Unha investigación galega desenvolve tecnoloxías para extraer compostos químicos do piñeiro e do eucalipto

Lucía Penín presentou unha tese doutoral na Universidade de Vigo orientada a obter extractos de interese industrial a partir de madeira procesada en biorrefinerías

Unha investigación galega desenvolve tecnoloxías para extraer compostos químicos do piñeiro e do eucalipto

A investigador Lucía Penín presentou unha tese sobre compostos de interese industrial que se poden obter da madeira. / Imaxe: UVigo.

Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Universidade de Vigo (UVigo) Lucía Penín desenvolveu novas tecnoloxías para obter de madeiras de piñeiro e eucalipto compostos químicos de interese para a industria, como é o hidroximetilfurfural.

A tese, que levou por título ‘Contribución ao desenvolvemento de novas tecnoloxías para biorrefinerías’, enmárcase nunha liña de investigación do Departamento de Enxeñaría Química da UVigo orientada ao desenvolvemento de procesos químicos para o aproveitamento de biomasa vexetal.

A investigadora destaca o carácter renovable da madeira e subliña que “a utilización de biomasa vexetal como materia prima para novas tecnoloxías que permitan a fabricación de combustibles, produtos químicos e materiais, proporciona unha alternativa a moitos procesos convencionais que empregan recursos fósiles”.

A súa tese centrouse no desenvolvemento de novas tecnoloxías de aproveitamento químico de madeiras, incluíndo etapas de fraccionamento e a produción de compostos con valor comercial”.

Por razóns de abundancia e accesibilidade, explica a investigadora, no seu estudo empregáronse como materias primas as madeiras de ‘Pinus pinaster’ e de ‘Eucalyptus nitens’, acadando “un aproveitamento íntegro dos compoñentes estruturais principais destas dúas materias primas”.

Nos labores experimentais, detállase na tese de Lucía Penín, sometéronse a autohidrólise as mostras de madeiras de ‘Pinus pinaster’ e de ‘Eucalyptus nitens’, a fin de solubilizar selectivamente as súas fraccións hemicelulósicas. Á fracción sólida resultante do tratamento de autohidrólise realizáronselle tratamentos de deslignificación, empregando disolucións concentradas de ácido acético ou líquidos iónicos. O emprego dos líquidos iónicos, aclara a investigadora, “pode limitar os problemas ambientais, permitindo á vez o desenvolvemento de novos produtos”.

Resultados acadados
Froito do traballo realizado, explica a súa responsable, obtivéronse por unha banda compostos furánicos (hidroximetilfurfural e furfural). Sobre este tipo de compostos, Lucía Penín indica como tanto o hidroximetilfurfural como o furfural son “compostos para os que se agarda un futuro brillante, xa que poden actuar como produtos químicos de base (tamén denominados building blocks) para dar lugar a produtos intermedios con aplicación na produción de polímeros ou combustibles”.

Ademais, no estudo desenvolvido desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense obtivéronse disolucións ricas en glicosa a partir das fraccións celulósicas que “poden empregarse para formular medios fermentativos, que á súa vez poden destinarse á produción de múltiples produtos”.

Por último, detalla a xa doutora pola UVigo, acadáronse “compostos fenólicos con alto valor no mercado, como a vainillina ou o siringaldehido, nos tratamentos de oxidación da lignina”. Os resultados experimentais da tese foron publicados en oito artigos en revistas de recoñecido prestixio internacional, tal e como indica a súa autora.

Na tese de doutoramento, explica Lucía Penín, “consideráronse ademais outros aspectos importantes para permitir un aproveitamento integral das madeiras, como a recuperación, caracterización e reactividade das ligninas obtidas nos diferentes métodos de fraccionamento”. A importancia desta parte do estudo, detalla, “radica en que a lignina é un dos compoñentes estruturais das madeiras, supón unha parte cuantitativamente moi importante destas e constitúe a maior fonte natural de compostos aromáticos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información