O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) urxe á Consellaría do Medio Rural (CMR) a actuar de xeito inmediato para proporcionar información e activar medidas para facer fronte á praga de vermes que leva meses afectando a cada vez máis comarcas de Galicia.
“Cómpre que persoal técnico da Consellaría informe canto antes ás persoas afectadas para facerlles chegar as pautas máis axeitadas para lidiar con esta praga que está causar importantes danos sobre pradeiras e cultivos, así como habilitar xa medidas de apoio ás granxas afectadas”, reclaman dende a organización labrega.
E é que segundo o advirten, “estamos a constatar o avance acelerado da mesma, que xa afectou gravemente a concellos de comarcas costeiras como A Mariña de Lugo, a Costa da Morte, pero xa está a causar importantes perdas noutros concellos de comarcas do interior como Cesuras, o Deza, Boimorto e distintos puntos da xeografía galega”.
Asemade, dende o SLG consideran “imprescindible que dende as Oficinas Comarcais Agrarias se realice un seguimento exhaustivo para elaborar un rexistro de danos, así como que a Consellería do Medio Rural aclare de que tipo de verme ou especies de verme se trata e identifique cales foron as causas da súa aparición, co obxectivo de realizar unha abordaxe o máis completa posíbel para pór fin a esta praga”.