Julio Taboada e Ramón Fernández empezaron hai 4 anos a criar porcos en extensivo na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Contaban cunha superficie de monte que levaba anos en situación de abandono pero que ofrecía boas posibilidades para a alimentación dos animais, ao contar con castiñeiros e carballos.
“Onde temos os porcos non se daba nin entrado, había unha corredoira moi estreita. Hai 4 anos preparamos o sitio cunha pa e metemos os animais. O primeiro ano empezamos con 15 porcos e despois xa fomos aumentando”, explican.
Neste momento dispoñen dunha extensión de 11 hectáreas pechadas e teñen solicitado un polígono agroforestal para ampliar a superficie da explotación. Serían outras 40 hectáreas en Vilameá, na zona de monte que rodea as casas, pertencentes a uns 80 propietarios. É superficie particular dos veciños que neste momento está sen uso, con parcelas de prados (unhas 5 hectáreas) e o resto de monte con presenza de castiñeiros e carballos.
Cambiámolos de parcela e encalamos para que o monte se recupere
A superficie total en conxunto permitiría criar uns 500 porcos ao ano en extensivo. “Faríamos parcelas de entre 4 e 5 hectáreas para poder ir rotando os animais e que se fose recuperando o monte unha vez que eles pasen e desbrocen. Neste momento, das 11 hectáreas das que dispoñemos, temos 3 en descanso. Normalmente cambiamos de parcela logo de dúas campañas”, explica.
O valor de criar porcos en extensivo
Julio destaca dous aspectos positivos da cría de porcos en extensivo: “por un lado temos os montes limpos para que non ardan e por outro producimos carne de moita calidade que non ten nada que ver coa de porcos criados nunha granxa, aínda que a raza poida ser a mesma”, defende.
“A calidade é totalmente distinta, porque ademais da raza ten que ver moito a alimentación”, asegura. Neste caso, “o que comen é natural para que o sabor da carne lembre á dos porcos de antes”, di. Ademais do que eles comen no monte danlles tamén un pequeno aporte de cereal.
Suplementámolos unicamente cun quilo de cereal ecolóxico por animal e día; o resto do que comen é o que eles atopan no monte
“Suplementámolos con algo de penso ecolóxico, un quilo por animal e día, pero sobre todo eles aliméntanse do que atopan. Toda esta zona era monte con moita castaña e moita bellota”, indica.
Ademais, non se xeran problemas de puríns ou contaminación. “Aquí non hai emisións de amoníaco como pode haber nunha granxa porcina convencional. Iso sábese tan só polo olor, neste sistema de manexo non hai cheiros”, asegura.
Facer o ciclo de cría completo
A explotación está focalizada polo momento no cebo, pero pretende completar o ciclo. “Até o de agora mercabamos os porcos de pequenos, xa destetados, e introduciámolos no monte, pero agora xa contamos con varias reprodutoras e un macho para facer tamén nós aquí a cría. Para a campaña do ano que vén xa os criaremos nós aquí todos”, indica Julio.
Dentro da parcela dispoñen dun cobertizo onde os animais se poden resgardar da chuvia e o frío, onde reciben a ración diaria de cereal e onde teñen bebedoiros. É tamén a zona de manexo para os tratamentos e a desparasitación e o lugar de carga para a saída dos porcos cebados cara ao matadoiro.
Os peches, o máis importante
Pechar ben as parcelas é “o máis importante e tamén o máis custoso”, recoñece Julio. “Nós pechamos con malla en todo o perímetro e logo poñémoslles a maiores o pastor. É importante non só para que non se boten eles senón tamén para que non entre o xabarín”, explica.
Revisan case a diario o estado dos peches, algo que lle supón bastante tempo, xa que son perímetros de varios quilómetros con zonas algunhas delas difíciles de andar. “Fago o percorrido todo ao redor cada dous días por se puido caer algunha póla, por exemplo, e lévame hora e media. Case é o que máis traballo dá”, recoñece.
Raza duroc
Os porcos son de raza duroc 100%, que se caracteriza por un bo crecemento e unha axeitada infiltración de graxa. “Probamos distintas razas, desde porco celta a landrán, e tamén cruce de landrán con petrén, pero decantámonos por esta. É a que mellor aguanta o frío e ten un xamón moi entrefrebado. É a que máis rendible nos sae”, asegura Julio.
Nun ano gañan uns 100 quilos de peso
Nós pesámolos cando entran e cando saen. Entran con entre dous meses e dous meses e medio e veñen pesando entre 30 e 35 quilos. Logo témolos aquí entre un ano e catorce meses e veñen saíndo con entre 130 e 140 quilos.
Sala de transformación
Polo de agora Julio e Ramón non contan con instalacións propias nin para sacrificar nin para elaborar, polo que dispoñen de acordos con outras empresas ás que tamén lles venden os porcos cando teñen excedentes unha vez que están cebados. “Matámolos no matadoiro, tanto aquí no de Taboada como en Lugo, e logo elaboramos nunha sala de transformación autorizada para poder vender o produto con tranquilidade”, indica.
Pero a súa idea a medio prazo é contar cunha sala de despece e elaboración propia e facer uso do servizo de matadoiro móbil que acaba de poñer en marcha a Xunta.
O sobreprezo deste tipo de porcos con respecto a un de granxa non é moito e sen embargo a calidade é outra moi diferente
Venden tanto a particulares que buscan un porco de calidade para a matanza como tamén a bares e restaurantes. Ofrecen tamén para grupos, e previa reserva a través do número de teléfono 647521992, a posibilidade de degustar nunha casa tradicional do século XVIII un cocido elaborado coa carne e as salazóns que eles fan. Dispoñen ademais dalgunha tenda que comercializa xa os seus produtos elaborados (chourizo, chourizo ceboleiro, butelo e androlla, entre outros).
Ofrecen para grupos a posibilidade de degustar un cocido previa reserva
Neste momento a produción que teñen é máis estacional e concéntrase sobre todo nos meses do inverno, que é tamén cando hai máis demanda pola tradición das matanzas nas casas, pero cando teñan a pleno funcionamento o polígono agroforestal, cos 500 porcos, a súa idea é ter produción durante todo o ano e que os seus embutidos e produtos salgados e curados poidan mercarse nas tendas.
“E o que non sexamos capaces de transformar e vender nós seguirémolo vendendo a outras industrias cárnicas de transformación que hai en Galicia e que apostan polos produtos de calidade igual ca nós. Hainas que están interesadas en mercarnos a produción”, di Julio.
Vacas cachenas para manter limpos os prados
Na casa de Julio en Sabadelle houbo vacas de leite pero cando a explotación pechou as fincas fóronse abandonando e enchendo de maleza. Por iso decidiu introducir vacas de carne, de raza cachena, coas que manter coidados os prados. “Empecei con 5 e agora teño 24”, detalla.
Coa carne de cachena tamén fai venda directa. “Ao principio non había moita saída, pero agora non se dan producido becerros, hai moita demanda”, asegura.
Os animales están todo o ano fóra, “tanto en verán como en inverno”, explica. Máis aló do que pacen, nos meses de agosto e setembro ten que suplementar con silo ou herba seca porque “isto é moi seco”, conta.
Para cambialas de prado teño que manexalas eu só; son animais con bastante temperamento
O manexo que fai é sinxelo, simplemente vai cambiando de finca as vacas coas súas crías. A raza cachena ten fama de ter temperamento, pero Julio explica que no seu caso bota man dunha das vacas máis vellas do rabaño, que é a máis mansa, para levala diante e que as outras a sigan. “Teño que manexalas eu só, iso si”, recoñece.
Para Julio tanto a cría dos porcos como as vacas cachenas é polo de agora unha actividade complementaria, polo que ten que buscar un sistema de manexo o máis sinxelo posible e que requira a menor carga de traballo posible.
As cachenas non dominan o monte, os porcos si
Aínda que a cachena é unha raza rústica que pace e é capaz de alimentarse en zonas arbustivas, “a vaca non domina o monte”, asegura Julio, polo que a maleza e a vexetación acabaría pechándoo. Por iso pensaron nos porcos que, nese sentido, “desbrozan moito máis que as cachenas”, di. “Os porcos pacen igual que as vacas, pero acaban tamén coas silvas e os toxos; deixan todo limpo e despois aí medra a herba”, valora.
O ano pasado no outono, cando retiraron os porcos da parcela de monte na que levaban dous anos, encalaron para favorecer a desinfección do terreo e o nacemento da pradeira, grazas ao mellor aproveitamento do abono depositado polos propios animais.