 de xuño, en colaboración con Paadín Eventos, e que contará cos referentes do mundo da enoloxía Luis Paadín e José Peñín Santos.

Será unha xornada gratuíta, “na que contaremos con estes dous profesionais de primeiro nivel, e coa que buscamos promocionar os viños da nosa provincia, tanto os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia”, explicou a Deputada. Incidiu en que esta é unha actividade “pioneira e única porque será a primeira vez que Luis Paadín e José Peñín Santos, dous referentes absolutos no ámbito da enoloxía en Galicia e en España, ofrecerán unha conferencia conxunta, e será sobre os viños da provincia de Lugo”.

García Porto explicou que para a Deputación de Lugo “é un auténtico luxo e un orgullo que dous nomes de tan recoñecido prestixio internacional, autores das guías de viños de referencia, no eido español e no eido galego, se unan nesta actividade para divulgar e visibilizar os caldos lucenses”.

Esta xornada, indicou a Deputada, presenta tamén outra singularidade, pois será a primeira ocasión na que compartirán espazo os viños da DO Ribeira Sacra e da IXP Terras do Navia, polo que as persoas que se acheguen a este evento poderán gozar dunha experiencia única. Está dirixida tanto a profesionais do sector, como ao público en xeral, co obxectivo de que eles se convertan nos mellores embaixadores dos viños da provincia, o que contribuirá, dixo García Porto, “a fomentar o consumo directo, e tamén a incentivar aos establecementos hostaleiros a ampliar a súa carta de viños lucenses ou propoñer novos maridaxes nos seus menús”.

Nas súas palabras concretou que este proxecto pioneiro “responde á decidida aposta que estamos facendo dende a Deputación de Lugo polo sector primario, que é absolutamente fundamental para a provincia de Lugo”. Explicou que a Deputación quere “visibilizar, poñer en valor e impulsar a produción e a comercialización dos nosos produtos autóctonos de calidade, como os nosos viños, porque iso crea riqueza e emprego, sobre todo no rural”.

Recalcou que “o viño é unha industria cunha importancia intrínseca, que xera riqueza e postos de traballo, pero ademais, o viño é cultura, gastronomía, reclamo turístico, e un elemento fundamental á hora de dar a coñecer a identidade dun territorio dentro e fóra das súas fronteiras xeográficas”, e enfatizou en que para unha provincia como a de Lugo, “apostar por estes valores significa ademais apostar polo futuro do rural, porque o cultivo do viño é un xeito de ofrecerlle proxectos de futuro ás xeracións máis novas, xerar sinerxías co turismo e coa hostalaría, e contribuír a fixar poboación no territorio”.

Conferencia e túnel do viño

A conferencia será ofrecida por Luis Paadín e José Peñín ás 17:00 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo sobre os viños lucenses, a súa historia, características e produción.

Luis Paadín é técnico en Vitivinicultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo, membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, así como da Asociación de Lagares Rupestres de España. Padín é autor, xunto ao seu fillo Alejandro, da Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia.

José Peñín Santos está considerado como o escritor de viños más prolífico de fala hispana e un dos xornalistas e autores máis experimentados en materia vitivinícola, decano da profesión e o máis coñecido a nivel internacional. É o creador da guía de viños Guía Peñín, o referente máis influínte no comercio internacional de viños españois e a mais consultada a nivel mundial.

Despois da conferencia celebrarase un Túnel de Viños na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Trátase dunha cata aberta ao público, que comezará ás 18:30 horas, onde os participantes poderán probar unha selección de máis de 100 viños da provincia, tanto da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coma da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. Dous sumilleres encargaranse de atender ás persoas asistentes, aos que se entregará unha ficha sobre os viños exhibidos e poderán atuar como catadores puntuando os que consideran de mellor calidade.

Inscricións

O evento será de balde, pero é preciso inscribirse tanto para a conferencia, como para o túnel do viño mandando un e-mail no que se indique nome e apelidos á dirección: protocolo@deputacionlugo.org ou chamando ao 982.26.00.60 ou 982.26.01.34.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información