Últimas prazas para participar nas catas comentadas dos viños da DO. Valdeorras

Publicidade
Últimas prazas para participar nas catas comentadas dos viños da DO. Valdeorras

Este vindeiro fin de semana, 10 e 11 de xullo, celebraranse nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, as catas comentadas de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, unha innovadora iniciativa na que dous expertos explicarán aos participantes a importancia das froitas nos aromas dos viños desta comarca ourensá, así como maridalos cos queixos galegos con denominación de orixe.

En concreto, o sábado e o domingo pola mañá, o director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, impartirá en horario de 13:00 a 14:00 horas unha cata comentada baixo o título “Aromas e Sabores. Froita e Viño, mundos paralelos”.

Polas tardes, en horario de 19 a 20:00 horas, nas dúas xornadas, Marisé Mosteiro, directora técnica da C.R.D.O. Queixo de Tetilla impartirá cadansúa cata centrada na capacidade de maridaxe dos queixos galegos cos viños valdeorreses.

O custo de cada unha destas catas será de 10 euros e cómpre inscrición previa antes do 8 de xullo no email comunicacion@dovaldeorras.com Asimesmo, o seu aforo limitase a 20 persoas.

Jorge Mazaira: “Os aromas dos viños de Valdeorras tamén están presentes nas froitas tropicais”

Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador, explica que na cata comentada que dirixirá “achegaremos ao público nocións para aprender a identificar nos viños de Valdeorras aromas frutais”.

“Moitos dos compostos aromáticos que están presentes na froita tamén o están no viño, e por iso nos cando o catamos nos lembra a eses sabores frutais que poderemos descubrir nesta cata. Así, por exemplo, o godello de Valdeorras, dependendo da súa madurez e proceso de elaboración, recórdanos aos aromas da piña, da mazá golden, pero tamén as notas de amargor son moi parecidas ás do mango”, explica.

Tamén se realizarán combinacións de froitas e analizarase como detectar os seus aromas nos viños.

En canto á cata de queixos galegos con DO (San Simón da Costa, Tetilla, Arzúa Ulloa e Cebreiro), Jorge Mazaira adianta que “explicaremos as nocións clave para catar un queixo e identificar as características de cada DO”. “E por suposto, maridados con viños de Valdeorras, que polos seus compostos fenólicos encaixan perfectamente cos queixos galegos”, destaca.

Máis actividades

Ademáis destas catas comentadas, o programa deste ano de promoción dos viños da DO. Valdeorras, inclúe durante esta fin de semana un túnel do viño e a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.

Dende o Consello Regulador concibiuse Túnel do Viño, no que haberá mostras de brancos e tintos de 22 adegas. En total, poderán degustarse ata 60 referencias. O Túnel do Viño desenvolverase baixo un protocolo anti-Covid que prevé entradas e saídas á carpa da jaima instalada en Viloira ben diferenciadas. O aforo será limitado a 150 persoas e en canto se cubra haberá que agadar para volver entrar.

A carpa, emprazada na Praza Ramón Otero Pedraio de Viloira, estará ventilada polos catro lados dende o metro e medio de altura e ata o teito. Todo o mundo deberá empregar máscara dentro da jaima, e só debe quitarse para consumir.

Catro sesións diferentes

Este Túnel do Viño desenvolverase en catro sesións diferentes: na mañá e tarde do sábado 10, dunha banda, e na mañá e tarde do domingo 11, da outra. O prezo será de 7 euros por sesión e de 10 euros para dúas sesións. As entradas poderán adquirirse nunha jaima independente á do evento e coa entrada darase unha copa de cristal serigrafiada.

A quenda das sesións matutinas será de 12.00 a 14.00 horas os dous días. E a das vespertinas de 19.00 a 22.00 horas, tamén nambas as xornadas. Esa sería a hora límite para entrar. Os que estean dentro antes de esa hora poderán quedar ata as 14.45 horas ou 22.45 horas respectivamente.

Xunto a isto, haberá unha actuación musical patrocinada polo Concello do Barco de Valdeorras no marco dos actos de promoción vitivinícola, a cargo do grupo vigués Broken Peach.

Ademais, como é habitual cada ano, celebrarase unha nova edición da Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, unha cita que acada a súa edición número XXII. Ata o de agora hai 19 adegas inscritas e 50 referencias e esta semana procederase coas degustacións para logo, na xornada do venres 9 de xullo, entregar os premios aos gañadores nas diferentes categorías no marco dun acto que se celebrará no Hotel Pazo do Castro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información