Víctor é un mozo de Esmoriz, en Chantada, de 34 anos, que atopou na gandería a súa paixón e o seu modo de vida desde que fai 7 anos se incorporou á explotación dos seus pais, Gandería Casa do Neiro. Desde entón puxo en marcha moitos cambios, apostando pola produción de leite ecolóxico e polo pastoreo día e noite das súas vacas como base fundamental do manexo das súas 36 cabezas de gando.
Víctor logrou demostrar que cun rabaño pequeno ben xestionado pódese vivir dignamente da gandería, pero neste ano un factor externo está a trastocar os seus plans e a poñer en risco a viabilidade mesma da súa explotación: as súas vacas están a ser desde comezos de ano atacadas por unha manda de cans ceibos que as escorrentan e corren detrás delas até que, asustadas, levan por diante os peches para se ir refuxiar na casa ao establo.
O estrés que estes continuos ataques lles provocan é tal que dúas xa sufriron senllos abortos, outra acabou coxa e mesmo unha tivo que acabar sendo sacrificada no matadoiro. O mesmo estrés que tamén está a padecer Víctor, que bota o día pendente de que non se lle bote o gando das parcelas nas que está pacendo e non pode traballar con normalidade as súas fincas, xa que mesmo se viu obrigado esta primavera a variar as fincas ás que levaba as vacas e cambialas polas máis alonxadas, nas que ensilaba habitualmente os excedentes de herba, para deste xeito tratar de minimizar os danos.
Denuncias que non cundiron efecto
Os problemas para esta explotación comezaron a principios de ano, cando un veciño da parroquia do lado, Villaguillulfe, xa pertencente ao concello de Carballedo, que estivera durante anos en Barcelona, decidiu retornar. Pero fíxoo con 5 cans que andan ceibos e están a atemorizar ás vacas de Víctor.
“Os primeiros ataques non dixen nada porque pensei que igual lle escaparan os cans, pero despois xa vin que eran intencionados. Puxen unha cámara de vixiancia nas fincas onde estaba o gando, coma as que se usan para a caza, e constateino. Diso fai tres meses e din parte á Garda Civil.
Víctor puxo unha cámara de vixiancia nas fincas nas que estaba o gando para demostrar que os ataques eran intencionados
Pero en vez de que servise para que os ataques pararan, aínda foi peor. “Os ataques foron a máis, case a diario e comecei a ver a esta persoa cos cans ceibos polas miñas fincas botándolle os cans ás vacas e empezaron tamén as ameazas e foi entón cando puxen tamén as denuncias no Xulgado. Pero de momento non serviron para nada”,. conta Víctor, que esta primavera tivo que ensilar acompañado doutra persoa para evitar estar só nas fincas por medo a atoparse co dono dos cans, “pero non podo estar traballando cun gardacostas conmigo todo o día”, di.
Graves consecuencias
Para evitar conflitos e tratar de minimizar o estrés sobre o gando, Víctor decidiu cambiar na primavera a programación de pasto nas fincas, alonxando as vacas ás parcelas nas que normalmente ensilaba e ensilando as que normalmente pacía. Pero agora as vacas voltaron aos prados habituais, que están a carón do río e son máis produtivos, para aproveitar o rebrote do outono e de novo agudizáronse os ataques.
“Tentei darlles pasto noutros lados para ir alí o mínimo posible, porque na gandería xa hai problemas dabondos como para ter este tamén, pero estes días leveinas para alí porque é onde teño pasto. Os cans fanas correr, ao ser tantos cans rodéanas e as vacas van cara a saída da finca rompendo todo o que collen por diante e veñen cara ao establo asustadas. Cada vez que hai un ataque deste tipo os animais sufren moito”, lamenta este gandeiro, que xa perdeu unha vaca e outras dúas abortaron froito destes ataques.
Pide ás autoridades que tomen medidas para evitar os danos que están a sufrir as súas vacas e mesmo que se poida producir un accidente na estrada
Pero Víctor teme mesmo que as consecuencias poidan ser peores e se poida producir unha desgraza. “Aínda que non son de razas catalogadas como perigosas si que poden chegar a selo, porque hai un pastor belga malinois, un lobo checoslovaco, cruces de husky e labrador e aínda que teño seguro, se as vacas escapan e hai un accidente na estrada sería responsabilidade miña porque as vacas son miñas”, razoa.
O susto e o medo que pasan os animais nótase na súa produción de leite e ademais, ao botarse dos pastos ecolóxicos nos que están, as vacas de Víctor acaban pacendo nos prados dos veciños, que están en convencional “Están abonados con fertilizantes químicos con moito máis nitróxeno e ese pasto pode ter un efecto metabólico sobre elas similar ao que se produce cando se empachan co trevo na primavera se comen moito”, di.
Vídeo dos cans perseguindo ás vacas