Cando o gran lume do Courel, no verán do 2022, a maior parte das terras queimadas en Vilar foron monte comunal e soutos de castiñeiros privados, ubicados arredor da aldea. Daquela, os soutos non frearon o incendio pola súa situación de abandono e pola extraordinaria potencia do lume, co que o lume chegou ás casas e mesmo queimou o museo etnográfico de Xan de Vilar. Falamos con Emilio Río, un dos poucos veciños que quedan na aldea, para coñecer a situación actual da recuperación do monte.
A recuperación do souto
“O souto é propiedade de todos os veciños, así como o monte comunal. O incendio afectou a todo o souto e ó monte comunal, aquí non quedou nada, ardeu todo. Só se salvaron catro casas. Agora pretendemos recuperar os soutos e o monte queimado, quitando toda a maleza, os castiñeiros queimados, e replantando con castaños novos. Deixarase algún que quedou vivo e faranse inxertos noutros”, explica Emilio.
A idea dos veciños é centrarse en primeiro lugar nunha zona de 20 hectáreas arredor da aldea
“Todo isto -engade- facémolo en común todos os veciños e a Xunta. De momento, todos os veciños están de acordo. Estamos facendo unha asociación de propietarios para que a Xunta poda actuar. A Xunta contratou unha empresa para que faga todo o papeleo e investigue os propietarios dos soutos, pero isto é imposible sen axuda dos veciños, que coñecemos o territorio. Non é fácil porque moitos veciños están fóra e hai que ir falando con todos. Moitos veciños saben que teñen soutos pero non poden identificalos pois levan moito tempo sen vir por aquí”.
“Isto sería inviable particularmente, ten que ser en conxunto. De momento estamos implicados 11 propietarios, pero só 4 viven aquí na aldea, os outros andan por Madrid, Barcelona… É difícil conseguir concretar un día e hora para reunirnos, aínda que sexa telemáticamente, pero de momento imos avanzando. Tamén estivemos plantando árbores frutais nas fincas anexas á aldea, fáltannos por plantar máis e facemos un chamamento á xente que poda doarnos árbores frutais, que serían benvidos”, sinala.
O proceso de recuperación avanza a modo. O que se fixo ata agora foi a creación dunha pista forestal, por parte da Xunta, e a retirada de parte dos troncos queimados.
Os soutos do Courel, alimento e protección
De sempre, os soutos arredor das aldeas sempre actuaron como sistema preventivo frente aos incendios, xa que son espazos ideais para poder apagalos pola menor velocidade de propagación das lapas, en comparación con zonas de monte baixo ou piñeirais. Pero neste caso, debido ás grandes dimensións do lume e á situación de abandono dos soutos, o de Vilar non funcionou como sistema preventivo e os castiñeiros arderon con facilidade, algo nunca visto polos veciños ata daquela.
“Os soutos sempre foron vitais para a nosa aldea, pois aproveitabamos todo, as castañas e a madeira, que se vendía ou se usaba nas casas. Era unha grande riqueza para a nosa aldea. Hai bastantes variedades de castaña e traballábanse todas as que había porque eran todas boas, aquí non quedaba unha castaña abandonada. Os soutos sempre estaban limpos. Parte das castañas vendíanse e as outras consumiámolas en verde e en seco, había castañas todo o ano. Agora os sequeiros tamén arderon todos, non quedou ningún. Din que os queren recuperar, a ver se é certo…”, conta Emilio.
Os problemas do minifundio
A falta de marcos no souto é un dos problemas que se están atopando, de cara a poñer en marcha a agrupación forestal de xestión conxunta. ”O souto nunca estivo no catastro nin limitado por marcos, os veciños sabían cales eran os de cada un… pero moitos deses veciños están fóra ou morreron, entón agora é moi difícil o proceso de identificación dos propietarios. Había familias que tiñan un castiñeiro ou varios, e sabían identificalos, pero non había marcos. Agora mesmo ainda queda algún por identificar ou falar co propietario”, sinala o veciño.
O proceso de posta en marcha da agrupación, así como traballos asociados, como a apertura dunha pista e a retirada de madeira queimada, contan co apoio da Xunta. Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación dun fondo público-privado impulsado pola Administración autonómica para anticiparse aos incendios forestais. Este fondo opera en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense, afectados habitualmente polos incendios forestais.
Venda de carbono
Os veciños de Vilar mantiveron tamén unha reunión recente coa Asociación Forestal de Galicia para valorar a posiblidade de financiar parte da restauración do seu monte a través da venda co carbono que vaian capturar as masas forestais.
O Rexistro estatal de proxectos de Absorción de CO2 dálle entrada ós montes restaurados tras un incendio forestal, a fin de que poidan captar fondos no mercado voluntario de carbono, por medio da venda do CO2 das masas rexeneradas.