A Consellería do Medio Rural destacaba esta semana, con motivo da publicación no DOG da Orde autonómica que regula as axudas da PAC en Galicia, o incremento a 45 millóns de euros do orzamento destinado a agricultura ecolóxica na comunidade para o novo período 2023-2027, froito do “acordo” acadado co sector.
Se embargo, a Plataforma de produtores ecolóxicos síntese enganada e denuncia que “Medio Rural volve incumprir”. Segundo explican, por primeira vez a Xunta aplicará criterios de degresividade no pago das axudas de desenvolvemento rural pertencentes ao segundo pilar da PAC, de xestión autonómica, de maneira que “volverá acontecer o mesmo que este pasado ano, posto que non todas as hectáreas que cumpren cobrarán as axudas de ecolóxico”, denuncian.
Segundo se recolle na Orde que regula os pagos para os vindeiros 5 anos, no caso da gandería ecolóxica, as primeiras 40 hectáreas de cada explotación cobrarían o 100% da axuda prevista, da hectárea 40 á 80 o 60%; da 80 á 200 o 30% e a partir de 200 ha non cobrarían nada.
“Está claro que non hai unha aposta polo ecolóxico cando non se puxeron os cartos para que todas as hectáreas que cumpren cobren a axuda”, argumentan desde a Plataforma de produtores, que xa anuncian que reactivarán as accións de protesta organizadas con motivo do reparto das axudas da convocatoria de 2022, que deixou fóra ao 43% das hectáreas e ao 55% das explotacións solicitantes.
Segundo os cálculos que realizan desde a Plataforma, un gandeiro de vacún de carne en ecolóxico con 100 hectáreas de prado perderá un 10% dos fondos que cobraba
“A Orde da Consellería o único que constata é a redución a mantenta das axudas á produción ecolóxica e supón un incumprimento de todo o falado e pactado co propio conselleiro, quen lonxe de paliar os danos polas perdas do 2022 cun incremento económico e coa inclusión de criterios que favorezan a produción ecolóxica, redúceas” relatan.
“O conselleiro di que vai haber cartos para todos, pero na práctica hai unha redución de fondos. Hai un 25% de incremento nas primeiras 40 hectáreas, como di a Xunta, pero se computas toda a superficie non hai tal subida. Un gandeiro ecolóxico con 100 hectáreas de prado posiblemente perda un 10% dos fondos que cobraba ata agora”, din.
Dúbidas sobre a aplicación
A aplicación deste criterio de degresividade xera ademais moitas dúbidas entre os produtores. “A orde é unha auténtica chapuza que non concreta nada. Por exemplo, dado que non vale o mesmo a pradeira que o pasto arbustivo ou baixo arborado, non se sabe cal vai ser o sistema para escoller as primeiras 40 hectáreas”, indican.
Créase unha inseguridade total nas explotacións; a incerteza chega ao punto que imos solicitar unha axuda sen saber como queda finalmente establecida
Do mesmo xeito, e dado que as modificacións propostas pola Xunta na Orde publicada están supeditadas ao visto bo da Comisión Europea, “créase unha inseguridade total nas explotacións, que imos solicitar unha axuda sen saber ao final como vai quedar establecida porque Europa non vai responder ata o último trimestre do ano”, din.
“Despois do que pasou no 2022 xa houbo xente que se deu de baixa de ecolóxico. E este xeito de actuar leva a máis baixas. Con esta Orde é moi difícil planificar o futuro da explotación”, lamentan.
Escaseza de fondos
A maiores da degresividade, na Orde recóllese tamén un posible prorrateo dos fondos dispoñibles entre o número total de beneficiarios en caso de que o sistema de cobro aminorado por hectárea non sexa suficiente para garantir fondos a todos os solicitantes.
Por iso, desde a Plataforma de produtores ecolóxicos consideran que “a degresividade e o prorrateo foron establecidos para que chegasen os cartos, que son insuficientes; é un xeito de repartir o que hai”, insisten.
Orzaméntanse 9 millóns de euros por ano, cando serían necesarios 13 para cubrir a totalidade das solicitudes e hectáreas
Segundo os seus cálculos, os 45 millóns de euros establecidos para o novo período, a razón de 9 millóns de euros anuais, resultan insuficientes. “Serían necesarios 13 millóns de euros ao ano, é dicir, 65 millóns de euros en total, para que todas as hectáreas que cumpren puidesen recibir axuda”, explican.
Discriminación na axuda do lobo
Outro dos motivos de queixa das ganderías de ecolóxico ten que ver coa súa exclusión da axuda complementaria para paliar os danos causados polo lobo. A Plataforma está a estudar vías legais para proceder á impugnación da Orde aprobada debido á retirada destas achegas económicas para grandes carnívoros, que deixan fóra para o período 2023-2027 aos produtores de ecolóxico.
O lobo non distingue, come tanto a animais en convencional como en ecolóxico
“A axuda do lobo é discriminatoria, pois está plantexada só para ganderías en convencional, como se o lobo non atacase tamén ás de ecolóxico”, argumentan.
Esta axuda complementaria á extensificación en zonas con presenza de grandes carnívoros establécese nun importe de 75€/ha, incluíndo prados temporais e permanentes, pastos arbustivos e pastos arborados. O pago está limitado a un máximo de 50 ha e conta cun orzamento dun millón e medio de euros anuais, polo que en caso de non ser dabondo a partida orzamentada, aplicaríase tamén prorrateo e o importe final baixaría dos 75€/ha fixados na Orde publicada.
“Un produtor convencional con 100 hectáreas perderá un 30% con respecto ao que está cobrando hoxe”
Desde a Plataforma de produtores ecolóxicos rexeitan calquera tipo de enfrontamento cos produtores convencionais e aseguran que tamén eles se van ver prexudicados polo establecemento de criterios de degresividade no reparto dos fondos.
“No caso dos gandeiros en convencional a redución é moi significativa. Se un gandeiro de vacún de carne en ecolóxico con 100 ha pode perder un 10% dos fondos, un en convencional pode chegar a perder arredor dun 30% da axuda que está cobrando hoxe”, din.
Na axuda por extensificación das explotacións gandeiras, cun orzamento anual previsto de 12 millóns de euros, establécese os seguintes importes:
- Prados temporais e permanentes: 110 €/ha.
- Pastos arbustivos e pastos arborados: 80 €/ha.
Ao igual que nos pagos en ecolóxico, estas axudas en convencional serán decrecentes en función da superficie admisible:
- Ás primeiras 40 ha, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 60%
- Entre máis de 80 ha e 200 ha incluída, o 30%
- A partir de máis de 200 ha non se concede axuda
Produción ecolóxica
No caso das axudas para produción ecolóxica, por importe total de 9 millóns de euros anuais, serán decrecentes en función da superficie ou colmenas admisibles:
Agricultura ecolóxica:
- Ás primeiras 20 ha, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 20 ha e 40 ha incluída, o 60%
- Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 30%
- A partir de mais de 80 ha non se concede axuda
Gandaría ecolóxica:
- Ás primeiras 40 ha, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 40 ha e 80 ha incluída, o 60%
- Entre máis de 80 ha e 200 ha incluída, o 30%
- A partir de mais de 200 ha non se concede axuda
Apicultura ecolóxica:
- Ás primeiras 450 colmeas, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 450 ha e 900 colmeas incluída, o 60%
- Entre máis de 900 ha e 1.500 colmeas incluída, o 30%
- A partir de mais de 1.500 colmeas non se concede axuda
“No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao orzamento”, aclara a Consellería na Orde publicada esta semana.