Concentración este mércores en Lugo para reclamar á Xunta un plan de choque contra a vespa velutina

O Sindicato Labrego convoca unha mobilización para o vindeiro mércores 11 en LUGO, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca para o vindeiro mércores 11 de outubro, ás 12:30h. unha concentración en Lugo (diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia) para esixir á Administración galega que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a Vespa Velutina Nigrithorax.

“Dende a entrada no país da Vespa Velutina, fai xa máis de 10 anos, a Xunta nunca asumiu as competencias na loita contra as especies exóticas invasoras. Non elaborou un plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da Vespa velutina, nin executou o establecido na Estratexia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación”, advirten dende a organización agraria.

Ademáis, denuncian que “cada vez destínanse menos recursos e hai mais atraso na retirada de niños, chegando á intolerábel situación de que persoas a nivel particular se vexan obrigadas a retirar elas mesmas os niños, expoñéndose a graves riscos para a súa saúde”.

“A Xunta de Galicia nin sequera está a asumir a súa responsabilidade nalgo tan básico como é o establecemento dun protocolo para o trampeo de captura de raíñas”, engaden.

Con todo isto, o Sindicato Labrego lembra que “o tártago asiático está a ter unha expansión exponencial por todo o territorio galego, con consecuencias nefastas, que van dende perdas na apicultura e estragos nas producións de froita e uva, até o lamentábelmente ben coñecido perigo para as persoas”.

Por último, lembran que “a expansión incontrolada da velutina non só afecta á produción de alimentos e á saúde das persoas, senón que tamén supón un grave problema medioambiental con consecuencias nefastas para a biodiversidade”. 

ConcentraciónVelutinaLUGO11Outubro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información