A área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa a feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que se extenderá a cidade co tradicional Desfile de Gando.
O deputado de Medio Rural Daniel García e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Asoporcel, Boaga, Avimós, Ovica e Puraga, veñen de presentar o programa da feira, que inclúe unha mostra gandeira con exemplares dunha vintena de razas autóctonas galegas e foráneas, así como actividades formativas e lúdicas ao redor do gando.
Daniel García explicou que “a feira amosa e reivindica o papel central que o sector agrogandeiro ten no desenvolvemento económico e social de Lugo e de Galiza, e tamén no mantemento do territorio e da paisaxe” e agradeceu “o traballo desenvolvido ao longo destes meses na elaboración do programa, froito dun traballo coordinado no que participaron as asociacións gandeiras e as entidades participantes na feira, achegando a súa experiencia e coñecementos”.
O responsábel provincial destacou “a importancia de actividades lúdicas coma os concursos e exposicións fotográficas e os obradoiros e xogos dirixidos a nenas e nenos, que poñen en valor a actividade gandeira para toda a cidadanía e que contribúen a manter o orgullo do rural”.
Programa:
O Desfile de Gando de Razas Autóctonas na contorna da Praza Maior de Lugo, o venres 6, ás 18.00 horas, será o prólogo da feira que se inaugurará oficialmente o sábado 7, ás 12.15 horas, coa presenza das seguintes razas:
-Bovino: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Rubia Galega e Charolesa.
-Ovino: Ovella Galega, Charolesa, Suffolk, Inra 401, Romanoff, Texel negra e Sasi Ardi.
-Caprino: Cabra Galega e Boer
-Porcino: Porco Celta
-Aves: Galiña de Mos e Galiña Piñeira
-Equino: Pura Raza Galega, Marchador Galego e Pura Raza Árabe.
-Cans: Can de Palleiro
Na cafetería do Pazo de Feiras, ofreceranse menús especiais con produtos de razas autóctonas, que pretenden promocionar o consumo destes alimentos de calidade.