O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación da nova PAC, tanto os pagamentos directos á agricultura e á gandaría como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control.
Os beneficiarios poderán presentar a solicitude única dende hoxe e ata o vindeiro 31 de maio, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras. Malia que o prazo da campaña deste ano comezou oficialmente o pasado 1 de marzo, non fora aprobada aínda a normativa autonómica.
Malia que o prazo da campaña deste ano comezou oficialmente o pasado 1 de marzo, non fora aprobada aínda a normativa autonómica
O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 217 millóns de euros, dos cales uns 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC (mantéñense con respecto a anos anteriores) e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior.
Incremento de fondos para agricultura ecolóxica
Así, o orzamento global desta convocatoria é superior ao das anteriores campañas. Increméntanse as axudas para agricultura ecolóxica, no marco das achegas agroambientais, que terán un orzamento de 45 millóns de euros para o período completo da PAC 2023-2027.
Ademais, tamén soben as axudas para extensificación das explotacións gandeiras ata chegar aos 13,65 millóns de euros. Esta liña tamén contén un complemento para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Por último, as achegas para os pagamentos a zonas con limitacións naturais sitúanse nuns 18 millóns de euros e as forestais nos 2,25 millóns de euros.
Prevese que uns 25.000 agricultores e gandeiros soliciten este ano as axudas da PAC en Galicia
Prevese que uns 25.000 agricultores e gandeiros soliciten este ano as axudas da PAC en Galicia, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.
Novidades da campaña da PAC 2023
As principais novidades desta nova convocatoria da PAC con respecto ao período anterior son a introdución dos ecorreximes, compromisos anuais e voluntarios que implican que arredor do 25% das axudas irán encamiñadas para un conxunto de prácticas beneficiosas para o medio ambiente, entre as que se inclúen o pastoreo extensivo, o mantemento dos pastos, a rotación de cultivos, a agricultura de conservación, as cubertas vexetais e as superficies destinadas á biodiversidade.
As mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15% adicional no complemento da axuda á renda
Tamén se inclúe un pago redistributivo, pago complementario á axuda básica á renda para a sustentabilidade para as primeiras hectáreas de cada explotación, destinada a favorecer a redistribución de axudas cara ás pequenas e medianas explotacións, na súa maioría de carácter familiar e profesional.
Así mesmo, tamén destacan as axudas específicas para os agricultores mozos e agricultoras mozas a través do pago complementario das axudas directas e os fondos destinados a impulsar a primeira instalación. Por último, outra das novidades reside en que as mulleres que se instalen á fronte dunha explotación agraria percibirán un 15% adicional no complemento da axuda á renda que reciben os mozos e as mozas.