Xirona, un exemplo no control da Flavescencia dourada

Tras a primeira detección en 1996 e asumindo protocolos que aplicaban en Francia, na comunidade catalá conseguiron controlar esta praga

Publicidade

Para exemplificar un caso onde se conseguiu controlar a praga, desde o Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra contaron con Honorat Sabater Anticó, técnico do SSV (Serveis Territorials d’Acció Climàtica) de Xirona, nas sesión informativa que tivo lugar na localidade. Na súa exposición abordou como xestionaron a praga desde os seus inicios e como na actualidade teñen controlado o vector.

Facendo un repaso por todos os focos que se rexistraron, hai que remontarse a 1996, cando se detectou o primeiro na comarca do Alt Empordà, que foi controlado. Pasaron dez anos e tiveron un novo foco en 2006, na comarca do Baix Empordà. No primeiro caso, “culpabamos aos franceses, pero o segundo xa probablemente proviña do noso foco inicial”. Ambos os focos foron importantes e tivéronse que aplicar medidas severas de control. En 2010 houbo unha recaída en Alt Empordà e en 2012 outra en Baix Empordá. Ambos foron máis pequenos. Finalmente, en 2021 houbo un foco novo na comarca do Gironès.

Aspiración do vector nas parcelas. Foto do SSV de Xirona

Aspiración do vector nas parcelas. Foto do SSV de Xirona

Cando se detectou o primeiro foco, a Generalitat ditou ordes para controlalo e as normas establecidas estaban dirixidas a explotacións vitícolas e viveiros de vide. As obrigacións desta orde eran comunicar os síntomas, aplicar tratamentos fitosanitarios contra o insecto vector e arrincar as cepas infectadas, así como as viñas abandonadas, ademais de fixar o cobro subsidiario e indemnizacións.

En 2015 houbo un cambio de manexo na Flavescencia e modificouse a orde para que a normativa fose aplicable aos municipios afectados e non ás comarcas enteiras. O número de tratamentos obrigatorios, que eran tres, redúcense a un tratamento nas zonas onde non hai presenza do fitoplasma.

Desde finais do ano 2023 a normativa vixente é a contemplada na ORDE ACC/231/2023, de 19 de outubro, pola que se establecen medidas obrigatorias para a prevención e loita da Flavescencia dourada da vide.

Protocolos
Tras a aparición do primeiro foco contactouse co Servizo de Protección dos Vexetais de Francia para saber como controlaban a enfermidade e decidiron empezar a traballar cos seus protocolos.

Para facilitar e mellorar as prospeccións do insecto vector, o SSV de Xirona ideou un sistema baseado nun aspirador que ten un filtro, pasan a aspirar os viñedos e logo realizan o reconto dos Scaphoideus. Considérase un punto de control a aspiración realizada sobre un mínimo de 10 cepas, por ambos os lados de cada planta. Realízase na zona das follas basais durante cinco segundos por cepa. Na zona demarcada (infectada + tampón) fíxase un radio de 4 km. Dentro faise un control cada 2 hectáreas para viñedo e cada hectárea para viveiro. Se é fóra da zona demarcada, faise un control cada 10 ha para viñedo e cada 5 ha para viveiro.

Para a prospección do fitoplasma, visitaban os viñedos entre agosto e outubro. “Se vas antes fas un traballo que non serve. Nós recomendamos entre o 15 de agosto e o 30 de setembro, logo xa entras en fase de outono e costa máis detectar”, indicou o técnico. Nas súas visitas marcan con spray de pintura de marcaxe e cinta de sinalización aquelas cepas nas que detecta sintomatoloxía propia de Flavescencia.

En canto aos resultados, “ao principio non mirabamos máis nada que a Flavescencia, pero agora, para evitar confusións, tamén miramos outro fitoplasma (Bois noir) e diversas viroses que poden ter unha sintomatoloxía similar e que se está detectando”.

Prospección do vector en 2022, cando se detectaron 26 positivos. Foto do SSV de Xirona

Prospección do vector en 2022, cando se detectaron 26 positivos. Foto do SSV de Xirona

Tratamentos
O período de infección empeza coas larvas e dura até o final da vida do adulto, que se considera en setembro. Unha vez un individuo se contaminou, alimentándose dunha planta enferma, replica o fitoplasma no interior do seu aparello dixestivo e é capaz de inoculalo, pasado un período de latencia dun mes, a outras plantas. Por iso o primeiro tratamento aplícase un mes despois de atopar a primeira larva. O segundo, 15 días despois do primeiro. A finalidade destes dous tratamentos é cubrir o período de eclosión dos ovos de inverno que hai na leira. E o terceiro, un mes despois do segundo. !Se todo o mundo fai os dous primeiros, o terceiro sobraría porque está pensado para eliminar aos adultos que proveñan doutras fincas”.

Comunicación e indemnizacións
Para comunicar o que atopan nas leiras, envían unha carta aos propietarios dicíndolles que a súa leira ten tantas cepas marcadas e que ten que arrincar. ?Logo pasamos a comprobar que o fixeron, xa que é o máis importante?.

Marcas que deixan nas parcelas que inspeccionan. Foto do SSV de Xirona

Marcas que deixan nas parcelas que inspeccionan. Foto do SSV de Xirona

Tamén dan importancia á difusión por iso realizan xornadas técnicas, ademais da comunicación aos titulares de explotacións e viveiros. Así mesmo, mediante a estación de avisos fitosanitarios, infórmase sobre o momento adecuado e os produtos recomendados para realizar os tratamentos e elabóranse fichas técnicas e infografías, que serven de información.

Desde a Generalitat fixaron unha serie de indemnizacións para sufragar algúns dos gastos que leva a perda do cultivo. En parcelas vitícolas subvencionan 3 euros/cepa ou 7.500 euros hectárea, máis 1.000 euros hectárea por arrincar e destruír.

Para os operadores de material vexetal, os campos nai trátanse igual que as parcelas vitícolas. En viveiro, a planta injertada sufrágase 33.000 euros por hectárea e barbados 26.000 euros por hectárea. En almacén, a planta injertada é a 0,70 euros unidade e barbado 0,455 euros unidade. Outras especies vexetais hóspedes, sufragan o 50 % do seu valor comercial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información