O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos grandes lumes forestais que se produciron en Galicia o ano pasado. Así, resultaron beneficiaras 128 titulares de explotacións, cun total de 15.682 colmeas, por un importe conxunto de 250.000 euros.
Estas achegas están destinadas a paliar as perdas de produción derivadas da situación de emerxencia creada polos incendios forestais, tendo en conta que estes destruíron unha gran parte da vexetación das zonas queimadas, de tal xeito que as abellas que sobreviviron tiveron enormes dificultades para atopar alimento para sobrevivir, afectando de xeito significativo á produción apícola. Para iso, a axuda, tras o rateo realizado, consistirá nun pagamento a tanto global cunha contía de 17,114 euros por colmea declarada en asentamentos apícolas localizados nos concellos afectados, cun máximo de 15.000 euros por persoa beneficiaria.
Os beneficiarios destas achegas son titulares deste tipo de explotacións -excepto administracións ou entidades do sector público, así como as explotacións de autoconsumo- con asentamentos apícolas nos concellos con máis de mil hectáreas afectadas por incendios no ano 2022.
Listaxe de beneficiarios/as: