Dos 1.175 controis realizados este ano relativos á condicionalidade da PAC en Galicia, en 564 casos detéctaronse incumprimentos, o que representa un 48% do total de beneficiarios inspeccionados. A maioría dos incumprimentos correspondéronse a casos detectados en inspeccións sobre o terreo (343), se ben houbo tamén máis dun cento de incidencias pola non admisibilidade de parcelas declaradas e outro cento por outro tipo de controis.
O maior volume de problemas apareceu nos controis realizados sobre o terreo, correspondéndose boa parte das incidencias con erros na identificación e rexistro de animais (217 casos). As inspeccións tamén detectaron problemas relativos ó benestar animal (20 casos), ó uso de fitosanitarios (10), á seguridade alimentaria (32), á protección de augas subterráneas (19) e á cobertura mínima do solo (35).
Sobre esta última cuestión, a cobertura mínima do solo, cómpre lembrar que as parcelas declaradas na PAC deben manterse en boas condicións agrarias, incluídos os barbeitos e os pastos arbustivos. En canto ás parcelas que están a herba no inverno e se sementan con millo na primavera, ese cultivo non se pode facer antes do 15 de maio, segundo marca a normativa comunitaria.
Penalizacións
Cando se detectan incumprimentos, a Administración decide as penalizacións a aplicar nos pagos da PAC, que oscilan entre o 1 e o 5%. Tamén hai casos de infraccións leves nas que non se aplican penalizacións nos pagos. En Galicia, este ano sufriron penalizacións 356 beneficiarios da PAC por incumprimentos ou ben en Requisitos Legais de Xestión ou nas Boas Condicións Agrarias e Medioambientais. Son un 30% do total de persoas inspeccionadas.
A cantidade total que a Administración galega descontou en conceptos de penalizacións ascendeu a 270.000 euros, o que representa un 1,21% da cantidade percibida polos 1.175 beneficiarios sometidos a controis este ano, dos máis de 22.000 que hai na comunidade.
Condicionalidade reforzada da PAC, estes serán os requisitos ambientais para cobrar as axudas