Amplíase o número de zonas demarcadas pola presenza da flavescencia dourada da vide

O DOG publicou o nome das parroquias afectadas. Os titulares das parcelas onde haxa plantas afectadas deberán eliminalas e aplicar tratamentos insecticidas.

Publicidade
Amplíase o número de zonas demarcadas pola presenza da flavescencia dourada da vide

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución na que se recolle unha ampliación dos concellos con presenza da enfermidade de corentena denominada Flavescencia dourada da vide, establecendo a zona demarcada e adoptando medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia. Esta actualización inclúe aos concellos do Rosal, A Cañiza, Tomiño e Oia, en Pontevedra; e aos de Cortegada e Pontedeva en Ourense, onde hai parcelas infestadas. Ademais, a zona demarcada esténdese na provincia ourensá a Gomesende e Quintela de Leirado.

A praga denominada Flavescencia Dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e é transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). A nova zona demarcada está formada pola zona infestada -parcelas onde se confirma a súa presenza- e unha zona tampón arredor desta.

O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, estableceu a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Durante as prospeccións realizadas durante o 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fai preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas.

As parcelas infestadas a día de hoxe atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, Crecente e As Neves, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos de Cortegada, Pontedeva e Padrenda, en Ourense. Ademais, a zona tampón esténdese aos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, na provincia de Pontevedra; e nas localidades de Gomesende e Quintela de Leirado, en Ourense.

Medidas

Dentro da zona infestada, os titulares das parcelas vitivinícolas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ e, se non é posible, realizarase nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, estudiarase a posibilidade de eliminar e destruír todas as plantas da parcela. Se a detección se realiza nunha parcela abandonada deberá arrincarse toda a parcela.

No relativo a viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, en caso de detectar un positivo, este será eliminado e quedará inmobilizado de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección. Na actualidade non hai ningún viveiro ou operador profesional afectado na zona demarcada.

Por outra banda, será obrigatorio en toda a zona demarcada que os titulares das parcelas vitícolas e os operadores profesionais realicen tratamentos insecticidas con produtos fitosanitarios autorizados nos períodos de voo do vector, que se produce habitualmente nos meses de verán, e que serán publicados na web da Consellería. Ademais, os titulares deberán vixiar a presencia de Flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga.

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Axudas aos afectados

O pasado 3 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismos de corentena neste ano 2023, que como novidade inclúe a Flavescencia dourada da vide.

Os titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de vide fosen eliminadas e destruídas baixo control oficial como consecuencia da detección de Flavescencia dourada, poderán optar a estas achegas sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información