A Consellería do Medio Rural defende a introdución de criterios de degresividade nas axudas da nova PAC relativas á extensificación e á produción ecolóxica. “A maior vantaxe da degresividade é o fomento dunha distribución máis equitativa das axudas, pois garante que os agricultores máis pequenos reciban unha proporción xusta de axudas, beneficiando deste xeito as explotacións que máis abundan na nosa comunidade”, argumenta a Xunta.
Responde deste xeito a Consellería á Plataforma de produtores ecolóxicos, que este xoves denunciaba unha serie de cambios “prexudiciais” e “discriminatorios” no novo reparto das axudas da PAC proposto polo Goberno autonómico, como o feito de que a partir das 40 primeiras hectáreas o pago redúcese ou a exclusión das ganderías ecolóxicas do complemento por danos do lobo.
A redución gradual da axuda por hectárea a medida que o tamaño da explotación aumenta garante que os agricultores máis pequenos reciban unha proporción xusta de axudas en relación aos grandes
A degresividade nas axudas refírese á redución gradual das achegas directas aos agricultores en función do tamaño da explotación agrícola. É dicir, a medida que o tamaño da explotación aumenta, a cantidade de axuda directa por hectárea diminúe. “Cómpre sinalar que a superficie media dos solicitantes de agroambientais rolda as 35 hectáreas e a degresividade é a partir de 40 ha”, xustifica a Consellería.
Sobre o complemento nas zonas de grandes carnívoros “é unha axuda adicional dentro da liña de pastos e non é posible por normativa aplicar este complemento á agricultura ecolóxica, porque as axudas de agricultura ecolóxica e a dos pastos son incompatibles”, argumenta.
Acordo co Craega
A Consellería asegura que “é rotundamente falso que a Xunta incumprira os acordos en materia de incremento de axudas de agricultura ecolóxica no marco das achegas da PAC 2023-2027”. A Xunta asegura que o aumento da partida de agricultura ecolóxica ata situarse nos 9 millóns de euros anuais, para un total de 45 millóns no período 2023-2027, foi “pactado tras varias reunións coas organizacións agrarias e co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica”.
A Consellería salienta ademais que a cantidade establecida supón “case triplicar o destinado o ano pasado”. “Grazas a este incremento, e en base aos datos aportados polo propio Craega, prevese que ningunha solicitude quede sen axuda”, afirma o departamento que dirixe José González.
A Xunta repartirá finalmente as axudas a zonas con limitacións naturais tamén fóra de lugares de montaña
O orzamento para todas as axudas agroambientais, incluídos os fondos para produción ecolóxica, é de 26,77 millóns de euros anuais, aos que habería que sumar 18 millóns de euros máis das axudas a zonas con limitacións naturais, repartidos en 12 millóns para as zonas clasificadas como de montaña e 6 millóns para as áreas distintas de montaña.
Esta é tamén unha das novidades da Orde publicada a semana pasada pola Xunta, xa que inicialmente o Goberno galego anunciara que estas axudas a ZLN concederíanse no novo período da PAC tan só ás zonas de montaña.
O importe da axuda será de ata 280 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais de montaña e de ata 210 €/ha de superficie indemnizable nas zonas con limitacións naturais distintas de montaña.
Estes importes serán decrecentes en función da superficie indemnizable:
- Ás primeiras 5 ha, correspóndelles o 100% do importe
- Entre máis de 5 ha e 25 ha incluída, o 75%
- Entre máis de 25 ha e 100 ha incluída, o 50%
- A partir de máis de 100 ha non se concede axuda
“No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos en cada submedida a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao orzamento”, establece a Orde publicada.