UUAA ameaza con mobilizacións se a Xunta non pon en marcha axudas directas para o sector da carne

O sindicato avanza que a partir da semana que vén estará “vixiante” sobre a industria e a distribución “para que non se queden con cartos que non son seus” e trasladen aos gandeiros o incremento de entre o 15 e o 20% que se produciu no prezo de venda da carne aos consumidores

Félix Porto e José Ramón González, durante a rolda de prensa este venres na sede de UUAA en Lugo

Félix Porto e José Ramón González, durante a rolda de prensa este venres na sede de UUAA en Lugo

Unións Agrarias, que foi o impulsor do protocolo de entendemento asinado no mes de marzo entre produtores, industria e distribución para a revalorización da carne de vacún amparada pola IXP Ternera Gallega, ameaza con mobilizacións no mes de xullo se tanto a Xunta como algúns matadoiros e cadeas de supermercados seguen sen cumprir o acordo.

“Se no que queda de mes de xuño non se poñen en marcha as axudas e os instrumentos anunciados sairiamos no mes de xullo a protestar diante da Consellería”, anunciou este venres en Lugo o responsable de coordinación sectorial e acción sindical de UUAA, Félix Porto.

UUAA pide ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra co compromiso adquirido no Parlamento polo seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, de igualar a partida orzamentaria destinada polo Ministerio de Agricultura ao sector, “porque os produtores de carne non poden cobrar menos do que cobraron os produtores de leite”, aseguraron.

O conselleiro, un sindicalista máis

Félix Porto pediu que o pago desas axudas sexa “inmediato”, porque “é neste momento cando os produtores de carne teñen que facer fronte á maior parte dos pagos”. E reclamou que a forma de pago sexa semellante á adoptada polo Ministerio, o ingreso directo en conta, en vez de abrir unha liña de axudas mediante solicitude, “o que faría que se dilatase o proceso e que as axudas non se pagasen até finais de ano ou incluso o ano que vén”.

Os produtores de carne non poden cobrar menos do que cobraron os produtores de leite e as axudas teñen que ser inmediatas, mediante o ingreso en conta

 “Está ben que o conselleiro siga facendo ese papel de cuarto sindicato deste país reivindicando máis axudas ao Ministerio e a Bruxelas, pero aquel que ten as competencias en materia de Agricultura e orzamento propio o lóxico é que poña en marcha axudas e a día de hoxe non sabemos nin a cuantificación da partida que vai aportar a Xunta nin canto van cobrar os produtores de carne para paliar as perdas que levan acumuladas nos últimos meses”, argumentou Félix Porto.

Observatorio e Aica galega

“Seguimos acumulando perdas nestes últimos meses sen que por parte da Administración galega se tome ningún tipo de medida. O conselleiro anunciou que se ía poñer en marcha o Observatorio pero a día de hoxe segue sen funcionar e debido a iso non temos os datos oficiais que nos teñen que servir como referente. Polo tanto, ese é un instrumento fundamental”, asegurou.

Por parte de UUAA pídese a creación dunha comisión de seguimento do acordo onde estean presentes todos os integrantes da cadea e a posta en marcha sen máis dilación da Aica galega, que debe ser “a garante de que se cumpren os compromisos asinados”, defenderon. “Necesitamos que a Administración se poña as pilas e cumpra cos anuncios reiterados, porque ningún deses instrumentos a día de hoxe se puxo en marcha”, lembraron.

Suba pendente de 50 céntimos

“É certo de despois da sinatura do protocolo de entendemento entre todos os eslabóns da cadea se logrou un pequeno incremento de prezo, pasando de 4,50-4,80€/kg a 5,20-5,50€/kg na actualidade, pero seguimos moi lonxe de que se cumpra a Lei. Neste momento, cos datos que traslada a Consellería, estamos a máis de 50 céntimos de que se empecen a cubrir os custos de produción das granxas”, calculou Félix Porto.

A Consellería facía público hai un par de semanas un avance do Obsevatorio de Custos, no que situaba o custo de produción da carne de Ternera Gallega Suprema en 6,15€/kg. “O que estamos a pedir é algo tan sinxelo como que se cumpra a Lei da Cadea, que di que ningún eslabón pode cobrar por debaixo do que lle custa producir”, aclarou.

Eroski e Coren

Para UUAA, o acordo entre produtores, industria e distribución foi “positivo para o sector” pero aínda que considera que a suba que se produciu desde que se asinou o protocolo “non é desprezable”, non é dabondo.

A suba que se produciu desde que se asinou o acordo non é desprezable, pero os números non saen, porque os custos de produción incrementáronse entre un 10 e un 15%

“O prezo medio de venda ao público subiu entre un 15 e un 20% e temos sospeitas de que hai reticencias a que esa revalorización se traslade aos produtores. Imos estar vixiantes tanto na industria como na distribución a partir da semana que vén para que non se produza ese incumprimento por ningunha das dúas partes”, asegurou Félix Porto, que acusou a algúns matadoiros e supermercados de estar “quedándose con cartos que non son seus”.

“Levamos dous anos e medio perdendo cartos”

Os produtores de carne de vacún levan máis de dous anos sen levantar cabeza e empatando unha crise con outra. Á caída de demanda e consumo como consecuencia do confinamento pola covid-19 sumouse despois a suba dos custos de produción, o que fai que leven “dous anos e medio perdendo cartos”, asegurou José Ramón González, responsable do sector de carne de UUAA.

“A situación é moi delicada, non hai outro sector nunha peor situación neste momento”, indicou. “As ganderías de vacún de carne levan dous anos e medio sen cubrir os custos de produción. Agora xa hai unhas cifras oficiais da Xunta de Galicia que nos din que producir un quilo de carne custa 6,15€ e na Mesa de Prezos da última semana a cotización máis alta, que nin sequera é a media, foi de 5,94€”, detallou.

Aos gandeiros producir cústanos máis que o que cobramos polo produto e iso, segundo a lexislación vixente, é ilegal

En Galicia hai 20.000 produtores de carne, dos que uns 8.500 serían explotacións máis profesionais inscritas na IXP Ternera Gallega. “Esta situación estase levando por diante un sector que vertebra as zonas máis delicadas de Galicia, como son as zonas de montaña das provincias de Ourense e de Lugo”, argumentou José Ramón González.

Un tractor que na campaña de recollida da forraxe do ano pasado gastaba nunha hora de traballo  9€ de gasóleo, este ano gasta 22€, e encintar un rolo pasou de custar 5€ a 8€

O responsable de producións extensivas de UUAA cifrou a suba dos pensos en máis dun 50% e do gasóleo nun 110% no último ano e puxo cifras concretas: “Un tractor que na campaña de recollida da forraxe do ano pasado gastaba nunha hora 9€ de gasóleo, este ano gasta 22€, e nunha explotación media de vacún de carne de Galicia a campaña de forraxe son 3 tractores traballando 16 horas, iso supón 1.000€ só de combustible, máis do dobre do ano pasado. A iso hai que engadir as subas do plástico. Encintar un rolo o ano pasado custaba 5€, este ano está perto dos 8€”, detallou.

Unha situación parecida para os produtores de polos e coellos

A “situación insostible” que está a vivir o vacún carne en Galicia é similar á que sofren outros sectores gandeiros onde tamén se teñen incrementado dun xeito notable os custos de produción.

“As producións integradas de polos, pavos e coellos non poden repercutir o incremento do 63% que se ten producido na factura da luz, mentres as empresas integradoras e a distribución si que subiron considerablemente o prezo de venda aos consumidores”, denuncian en UUAA.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información