Un total de 22 empresas de transformación da madeira e ‘contract’ benefícianse de apoios de XERA

Apóianse ademais accións formativas de 11 asociacións do sector por importe de 320.000 euros

Un total de 22 empresas de transformación da madeira e ‘contract’ benefícianse de apoios de XERA

Secadeiro dunha industria da madeira. / Arquivo.

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de senllas convocatorias de axudas de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal. Así, por unha banda concedéronse apoios por máis de 1,9 millóns de euros para actuacións de innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, da segunda transformación e do contract.

Benefícianse destes apoios un total de 22 empresas, que desenvolverán investimentos que teñen como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permiten obter novos produtos ou produtos valorizados. A porcentaxe de axudas é do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario.

Apoios para formación
Ademais, tamén se resolveron apoios por máis de 320.000 euros para a realización de accións formativas, coas que se financian nove proxectos organizados por once asociacións sen ánimo de lucro, representativas da cadea de valor forestal e fundacións de interese xeral con relación directa con este eido.

Balance do ano
En total, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), concederon este ano axudas por máis de 13,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar a modernización e innovación de toda a cadea de valor da industria forestal.

A estas dúas ordes resoltas días atrás súmase a convocatoria para apoiar os investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciada con fondos Feader. Mediante esta convocatoria concedéronse apoios cunha contía de 11,26 millóns de euros.

As axudas aprobadas por XERA este ano benefician a 116 pequenas e medianas empresas do sector forestal e da madeira, radicadas na súa maioría en áreas rurais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información