Como obter mellor madeira de piñeiro en Galicia?

A Fundación Arume márcase dous retos principais. O primeiro desafío pasa por lograr que toda a planta que saia dos viveiros forestais teña a máxima ganancia xenética. O seguinte paso é garantir que as novas plantacións estean suxeitas a manexo silvícola, para o que pide un sistema de axudas plurianuais da Xunta suxeito a fitos contractuais dos propietarios

Como obter mellor madeira de piñeiro en Galicia?

A industria do aserrado do piñeiro en Galicia tivo ata o de agora gran parte do seu negocio no sector de embalaxes e paléts, caracterizado en xeral por unha esixencia flexible sobre a calidade da madeira. Coa aparición de prometedoras liñas de negocio con máis valor engadido, como a madeira estrutural para construción, o termotratado de piñeiro para exteriores ou potenciais posibilidades en carpintería e interiores, as esixencias de calidade aumentan. Está preparado o monte galego para abastecer esa demanda?. Haberá madeira suficiente e de calidade?

En Galicia, o Inventario Forestal calcula a existencia de máis de 400.000 hectáreas de piñeiros, pero as coníferas son unha especie en regresión na comunidade, lastradas principalmente pola expansión do eucalipto nitens na zona norte e polos incendios nas provincias do sur.

A suba de prezos que experimentou o piñeiro a partir do 2022 fixo que as coníferas recuperasen atractivo para o propietario forestal, unha tendencia que a Fundación Arume quere reforzar con novas medidas.

A Fundación Arume, que agrupa á maior parte da cadea forestal madeira da comunidade ligada coas coníferas, desde viveiros forestais e asociacións de propietarios ata a industria, considera que existen dous desafíos principais.

Mellora xenética da planta
Primeiro, que toda a planta que saia dos viveiros con destino a monte teña a máxima calidade xenética, é dicir, que garanta bos crecementos e menores turnos de corta, calidade do fuste e resistencia a pragas, enfermidades ou fenómenos adversos, como o cambio climático.

Con ese obxectivo, a Fundación impulsará a partir do 2024 un plan de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). O obxectivo sitúase en lograr a produción de 5 millóns de plantas con mellora xenética.

Como referencia, no 2022 producíronse nos viveiros forestais galegos 6 millóns de plantas de coníferas, das que algo menos da metade presentaban mellora xenética, ben da categoría cualificada -a superior-, ou controlada. Pero a situación era peor uns anos antes, cando aínda Arume non iniciara os plans piloto de mellora da planta. En aquel entón, no 2019, a planta mellorada era só un 7% da total.

Para lograr a produción de máis planta mellorada, os viveiros forestais galegos comprometéronse na posta en marcha de máis campos de pés nai, a partir dos que facer multiplicación por enraizado de estaquillas. Tamén se está adaptando e utilizando xa en Galicia a técnica da embrioxénese somática de sementes, para lograr a multiplicación de familias melloradas de piñeiro e instalar a curto prazo novos campos de pés nais con ese material.

Tratamentos silvícolas das plantacións
Un segundo chanzo sitúase en garantir o tratamento silvícola das plantacións melloradas, de cara a garantir que se obtén madeira de calidade, podada e libre de nós. Con esa idea, a Fundación Arume presentaralle á Consellería do Medio Rural unha proposta para redefinir as axudas ós montes de coníferas. O obxectivo é a posta en marcha dun programa de axudas públicas destinado á produción sostible de madeira de alto valor.

De cara a asegurar que as axudas públicas logran o seu resultado, proponse que a liña de apoios para xestión sostible dos montes de coníferas teña un carácter plurianual, con pagos progresivos a medida que se consigan determinados fitos silvícolas, desde o inicio da plantación ata o ano 12.

A proposta da Fundación é que as persoas propietarias forestais que queiran aproveitar estas axudas asinen un contrato coa Administración forestal competente, comprometéndose a desenvolver un determinado itinerario silvícola valorado e especificado nun protocolo contractual ou plan técnico.

A axuda proponse que abranga un ciclo de 12 anos, comezando no ano cero da sinatura do contrato e cun calendario de pagos, en función do itinerario silvícola comprometido.

Os modelos silvícolas contractuais, segundo a proposta de Arume, establecerán as quendas e as operacións forestais necesarias para alcanzar os seguintes obxectivos de produción de madeira:

• 300 pés/hectáreaa mínimo ao finalizar a quenda de corta.

• Nos pés obxecto da corta final: polo menos 4 metros de torada basal sen nós.

• 300 m3/ha de madeira na corta final.

As operacións forestais ao longo do primeiro ciclo de cultivo, de 12 anos, incluirán, como mínimo, as seguintes cuestións: plantación con planta mellorada, reposición de marras, rozas de control da vexetación de competencia, podas de formación e de calidade ata unha altura mínima de 4 metros de fuste, cortas de rareo.

Resultados
Estas medidas concíbense como unha semente para lograr a sostibilidade silvícola dos montes de coníferas en Galicia. A cadea da madeira galega enfronta boas perspectivas de futuro no medio prazo, pero precisa garantir un suministro futuro de madeira de calidade en cantidade suficiente. A potencialidade dos novos usos, como a madeira estrutural para a construción, estase xa a deixar sentir, coa previsión de crecementos sostidos da demanda nos próximos anos.

É de destacar, neste sentido, o compromiso da Xunta de Galicia de que, a partir do 2024, polo menos o 20% das edificacións de promoción pública se constrúan con sistemas de madeira estrutural. A Fundación Arume, que onte celebrou unha reunión do seu Padroado, agradeceu este compromiso, que considera que representa unha oportunidade para todo o sector. A previsión é que trala iniciativa pública, chegue tamén a privada a esa tendencia de construción en madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información