Villameitide SL: mellor saúde, máis fertilidade e aumento de calidades grazas aos cruzamentos

Hai seis anos que Pepe Barcia e Álvaro Vázquez comezaron co sistema Procross. Tiñan dificultades para que as vacas empreñaran e un número importante de desprazamentos de abomaso. Inseminando con montbeliard e con rojo sueco eses problemas desapareceron

Pepe e Álvaro, xunto ás súas vacas en Vilarbetote (Trabada)

Pepe e Álvaro, xunto ás súas vacas en Vilarbetote (Trabada)

No lugar de Vilarbetote, no concello de Trabada, atópase unha gandería de referencia que sempre apostou pola eficiencia na produción de leite, cunha produción media que na actualidade se sitúa en 41,1 litros, con 196 días en leite, un 4,40% de graxa e un 3,34% de proteína, segundo os últimos datos de Control Leiteiro.

Os seus dous socios, Pepe e Álvaro, xuntaron os seus destinos hai xa 20 anos e desde entón sempre estiveron abertos a introducir os cambios necesarios para adaptar a granxa ás necesidades que ían xurdindo, na procura sempre dunha maior rendibilidade.

Por iso, no 2016 tomaron a decisión de empezar a cruzar o gando para acabar deste xeito cunha serie de problemas de saúde e fertilidade que os altos niveis de consanguinidade que arrastra a raza holstein estaban a provocar no seu rabaño.

 “A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco”, lembra Pepe. Foi por iso polo que optaron por mudar a súa estratexia de mellora xenética apostando polos cruzamentos.

A pesar da boa alimentación e de todos os coidados, tiñamos moitas dificultades para que as vacas empreñaran e durábannos moi pouco

A súa empresa provedora de seme, Global Genetics, retirou todas as doses holstein que había no tanque e subtituíunas por montbeliard e rojo sueco. As primeiras empregáronas nas vacas adultas e as segundas nas xovencas, buscando unha maior facilidade de parto.

Os resultados non se fixeron agardar e hoxe a gandería está ao 100% no sistema Procross. “Estamos contentos co resultado porque logramos aqueles obxectivos que nos propoñiamos. Penso que estamos na boa liña e imos a continuar por este camiño”, asegura Pepe.

Unha lactación máis por vaca

VILLAMEITIDE SL (Trabada) vacas Procross2

A nave ten capacidade para 160 vacas en produción, divididas en dous lotes

A aposta polos cruzamentos mellorou de maneira substancial aspectos clave do día a día da granxa, como por exemplo, o reprodutivo. Neste momento están empregando unha media de dúas doses por vaca, logrando no que vai de ano un 66% de éxito na primeira inseminación.

As vacas pasaron de durar 2 partos a máis de 3 a día de hoxe, cunha produción vitalicia media de máis de 45.000 litros

Outra das cuestións nas que en Villameitide SL notaron os efectos do vigor híbrido foi no aspecto sanitario. As visitas do veterinario reducíronse considerablemente por motivos clínicos. “Antes tiñamos bastantes desprazamentos de abomaso pero hoxe no gando cruzado ese problema desapareceu por completo”, indica Pepe.

Todos estes factores fixeron que a lonxevidade media se teña incrementado nun parto máis desde que están en Procross. A día de hoxe, a media das vacas que van ao matadoiro pasan dos tres partos e a produción vitalicia media supera os 45.000 litros.

Taxa de reemprazo do 25%

Para a recría dispoñen dunha nave arrendada no concello de Foz

Para a recría dispoñen dunha nave arrendada no concello de Foz

Como consecuencia directa do incremento da lonxevidade e da mellora da fertilidade, a taxa de reemprazo nesta gandería de Trabada baixou do 35 ao 25%. “Chegamos a ter 140 xovencas para cubrir as necesidades da granxa e hoxe con 100 amañamos. Este ano mesmo puidemos vender recría porque nos sobraba”, conta Pepe.

Conseguen que as xovencas estean paridas con menos de 2 anos de idade e á metade das vacas póñenlles cruces cárnicos

E iso que están a reducir considerablemente o número de xatas e xovencas, co que iso implica de aforro económico e incremento de ingresos por venda de tenreiros. De feito, ao 50% das vacas xa lles están a poñer cruces cárnicos, ben sexa azul belga ou rubio galego, para desta maneira obter un maior retorno da venda do xato.

Calidades de leite muxindo tres veces ao día

Moxen tres veces ao día: á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá

Moxen tres veces ao día: á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá

Villameitide SL entrega o leite desde hai seis anos a Entrepinares, polo que as porcentaxes de graxa e proteína son importantes nesta granxa para rendabilizar o seu leite. Malia realizaren tres muxiduras (á unha da tarde, ás nove da noite e ás 5 da mañá), o cambio a Procross axudoulles a aumentar os niveis de sólidos do leite.

É un problema impresionante atopar man de obra

Realizar tres muxiduras incrementa as necesidades de man de obra, que ás veces é difícil de atopar, admiten. Ademais de Pepe e de Álvaro, teñen dous empregados para muxir e unha persoa máis encargada de atender a recría, que se atopa noutra ubicación, concretamente nunha nave arrendada en Vilaronte, no concello de Foz.  

Están muxindo neste momento unhas 160 vacas, ás que hai que sumar 30 secas e un cento de animais de recría, entre xatas e xovencas, para un total dunhas 300 cabezas.

Só 35 hectáreas de terreo

O CAVI da cooperativa Os Irmandiños subminístralles a ración húmida diaria para as vacas en produción

O CAVI da cooperativa Os Irmandiños subminístralles a ración húmida diaria para as vacas en produción

Xunto ás dificultades para atopar man de obra, outro dos problemas que ten esta gandería é o da base territorial. “Toda a vida houbo problema de falta de superficie nesta zona”, admite Pepe. A gandería atópase na parroquia de Sante, que concentra o groso das explotacións leiteiras do concello de Trabada.

Son socios fundadores da cooperativa Os Irmandiños, que lles xestiona as terras e lles sirve a ración diaria

Ante a falla de superficie (manexan só 15 hectáreas en propiedade e outras 20 arrendadas), Villameitide SL optou por sumarse desde o comezo ao proxecto do CAVI da cooperativa Os Irmandiños (hoxe integrada en Clun). Diariamente, ás 11 da mañá, un camión transporta a ración xa elaborada desde o centro de alimentación da cooperativa, ubicado en Vilamartín, no concello de Barreiros, até a gandería e distribúea no comedeiro. “Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando”, recoñece Pepe.

Algunhas das vacas do establo, cunha produción media de 41,1 litros

Algunhas das vacas do establo, cunha produción media de 41,1 litros

É tamén o parque de maquinaria da cooperativa o que se encarga da xestión das fincas e cultivos, así como de sacar o purín, polo que o persoal da granxa está centrado unicamente en atender o gando.

Se non fose por este sistema, teriamos que pechar, porque non teriamos maneira de manter o gando

Por esa razón dispoñen só da maquinaria básica para o día a día da granxa, como un tractor, fresadora, pincho e encamadora. As vacas en produción teñen cubículo de area, mentres que as secas están en cama quente.

O custo do servizo de cátering diario de mestura húmida ten un custo importante, que pasou de 150 a 160€/tonelada a raíz da guerra en Ucraína e o incremento de prezos dos cereais. Para compensalo, son necesarias altas producións, que Villameitide logra tanto en litros de leite como a nivel de sólidos. “Só queremos que nos paguen o leite que producimos polo que vale”, reclaman Pepe e Álvaro.

Xornada de portas abertas o vindeiro 31 de agosto

Vista das instalacións, construídas hai 20 anos

Vista das instalacións, construídas hai 20 anos

Villameitide SL celebra o mércores 31 de agosto unha xornada de portas abertas destinada a outros gandeiros ou a persoas interesadas en coñecer o seu sistema de traballo e o funcionamento do método de cruzamentos Procross que están a seguir.

A xornada comezará ás 11 da mañá e está organizada por Global Genetics, a empresa responsable de Procross en España. Noel Balsa, de Global Genetics Galicia, explica que xa son máis de medio cento as ganderías que están a facer cruzamentos con montbeliard e rojo sueco na nosa comunidade e que os resultados avalan a súa efectividade.

Máis de medio cento de ganderías están a cruzar as súas vacas holstein con montbeliard e rojo sueco a día de hoxe en Galicia

O sistema consiste na inseminación rotacional con tres razas puras para deste xeito manter un alto nivel de heteroxe que permita superar os problemas en aspectos como a saúde ou a reprodución que está a provocar o incremento da consanguinidade na raza holstein.  

O método Procross foi ideado nos EEUU e estendeuse nos últimos anos por distintos países de América e Europa (Países Baixos, Italia, Francia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal ou España) e conta co aval científico de diferentes universidades a nivel internacional.

  • Contido elaborado coa colaboración comercial de Procross

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información