As viñas centenarias do Morrazo que resistiron á praga da filoxera

Na aldea pontevedresa de Donón (Cangas), a maioría das viñas plantadas están soterradas en máis de dous metros de area. Deste xeito, as súas raíces están protexidas dos ataques de pragas radiculares

Publicidade

A finais do século XIX, o sur de Europa foi vítima dunha das pragas máis agresivas da historia: a filoxera. Este insecto parasitario emparentado cos pulgóns chegou como invasor nas importacións de esgallos de vides americanas, que se mercaban para facer fronte a unha praga de oídio que estaba descontrolada, ata aquel momento, en todo o vello continente. Malia que as intencións eran controlar a praga de oídio, os danos colaterais foron inesperados. A filoxera acabou con gran parte das vides autóctonas que non estaban adaptadas a este insecto e forzou aos viticultores europeos a enxertar as súas viñas nas variantes americanas. O avance da praga foi imparable en todo o continente agás nalgúns puntos moi singulares. Un deles, as viñas dunares da comarca do Morrazo (Pontevedra).

Na aldea de Donón, en Cangas do Morrazo, aínda hoxe pódense atopar unhas poucas viñas autóctonas con algo máis de cen anos que, sen estar enxertadas en variantes americanas, resistiron as pragas de filoxera. Esa fortaleza non foi casual. O principal motivo de que estas viñas plantadas no areal da praia de Barra resistisen foi a súa peculiar técnica de cultivo. As raíces de tódalas viñas percorren entre dous e tres metros de profundidade de area branca antes de atopar a materia orgánica que lles permite vivir.

O ataque maioritario da filoxera prodúcese a través das raíces das viñas, aínda que o traspaso entre cultivos afastados faino na súa forma alada. É no momento da migración á raíz cando o ataque é devastador. Os insectos comezan a picar nas raíces das viñas para alimentarse das substancias nutricionais e acaban por podrecer a planta enteira. O feito de que as raíces das viñas desta aldea da comarca do Morrazo estean soterradas en máis de dous metros de area branca, imposibilita a viabilidade da filoxera.

Esta peculiaridade é unha excepción nos cultivos vitivinícolas de Europa e iso foi o que fixo que o enólogo galego César Alonso comezase a investigar nel e conseguise a cesión dun terreo de cultivo na aldea de Donón. No seguinte vídeo falamos con el das peculiaridades do cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información