Como afrontan montes veciñais e propietarios a prevención de lumes arredor das vivendas?

Galicia conta con arredor de 85.000 hectáreas forestais nas franxas de seguranza arredor dos núcleos de poboación, o que convirte a súa xestión nunha tarefa titánica e costosa. A plantación de corredores de frondosas, principalmente bidueiros, carballos e castiñeiros, acompañada de periódicas rozas, é a principal vía de xestión

Como afrontan montes veciñais e propietarios a prevención de lumes arredor das vivendas?

Franxa de seguranza arredor das vivendas plantada con frondosas. / Imaxe: AFG.

Dúas de cada tres hectáreas de Galicia son forestais. O resto do territorio divídese entre terras agrarias e máis de 30.000 núcleos de poboación. Durante décadas, as terras agrarias constituían unha fronteira natural entre aldeas e monte, pero a progresiva perda de actividade agraria, unida á perda de poboación no interior galego, difuminou a barreira de prados e terras de cultivo. Outro fenómeno paralelo foi o achegamento de urbanizacións e vivendas ó monte en áreas periurbanas, co consentemento das Administracións.

Ese escenario explica a situación actual, na que a xestión das arredor de 85.000 hectáreas forestais que se ubican en franxas de seguranza de vivendas convertiuse nunha tarefa titánica. Como afrontan montes veciñais e propietarios particulares ese desafío?. Falamos con técnicos do sector que traballan coas comunidades de montes e propietarios particulares.

Hai coincidencia en dúas apreciacións. Primeira, as comunidades de montes están adaptándose de xeito progresivo ás esixencias de prevención, basicamente con investimentos propios. Segundo, sería preciso un maior apoio público para a xestión da rede seguranza.

Xosé Covelo. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia (AFG)

“As comunidades de montes están investindo nun labor de protección civil que non lles corresponde”

A Asociación Forestal de Galicia destaca en primeiro lugar o seu traballo de información e asesoramento ós propietarios e montes veciñais, “que en xeral teñen pouca información da Administración, en moitos casos só por vía de propostas de sanción”, sinala o director técnico da AFG, Xosé Covelo.

En canto ás comunidades de montes, Covelo apunta que a maioría das redes de prevención figuran nos instrumentos de ordenación das comunidades. De acordo con eses instrumentos, os montes veciñais están procedendo a eliminar piñeiros e eucaliptos nas faixas de seguranza establecidas (50 metros arredor do límite de solo urbano ou vivendas).

Un segundo paso é a plantación nas franxas de corredores verdes de frondosas caducifolias, “principalmente bidueiros e carballos”, sinala Covelo. Trala plantación, queda a obriga de acometer periódicas rozas do mato, “que representan un gasto permanente”.

“É un traballo que con frecuencia faise en exclusiva con fondos propios, xa que as axudas da Xunta para forestación con frondosas obrigan ó propietario a elixir só unha liña de forestación: ou ben plantacións en parcelas forestais non ubicadas en redes de seguranza ou ben a plantación en faixas de seguranza” -cuestiona Covelo-. Así as cousas, “as comunidades de montes están asumindo o peso do gasto dun labor de protección civil que non lles corresponde”, valora.

Malia as dificultades, a maioría de montes veciñais está acometendo a xestión das franxas, a excepción, nalgúns casos, dalgunhas zonas que, pola súa orografía, teñen complicada mecanización.

Aumentar a biodiversidade
“Para a xestión das franxas de seguranza arredor de vivendas, estamos recomendando en xeral a plantación de frondosas, salvo algunhas zonas que non teñen solo apto para estas especies”, apunta Covelo. “Son unha vía para aumentar a diversidade do monte e en 15-20 anos, cando a súa copa impida o paso da luz, reducirase o custo do mantemento, pois non medrará o mato”, explica.

“A frondosa máis habitual para as faixas é o bidueiro, co complemento do carballo. En solos bos de exposición norte e oeste, tamén o castiñeiro”

A recomendación principal de especies pasa polo bidueiro, unha árbore pioneira que adoita implantarse ben, co complemento do carballo autóctono. “En zonas con solo profundo de orientación norte ou oeste, tamén pode plantarse castiñeiro, pero en orientación sur non tería sentido”, sinala o director técnico da AFG. “Para zonas de exposición sur, nalgúns casos empréganse sobreiras”.

Franxa plantada con frondosas nunha zona de orografía difícil. / Imaxe: AFG.

Franxa plantada con frondosas nunha zona de orografía difícil. / Imaxe: AFG.

Propiedades particulares
Entre os propietarios particulares, en zonas marcadas polo minifundio, as actuacións son máis complicadas. Hai que ter en conta que unha parte das parcelas é de propietarios descoñecidos ou ausentes, en tanto no resto do monte, os propietarios adoitan actuar, en xeral, a requerimento da Administración.

Alejandro Oliveros. Director de ordenación forestal de Ence

“Estamos animando ós propietarios a respetar as franxas de seguridade, para as que lles entregamos de xeito gratuíto planta de bidueiro”

Ence, a principal consumidora de eucalipto na comunidade, iniciou este verán unha campaña para incentivar a plantación de frondosas caducifolias nas franxas de protección de vivendas e núcleos de poboación. “Estamos agasallándolle planta de bidueiro ós propietarios forestais que nos venden madeira de eucalipto e, nesta primeira fase, estamos correndo ademais cos custos de plantación”, explica Alejandro Oliveros, director de ordenación forestal de Ence.

Plantación de bidueiros por Ence.

Plantación de bidueiros por Ence.

Oliveros considera que o bidueiro é unha especie que ademais pode proporcionarlle ós propietarios unha renda futura, se deciden cortalo. En Galicia, na actualidade o principal destino do bidueiro é para leñas e taboleiros, se ben trátase dunha especie que en países do norte de Europa emprégase tamén para pasta de papel. Preguntado sobre esa posibilidade, Oliveros non a descarta, se ben precisa que Ence na actualidade traballa en exclusiva con eucalipto.

A pasteira valora tamén introducir outras frondosas caducifolias na oferta de planta para as franxas de prevención dos propietarios que lles vendan madeira.

Manuel Méijome. H20 Iniciativa no medio rural

“Os montes con proxectos de ordenación aprobados están a deixar as distancias esixidas en todas as repoboacións”

Manuel Méijome, da consultora forestal H20 Iniciativa no medio rural, apunta a que a maioría de comunidades de montes con proxectos de ordenación aprobados están a cumprir as obrigas derivadas das franxas, tanto no caso das secundarias, arredor de núcleos de poboación, como das primarias, arredor de estradas.

“Nas estradas, a idea da normativa é crear cortalumes verdes con frondosas nas dúas beiras da estrada. En xeral, estanse empregando para iso bidueiros e carballos. É un sistema que para ter eficacia, está condicionado a que as frondosas non morran e a que esa superficie se manteña desbrozada, que é complicado”, apunta.

Nos propietarios particulares, a xestión das franxas difire duns concellos a outros, segundo a experiencia de Méijome. “No interior de Lugo, temos casos como o do Incio, que cumpre ao pé da letra a normativa, con notificacións ós propietarios no caso de incumprimento, en tanto outros Concellos teñen unha actitude máis flexible”, valora.

“A orde de axudas obriga a empregar planta de orixe galega, pero non existe suficiente carballo de procedencia galega”

En canto ás dificultades que se están atopando comunidades de montes e propietarios para cumprir coa normativa, a parte das económicas, Méijome apunta a carencia de plantas de frondosas de procedencia galega. “A orde de axudas obriga a empregar planta de procedencia galega, pero atopámonos con que non existe suficiente carballo de orixe galega”, cuestiona.

Ante esa situación, a alternativa que queda é o bidueiro e o castiñeiro, este último no caso de solos profundos con humidade suficiente. “Se o castiñeiro se planta nun sitio equivocado, nun verán seco pode morrer a metade da planta”, advirte.

José Manuel Iglesias. Xesforest Ingeniería

“Os corredores de frondosas arredor das estradas teñen un custo laborioso”

Outro técnico que traballa no interior de Lugo é José Manuel Iglesias, de Xesforest Ingeniería, que analiza o que sucede no entorno de Friol. “As comunidades de montes e propietarios están xestionando por si mesmas en gran medida as áreas lindantes coas casas, tanto por iniciativa propia como por requerimentos dos Concellos”, explica.

En canto ás beiras das estradas, onde hai que cortar piñeiros e eucaliptos e pódense implantar frondosas, “é un traballo moi laborioso que esixe un investimento anual de rozas. É máis complicado, sobre todo cumprir en tempo e forma cos desbroces do mato cada ano”, valora José Manuel. “O ideal sería facer alí unha selección de brotes de frondosas, para rexeneralas, pero é un traballo que ten un custo laborioso e que non ofrece rendemento económico”, explica.

En canto ás especies coas que máis se traballa, José Manuel coincide en sinalar o bidueiro, “que ten fácil implantación, mesmo en terreos malos” e o castiñeiro para froito en zonas que foron terras de cultivo no seu día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información