Un informe da Xunta calcula que as granxas de Ternera Gallega Suprema venden 1 euro/Kg. por baixo do custo de produción

O conselleiro do Medio Rural insiste na necesidade de frear a venda a perdas e anuncia axudas directas de carácter autonómico para complementar as aprobadas polo Ministerio

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presentará un informe sobre custos de produción no sector da carne. foto xoán crespo

José González, acompañado do director xeral de Gandaría, José Balseiros, durante a presentación do informe

O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou este luns os datos dun informe elaborado pola Xunta, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, que constata a situación xeralizada de venda a perdas no sector de vacún de carne, que no caso da carne de Suprema se sitúa nun euro en quilo. 

Segundo este estudo, realizado a partir dos datos aportados por unha vintena de explotacións de Ternera Gallega Suprema, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción tería que situarse en 6,20 euros/quilo canal, mentres os prezos percibidos actualmente oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros/quilo canal.

Os custos de produción sitúanse de media en 6,20€ e o prezo de venda non pasa neste momento de 5,20€

Xa que logo, concluíu o conselleiro, “en números redondos estamos diante dunha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran, ou o que é mesmo, estase a dar unha situación de venda a perdas”, asegurou, algo considerado ilegal pola Lei da Cadea Alimentaria.

As subvencións representan un terzo dos ingresos das ganderías

José González explicou que o informe fíxose a partir dunha mostra dunha vintena de explotacións das catro provincias galegas, que presentan unha serie de conclusións canto ao balance de ingresos e gastos. Así, indicou, no primeiro caso, os ingresos medios máis importantes corresponden á venda de becerros e representan arredor do 54% do total. As subvencións acadan tamén un peso importante, supoñendo o 34% do total.

Os pensos de cebo dos becerros incrementáronse entre un 25 e un 35%

En canto aos gastos, a alimentación é a partida que ten máis peso, cun 54% do total, e a continuación sitúanse as amortizacións, cun 11%. Neste apartado de gastos, insistiu González, cómpre ter en conta os incrementos rexistrados nos prezos de materias primas que vén padecendo o sector desde 2021, especialmente no que atinxe á alimentación do gando. Así, o conselleiro destacou que os prezos dos pensos de cebo para os becerros, do millo, do trigo ou da cebada medraron entre un 25 e un 35%, mentres que os da electricidade, o gas e outros combustibles subiron por riba do 21%.

Dar traslado da situación aos matadoiros e supermercados

O titular de Medio Rural sinalou que estes resultados vanse trasladar aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne, coordinado pola Xunta, para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas, e incidiu na necesidade de cumprir a lei neste eido, para garantir a transparencia e a sustentabilidade do sector.

Con todos estes datos enriba da mesa, José González sinalou que se constata, en primeiro lugar, que as explotacións de vacún de carne vinculadas a Ternera Gallega Suprema teñen unha baixa rendibilidade, que se traduce nunha marxe neta negativa cando se imputa como custo o salario propio das persoas propietarias, equivalente a 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional.

Os prezos actuais non garanten un salario mínimo aos produtores

En segundo termo, que os prezos actuais non cobren os custos de produción, que se viron incrementados pola suba dos prezos das materias primas, da enerxía e de combustibles, entre outros. E, por último, e como consecuencia do anterior, que resulta preciso valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros, defendeu.

A Xunta ultima axudas directas para o sector

O conselleiro anunciou ademais que a Xunta está ultimando axudas directas ao sector de vacún de carne, cumprindo así o seu compromiso de complementar as achegas do Estado e avanzou que proximamente está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia o anticipo da PAC, que os gandeiros poderán solicitar ás entidades bancarias sen ter que afrontar ningún tipo de custo financeiro. Así mesmo, en breve habilitarase unha liña de financiamento de circulante, tamén sen custo financeiro, de ata 25 millóns de euros, que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros.

O conselleiro asegurou que a Consellería é a encargada de coordinar o acordo acadado entre produtores, matadoiros e cadeas de distribución para revalorizar o prezo da carne e salientou os esforzos da Xunta a prol do sector a través de diferentes iniciativas, como a posta en marcha do Observatorio da cadea alimentaria, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia para loitar contra a venda a perdas, pero que a día de hoxe non están aínda operativas. 

O Observatorio de prezos e a Aica galega seguen sen estar operativos

Tamén destacou a campaña de promoción da carne, que suporá un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros a nivel nacional por parte da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Ternera Gallega e lembrou que esta iniciativa aprobouse no Consello da Xunta hai dúas semanas.

O conselleiro destacou a importancia de Ternera Gallega, cun número de produtores activos que se achega aos 7.300, 100.000 canais certificados cada ano e un valor económico estimado de 126 millóns de euros. Por iso, concluíu o conselleiro, “estamos falando de riqueza e emprego no rural galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información