Medio Rural da Deputación de Lugo pon en marcha a segunda edición do programa “Da escola á granxa”, unha iniciativa pioneira de visitas escolares a granxas e empresas agroalimentarias do rural.
A Xunta de Goberno provincial aprobou as bases da convocatoria, cun importe de 80.000 euros, o dobre de orzamento que na primeira edición, e unha oferta formativa ampliada, con máis gandeirías e producións agrícolas que se incorporan a este proxecto que achega as novas xeracións ao rural, amosando a importancia do sector primario para a producíon de alimentos saudables, a conservación do medio ambientes e da cultura tradicional.
Ademáis, o programa de visitas guiadas dende os centros escolares ata as granxas permite dignificar e poñer en valor o traballo dos/das agricultores/as, para que os rapaces poidan coñecer o papel fundamental que teñen e afastar o estigma social da baixa autoestima que os propios agricultores/as e gandeiros/as lles transmiten ás xeracións vindeiras.
A deputada Mónica Freire suliñou o reforzo desta iniciativa pioneira que “espertou moito interese tanto das Anpas e dos colexios como nas gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”.
A responsábel provincial adiantou que “o catálogo educativo que se ofrecerá as Anpas inclúe 30 granxas, repartidas por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas” e “tamen obradoiros de educación ambiental impartidos pola asociación Adega”.
Solicitudes
As bases do programa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e neste momento está aberto prazo de solicitude para as Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria, con prioridade para as de concellos con menos de 20.000 habitantes. Medio Rural da Deputación achegará entre 300 e 900 euros para que as asociacións de nais e pais afronten os gastos relacionados coa actividade. As actividades poderían realizarse ao longo de todo o 2023.
Actividades que se ofrecen:
Os 30 produtores e produtoras da provincia de Lugo que participan no programa “Da Escola á Granxa” ofrecen aos escolares un amplo abano de actividades :
-Visitas guiadas ás ganderías, horas e industrias agroalimentarias.
– Interactuar alimentando os xatos.
-Obradoiro de como se muxe unha vaca.
-Obradoiros de concienciación ambiental que organiza e imparte ADEGA
-Degustación con produtos derivados do leite: queixo, tortas, biscoito, leite fervido, iogures
-Obradoiros de elaboración de queixo.
-Organización de obradoiro/xornada de pastoreo no monte para escolares
-Degustación de cabrito ecolóxico da explotación cociñado en restaurante tradicional colaborador
-Obradoiros de transformación e envasado de grelos e outros produtos vexetais
-Obradoiro de propagación de plantas e elaboración dun dentífrico co extractos medicinais.
-Creación dun semilleiro e dunha horta ecolóxica.