Poxa pública de 42 lotes de madeira na provincia da Coruña o vindeiro 11 de xullo

Poxa pública de 42 lotes de madeira na provincia da Coruña o vindeiro 11 de xullo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convoca un alleamento de madeira na provincia da Coruña. A poxa, que se celebrará de forma electrónica na Xefatura Territorial da Consellería na Coruña, terá lugar o vindeiro 11 de xullo.

Así, adxudicaranse 42 lotes de madeira por importe de 1.731.655,34 euros. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

Nesta poxa, os lotes suman máis de 52.000 metros cúbicos de madeira principalmente de coníferas. Ademais, cómpre aclarar que a meirande parte dos lotes (agás dous) son de madeira verde e alléanse polos sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final.

O aproveitamento destas árbores supón unha absorción de CO2 de máis de 36.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida, árbores que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Cómpre destacar que 35 lotes contan con certificación da xestión forestal sostible PEFC e sete máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispoñer tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural:
https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información