Jesús Nantón, director de Operacións do Grupo Malasa (Cerceda, A Coruña), leva 25 anos na empresa. Comezou a traballar como carpinteiro nos inicios da firma, cando era unha pequena carpintería, e viviu toda a súa evolución, ata convertirse no grupo empresarial que é hoxe en día, con proxectos de ‘contract’ a nivel internacional para cadeas de hoteis e ‘retail’.
– Que potencialidade lle ves á madeira de piñeiro de Galicia para as aplicacións da madeira que vós traballades, tanto en mobiliario, interiorismo como en casas prefabricadas de madeira?
– A madeira de piñeiro sempre estivo presente, o que pasa é que ao final o piñeiro, por equivocación ou ao mellor, porque non facemos fincapé os transformadores que estamos na parte final da cadea, estánselle descartando posibilidades xa cando se corta no monte.
A limitación que sempre tivo é que se corta en monte en longos de 2,50 metros. Pensámolo desde o monte para palés, embalaxes ou para triturar.
Nós agora estamos metidos na liña de casas de madeira, estamos intentado facer unha casa de madeira distinta, cunhas calidades top, cun sistema construtivo de entramado de madeira, con fachada ventilada. Podedes imaxinar toda a madeira que leva unha casa de 120 metros cadrados. Que pasa? Unha porcentaxe altisima desa madeira non pode ser piñeiro galego, cousa que a min me gustaría que fose.
Non pode ser porque non temos suficiente piñeiro galego certificado para estrutural e non temos piñeiro galego cunhas dimensións suficientes para poder utilizalo para ese traballo.
O máis grave para min é a limitación no longo. En canto consigamos que non haxa esas limitacións, xa lle podemos dar máis utilidades, pero esa limitación provócanos que teñamos que dar pasos atrás. Hai solucións que lles poderiamos propoñer aos clientes en madeira de piñeiro de Galicia, pero por esa limitación, non podemos facelo.
– Houbo xa avances nos últimos anos en novos usos do piñeiro, como o da madeira contralaminada (CLT) para construción. Que máis pasos cres que habería que dar?
– É certo que creo que imos mellorando, imos no bo camiño, con novos usos, pero aínda nos queda bastante. O primeiro é conseguir un piñeiro rendible no monte e que lle interese ós propietarios facer plantacións con el e cuidalo.
Non son partidario de prohibir especies sen dar opcións. Hai que dar solucións para que se queremos que se plante piñeiro, sexa rendible, que lle interese ao propietario e que proporcione boa madeira para os transformadores.
Porque agora mesmo, a madeira galega de piñeiro presenta nós, forma irregular e ten tonos, texturas e densidades variables. Pódese facer selección desa madeira, pero é un traballo extra para as empresas e iso é un problema.En canto a produtos, non se trata de comezar a cortar o piñeiro a 6 metros de longo, sen máis. A solución pasa por un proceso, unha madeira cun secado apropiado, cun ensaio estrutural para certificala, ver a que dimensións convén cortala, que laminados interesan e tomar decisións. Se tivésemos produtos de piñeiro galego con esas características e calidades, unha empresa como a nosa, a igual prezo, tiraría máis do piñeiro galego, en lugar de traballar, por exemplo, con abeto importado.
– Que usos tedes actualmente da madeira de piñeiro de Galicia?
– Por exemplo, nós facemos para unha cadea de ‘retail’ mobiliario en madeira de piñeiro, cousa que a min me enorgullece podela facer. Ao final vemos un moble elegante e que ten moitas posibilidades.
A nivel estrutural, o mesmo. Podería ter todas as posibilidades. O 70 % da madeira dunha casa nosa é de ‘pino rojo’ ou abeto de Centroeuropa. A madeira que traemos nós para aquí está en costes un 30 % por riba da madeira de piñeiro galego. Realmente ese 30 % son costes do transporte, agora mesmo ese 30 %, se puidese repercutir en Galicia en toda a cadea da madeira, estabamos xa revalorizando sen darnos de conta o noso piñeiro e dándolle moitas máis posibilidades.
O piñeiro galego nunha empresa como a nosa utilizámolo moi pouco, aínda así temos moito piñeiro. Estánselle buscando novas utilidades, nas casas estas que estamos facendo nós todas as fachadas van en piñeiro galego termotratado. É unha posibilidade que vemos que funciona, que gusta, ten un acabado de madeira moito máis nobre e ten bo comportamento para exteriores.
Estase facendo agora un bo traballo co piñeiro, pero non sempre se fixeron as cousas como se tiñan que facer. Ás veces aplicáronse tratamentos en autoclave na madeira de piñeiro que non se fixeron como se tiñan que facer e que deixaron de funcionar como deberían. Entón, no exterior houbo algún fracaso con ese tipo de madeiras. O que non podemos é permitirnos que haxa fracasos.
“A madeira de piñeiro termotratada é unha solución que está gustando moito e ten moita cabida”
– A madeira termotratada de piñeiro, que empregades no exterior das vosas casas, é unha liña de produto á que lle ves posibilidades de crecemento?
– O termotratado foi unha solución que está gustando moito e ten moita cabida. Hoxe mesmo aquí no almacén podemos ver piñeiro galego limpo, en espesor 50 milímetros, que dá gusto velo termotratado. Eu cando llo ensino a algunha persoa, a carpinteiros que colaboran connosco en moitos proxectos, sorpréndense de que iso sexa pino galego.
Aí é onde temos que estar finos e ver as posibilidades que ten, non quedarnos en que é unha embalaxe. Aquí hai 20 metros cúbicos termotratados porque ten futuro. Teño que telo enriba da mesa porque xa aparecerá o momento no que o piñeiro teña a súa saída, porque é un pino que gusta, que ten posibilidades enormes e cun prezo competitivo.
Hai pouco fixemos un proxecto con piñeiro galego para un hotel, con colocación de listóns de madeira no teito. O proxecto viña prescrito con nogal, pero para rebaixarlle o custo final ó cliente, propuxémoslle piñeiro termotratado. Encantou e temos chamadas de interioristas que nos preguntan que madeira é esa. Posibilidades hai moitas, só hai que facer un traballo coherente.
– En canto ás casas prefabricadas en madeira, en que liña estades traballando?
– A nosa casa de madeira, en concreto, ten un entramado de madeira que non está en contacto co exterior. É un sistema construtivo que funciona moi ben a nivel térmico e acústico.
Lembro perfectamente unha casa de madeira que montamos a finais do ano pasado e xusto o día de fin de Ano, que había un temporal grande, a propietaria sorprendíase de que dentro da casa non se escoitaba nin chover nin o vento. Esa casa entregámola a inicios de xaneiro e creo que prenderon a calefacción un día en todo o inverno.
Esteticamente queda preciosa tamén. É unha casa de alto nivel e que ten unha fachada ventilada, que neste caso é madeira, pero poderiámola combinar con porcelana, con metal, con outro tipo de acabados. Temos todas as posibilidades. O que temos é que facer unha casa de calidade, que loxicamente ten uns custos.
Por prezo non podemos ir a unha casa de madeira, porque vai ser máis elevado que unha construción clásica e, sobre todo, unha casa de madeira coas características das nosas. A nosa casa pódese hipotecar porque non se vai acabar nunca.
Un elemento moi favorable para a construción en madeira é que se fai todo en fábrica. Tes unha plataforma, chegas alí e ensamblas a casa. Unha montaxe dunha casa de 130-140 m2, en 3 – 4 semanas está feita e xa case o cliente está vivindo dentro. Loxicamente, ten un proceso anterior, pero en canto tes decidido o que queres, o proceso é áxil.
Quizais un problema que vemos coas casas de madeira é que tecnicamente, para a construción das casas de madeira, en Galicia os técnicos non están aínda formados, saen da Universidade sen coñecementos suficientes neste campo, e é algo no que temos que avanzar.
– Que madeiras empregades habitualmente para o mobiliario e acabados interiores? Habería madeira galega que vos puidese interesar, a parte da de piñeiro?
– Unha madeira coa que temos traballado moito é o carballo europeo, no que agora mesmo temos unha situación grave, porque duplicou o prezo e é difícil de conseguir. Poderiamos substituílo por castiñeiro galego?. Si, se tivésemos madeira de calidade.
O castiñeiro galego non é unha madeira carisima cando a mercamos por metro cúbico, pero ten un desperdicio esaxerado. Os castiñeiros que arrastramos ata o de agora non se trataron con cariño no proceso de corta, serrado e secado.
“Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos”
En xeral, as nosas madeiras teñen o problema de que necesitan procesos para empregalas en mobiliario, o que nos obriga a ir a outras madeiras. Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos.
En canto á madeira de castiñeiro de Europa, é madeira con bos crecementos e limpa, pero non ten a densidade nin a elegancia do noso castiñeiro.
Se falamos de carpinterías de exterior, en Galicia fabricáronse moitos anos do noso castiñeiro e funcionaron de marabilla. Para o exterior, eu optaría polo noso castiñeiro, pero volvemos ó mesmo, procesos da madeira. Temos agora un proxecto con vigas laminadas de castiñeiro nas Canarias e tivemos que ir a Asturias por elas, pois é onde están os mellores proveedores de madeira laminada de castiñeiro.
Malasa, unha empresa orientada a proporcionar un servizo integral
– Explícanos a historia da empresa e a liña de traballos que desenvolvedes.
– O Grupo Malasa é unha empresa que se creou nun inicio como unha pequena ferretería para dar servizo aos carpinteiros. A anterior xeración tiña un serradoiro e almacén de madeira e vía unha necesidade de mercado, que era ter unha ferretería especializada de cara a eses carpinteiros, ós que xa se lles vendían taboleiros e madeira, pero que precisaban de máis servizo.
Creouse esa ferretería no 1992 e no 94-96 montouse un pequeno taller de carpintería que nese momento tiña 1.000 metros. Comezouse a medrar con iso e no 1999 xa tivemos a oportunidade de entrar na colocación de tarimas nas tendas Inditex, que realmente foi a cadea que nos fixo crecer, independentemente de que nos diversificamos moito máis. Naquel momento había falta de instaladores e nós puidemos cubrir esa necesidade e entrar noutras ramas de traballo das tendas.
No 2000 comezamos a fabricar mobiliario, coincidindo cun boom na construción, enfocámonos moito no mobiliario de fogar, todo o que son armarios, portas… Daquela comezamos tamén a fabricar mobiliario para o segmento de ‘retail’.
Chegados a este punto, no 2007 vimos que as instalacións quedábanse pequenas para dar servizo aos clientes que estabamos adquirindo e ás posibilidades que tiñamos de mercado. Era un momento malo, porque foi cando caeu a construción de vivenda, pero por outra vía a nós entrounos unha carga de traballo, que era fabricar mobiliario.
Entón tomouse unha decisión, montáronse unhas instalacións que son nas que estamos agora aquí en Cerceda, de 4.500 metros, que nos parecían esaxeradamente grandes, pero hoxe mesmo aquí en Cerceda temos 50.000 metros cadrados cubertos.
Montamos unhas liñas de barnizado e adaptámonos un pouco ás necesidades que tiñamos para dar servizo ao cliente, que ao final é o que sempre fai Malasa. Considerámonos unha carpintería, pero máis ben unha empresa de servizos, que foi o que sempre intentamos facer: darlle un servizo cada vez máis integral ao cliente.
Polas necesidades que tiñan os nosos clientes e que non eramos capaces de cubrirllas só con subcontratas, tivemos que ir abarcando outras ramas. Por exemplo, integrando dentro do Grupo unha empresa de metal, cristal… para ofrecer o conxunto completo, que é o habitual nos segmento de ‘contract’, no que se traballa para cadeas de hoteis, restauración, etc.
Tamén hai que precisar que das nosas raíces non apartamos nada, seguimos dando servizos ó cliente particular. Seguímolo facendo, respectámolo moitisimo e creo que temos que seguir facéndoo así. De feito, na Coruña temos un showroom renovado, cun investimento importante, e seguimos mantendo esa carpintería pequena que tiñamos alí, para seguir dando servizo ao cliente particular, para non deixalo de lado. É algo que levamos no sangue todos.
- Entrevista difundida pola Fundación Arume